Ideoloxía e franquismo: a conversión dos guerrilleiros en bandidos

O 1 de abril de 1939, Franco declarou o final da contenda civil que desangrou España entre 1936 e 1939. Para Franco, os inimigos foron derrotados definitivamente e xa só quedaba a tarefa de reconstrución e de reeducación da sociedade. Porén, isto non era certo por completo. A articulación da loita guerrilleira xerou outro frente de batalla que había que combatir. Unha loita que non podía pasar por una loita política, xa que isto deslexitimaba a construción do novo Estado. Franco necesitaba que a guerrilla non fora pensada como un movemento organizado.

Para isto, o réxime utilizou dúas ferramentas: a represión e a ideoloxía. Sobre a primeira xa desenvolveremos algunhas ideas no futuro. Sobre a segunda, o franquismo valeuse fundamentalmente da lexislación. O 18 de abril de 1947 foi publicado o Decreto-ley sobre represión de los delitos de bandidaje y terrorismo, cuxo obxectivo foi artellar os mecanismos de loita do Estado contra a guerrilla.

Esta lei buscaba deshumanizar os guerrilleiros e guerrilleiras de tal xeito que a súa eliminación física non supuxera un problema moral. Un proceso que o filósofo Giorgio Agamben denomina como a conversión en homo sacer, a non-persoa. Unha das conclusións das nosas escavacións na Ciudad de la Selva e que os chozos da guerrilla foron queimados pola Garda Civil, nun intento de borrar a memoria da loita guerrilleira nos montes de Casaio. Unha damnatio memoriae das non-persoas que, para o franquismo, eran as agrupacións guerrilleiras.

Estrato de queimado documentado no chozo Morteiras 1, na Ciudad de la Selva

Pero a guerrilla tamén tiña as súas propias ferramentas para loitar contra esta deshumanización. Durante o ataque en xullo de 1946 á Cidade da Selva, a Garda Civil abateu a dous guerrilleiros: Francisco Elvira e Arcadio Ríos. Para a Garda Civil, ambos os dous eran «bandoleros». Así está reflectido no parte do ataque:

…después de minuciosas gestiones practicadas por el grupo de fuerza […] tomar contacto con un grupo de bandoleros en número aproximado de 20 a 25, a las 16 horas del día 27 en el Valle que riega el arroyo del Riodolas, con el que entablaron nutrido tiroteo por ambas partes, del que resultaron dos bandoleros muertos que quedaron abandonados.

César Ríos

Porén, o irmán de Arcadio, César, deixou unha nota a carón do corpo morto, onde se podía ler: «Arcadío Ríos. Respeten o seu cadáver que é dun guerrilleiro honrado que a través da Historia honra á nosa patria. O seu irmán César»

E así, Arcadio volveu a ser a persoa que o Estado franquista quería invisibilizar.

Tecidos, indumentaria da guerrilla e a ocupación da Ciudad de la Selva

O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí


O feito de que os chozos escavados foran queimados tras o seu abandono (ver apartado 2) fixo que se puidesen conservar en bo estado diferentes tecidos e restos de indumentaria das partidas guerrilleiras. Xa fixemos referencia aos elementos de indumentaria de metal relacionados co armamento (ver apartado 4.2). Referirémonos agora ao resto de materiais que nos mostran como se protexían os guerrilleiros das duras condicións da vida no monte. Sigue leyendo «Tecidos, indumentaria da guerrilla e a ocupación da Ciudad de la Selva»

Os vidros e o alcol na Ciudad de la Selva

O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí


Unha das materialidades cuantitativamente máis relevantes da intervención foron os vidros, cun total de 192 fragmentos atopados (22,05% do total). Un pequeno grupo (CS’18-1006-41; 4 fragmentos; 2% do total) corresponde aos fragmentos dunha xanela do chozo de Morteiras-1, como xa foi descrito (ver apartado 2).

O resto, a pesar das dificultades para determinar as formas específicas, corresponderían a botellas pensadas para a contención de líquidos. A única botella que puido ser reconstruída foi o obxecto CS’18-3007-1, correspondente a unha botella de 50 cl de anís atopada no chozo Morteiras-4. Pola forma e pola distribución da decoración en relevo, se puido determinar que é unha botella de anís marca La Asturiana. Esta marca pertence á empresa Hijos de Francisco Serrano S.A., fundada en 1895 en Oviedo, Asturias, que posteriormente foi trasladada a Quintanar de la Orden, en Toledo. Alí abriron en 1916 a fábrica de Anís de la Asturiana, cuxo anís gañou moita popularidade nas décadas seguintes xunto coa marca Anís del Mono (fundada en 1870 en Badalona). Outro fragmento de vidro de anís (CS’18-OBJ-36) foi recuperado tamén cerca do chozo Morteiras-4, polo que podería corresponder á mesma botella.

Figura 98: Botella de anís atopada no chozo Morteiras-4

Do resto dos vidros, 149 fragmentos (77%) son de cor verde e corresponderían a un NMI de 10 botellas, posibelmente de viño, se ben non se descarta outras posibilidades coma o coñac. En relación a estas botellas podería mencionarse a presenza dun tapón de cortiza atopado no chozo Teixadal-1 (CS’18-2008-1), se ben a súa posición estratigráfica podería corresponder aos momentos de reocupación do mesmo e non a súa ocupación por parte da guerrilla. O resto de vidros (16 fragmentos; 8,3%) son de cor transparente e moi difíciles de determinar. Entre eles, pola forma, os dous fragmentos CS’18-1014-325 poderían pertencer a unhas gafas, se ben esta hipótese é dubidosa.

Figura 99: Vidros de botella, posibelmente de viño

A presenza do alcol -xa de por si común en calquera contexto contemporáneo- en contextos de conflito é algo plenamente constatado arqueoloxicamente(González-Ruibal, 2018; Larkin y Mcguire, 2009). O alcol é utilizado neste tipo de contextos non só como unha forma de ocio, se non tamén como forma de control da ansiedade en situacións de extrema tensión como son os campos de batalla ou de trincheira (González-Ruibal, 2016). A vida cotiá no monte dos grupos guerrilleiros tiña que confrontar día a día, no caso da Ciudad de la Selva durante case cinco anos, a constante tensión e perigo de morrer. A diferenza coas trincheiras é substancial: menos intensidade do perigo pero moi dilatada no tempo. Neste sentido, o alcol podería servir como atenuante e distracción.

 

Bibliografía

González-Ruibal, Alfredo: Volver a las trincheras. Una arqueología de la Guerra Civil española. Alianza Editorial, Madrid: 2016

González-Ruibal, Alfredo: An Archaeology of the Contemporary Era. Routlege, Oxford: 2018

Larkin, Karin, y Mcguire, Randall H.: The archaeology of Class War: the Colorado Coaldfield Strike of 1913-1914. University Press of Colorado, Boulder: 2009

A utilización da paisaxe por parte da guerrilla

Non hai dúbida de que grazas á documentación escrita temos un coñecemento moi profundo sobre a guerrilla antifranquista no noroeste peninsular. Desde os anos 80, autores como Harmut Heine, Secundino Serrano ou Aurora Marco achegaron unha información crucial para a comprensión deste fenómeno político e social. Porén, e como xa defendemos noutros posts, só grazas a materialidade e ao seu estudo mediante a arqueoloxía podemos achegarnos a certos aspectos da guerrilla non visibles na documentación escrita. Aínda máis, se entendemos a arqueoloxía como a capacidade, tamén, de estudar a relación das sociedades coa paisaxe. Grazas aos nosos estudos podemos aprofundar moito nesta relación coa paisaxe no caso da guerrilla na contorna dos montes de Casaio. Sigue leyendo «A utilización da paisaxe por parte da guerrilla»

A hixiene persoal e a saúde dos guerrilleiros na Ciudad de la Selva

Cremas de dentes

O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí


Un dos aspectos máis sobresaíntes das escavacións na Ciudad de la Selva foi a documentación dun conxunto de obxectos relacionados coa hixiene persoal e a saúde dos grupos guerrilleiros. A documentación deste tipo de obxectos contrastan coa imaxe, quizá romántica, do guerrilleiro como lobo solitario que loita pola súa supervivencia contra as forzas da natureza, como mostran as novelas ao respecto (Grandes, 2012; p.ex. Guerra Garrido, 2010; Llamazares, 2001; vid. Vidal Castaño, 2016a). Isto non significa tampouco que todos os grupos guerrilleiros contaran con este tipo de obxectos na súa vida diaria; de novo, temos que ter en conta que as escavacións na zona de Morteiras (onde foron recuperados todos estes obxectos) referencia fundamentalmente a vida da Federación e, polo tanto, a parte máis organizada do movemento guerrilleiro no noroeste peninsular. Sigue leyendo «A hixiene persoal e a saúde dos guerrilleiros na Ciudad de la Selva»

Escavación e secuencia estratigráfica do chozo Teixadal-1 no sitio do bosque do Teixadal

Teixadal-1 antes de iniciar os traballos de escavación

Neste post, seguindo coa publicación dos contextos de Morteiras-1 e Morteiras-4, presentamos a estratigrafía do chozo Morteiras-4, escavado en verán de 2018 e interpretado como un chozo habitacional da guerrilla antifranquista. Todo isto pode ser consultado na memoria técnica presentada na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que podedes descargar aquí.

Sigue leyendo «Escavación e secuencia estratigráfica do chozo Teixadal-1 no sitio do bosque do Teixadal»

Escavación e secuencia estratigráfica do chozo da guerrilla Morteiras-4 (val de Morteiras)

Neste post, seguindo coa publicación do contexto de Morteiras-1, presentamos a estratigrafía do chozo Morteiras-4, escavado en verán de 2018 e interpretado como un chozo habitacional da guerrilla antifranquista. Todo isto pode ser consultado na memoria técnica presentada na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que podedes descargar aquí.

O Chozo de Morteiras-4 localízase no extremo norte do sitio das Morteiras, nunha ladeira á marxe esquerda do arroio homónimo e cunha pronunciada pendente en dirección cara dito arroio. Sitúase a uns 20 m en dirección norte con respecto ao chozo de Morteiras-3 e a uns 30 m na mesma dirección con respecto a Morteiras-2. A estrutura ten unhas medidas de 5.1 x 3.2 m e 8.9 m2 de espazo interior útil. Sigue leyendo «Escavación e secuencia estratigráfica do chozo da guerrilla Morteiras-4 (val de Morteiras)»

Escavación e secuencia estratigráfica do chozo da guerrilla Morteiras-1 (val de Morteiras)

Morteiras-1 antes de iniciar os traballos de escavación

A arqueoloxía traballa coas historias na terra. E para facer esas historias é fundamental facer escavacións estratigráficas, isto é, diferenciar as diferentes capas e niveis que forman o rexistro arqueolóxico. Do mesmo modo que a química basease nas partículas para construír as súas hipóteses, nós utilizamos os estratos, polo que é moi importante saber que estratos hai nunha escavación e a información que estes dan. En aras da transparencia, nos seguintes párrafos (e tamén en próximos posts) presentaremos a estratigrafía dos chozos que escavamos na campaña de 2018. Todo isto pode ser consultado na memoria técnica presentada na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que podedes descargar aquí. Sigue leyendo «Escavación e secuencia estratigráfica do chozo da guerrilla Morteiras-1 (val de Morteiras)»

A Ciudad de la Selva na documentación escrita (V): A muller na Ciudad de la Selva

(Texto redactado por Alejandro Rodríguez Gutiérrez e extraído do informe técnico da escavación da Ciudad de la Selva. Campaña 2018)

Unha das cuestión máis descoñecidas, até o de agora, era a participación e presenza de mulleres dentro dos grupos guerrilleiros. Sen dúbida, a obra de Marco (2011), supón todo un referente en canto a esta realidade, onde se fai unha análise completa e profunda dende un punto de vista de xénero e cun importantísimo traballo de recompilación de testemuñas. Resaltando de maneira especial, na parte que nos corresponde, o de Consuelo Rodríguez López, Chelo,guerrilleira nos Vales de Casaio. Neste punto, facemos unha aproximación a esta cuestión, aínda que dunha forma diferente, analizando a participación da muller no movemento guerrilleiro, nos seus papeis de enlace ou de guerrilleira, dende un punto de vista documental, principalmente a través dos procedementos xudiciais (Rodríguez Gutiérrez, 2017a, 2017b). Sigue leyendo «A Ciudad de la Selva na documentación escrita (V): A muller na Ciudad de la Selva»

Por que sabemos que os chozos dos montes de Casaio son da guerrilla? Estratigrafía e materialidade

Cando chegamos hai case tres anos a Casaio, pouco sabiamos das sorpresas que levaríamos co estudo da «Ciudad de la Selva». Despois de todo ese tempo, e de moito traballo de campo, atopamos 18 campamentos asociados á guerrilla, e tivemos a oportunidade de escavar en catro deses campamentos. Os resultados foron sorprendentes, e aínda temos moito que analizar e poñer en relación coa documentación escrita e coas testemuñas orais. Só o conxunto de obxectos escavados son unha auténtica xoia arqueolóxica que proporcionará datos moi relevantes para entender a articulación do movemento guerrilleiro no noroeste peninsular.

Porén, os nosos traballos na «Ciudad de la Selva» espertaron algunhas dúbidas e críticas. Dúbidas e críticas que son totalmente lexítimas sempre que sexan propostas desde o respecto e o espírito do debate. A disciplina da Historia só se move se hai confrontación sa de ideas; é desde a presentación e defensa duns datos que nos achegamos a unha comprensión cada vez máis densa da nosa Historia. Unha destas dúbidas ten que ver coa cronoloxía e a funcionalidade das estruturas que estamos a escavar. A idea é que os chozos escavados poderían ser anteriores e utilizados por pastores en vez de pola guerrilla.

Para responder a isto, a Arqueoloxía dispón dunha ferramenta moi útil a estratigrafía. A estratigrafía estuda a secuencia de deposición dos niveis nun sitio concreto e, mediante a súa posta en relación cos obxectos atopados na terra, poder interpretado. Neste caso, presentaremos brevemente a estratigrafía de dous dos chozos para demostrar o seu uso pola guerrilla.

O chozo Morteiras-1 foi un dos mellores exemplos escavados. Este chozo feito en pedra, atopouse totalmente derrubado. Unha vez retirados os derrubos, atopouse un nivel cheo de cinzas que interpretamos como un nivel froito do queimado do chozo. Foi neste nivel onde atopamos todo o material; sobre todo vaíñas de fusil Mauser, anacos de granada de man ou balas de revolver. Obxectos que claramente indican que foi utilizado pola guerrilla nos anos 40. E isto sabemolo porque atopamos unha moeda acuñada nestes momentos. Baixo o nivel de queimado atopamos o chan, feito de lousa de gran tamaño. E baixo este chan non había outras ocupacións o que demostra que este chozo foi construído pola guerrilla, sen reaproveitar edificos anteriores.

Algo distinta é a estratigrafía do chozo escavado no Teixadal. Este chozo sabiamos que si fora utilizado por pastores grazas ás testemuñas orais. Mais tamén existía unha tradición de que a guerrilla o utilizara nos anos 40. De novo, a estratigrafía resolve a cuestión. Baixo os niveis de derrubo atopamos unha lata de conserva e unha vaíña de fusil dos anos 30, o que demostraba a presenza guerrilleira. Doutro xeito, as reparacións documentadas nos muros mostraban que foi reocupado posteriormente, desta volta si, por pastores.

Grazas a estratigrafía a Arqueoloxía pode sacar conclusións científicas das escavacións, e é a nosa mellor ferramenta para achegarnos, aínda que sexa pouco a pouco, á verdade histórica.