Ideoloxía e franquismo: a conversión dos guerrilleiros en bandidos

O 1 de abril de 1939, Franco declarou o final da contenda civil que desangrou España entre 1936 e 1939. Para Franco, os inimigos foron derrotados definitivamente e xa só quedaba a tarefa de reconstrución e de reeducación da sociedade. Porén, isto non era certo por completo. A articulación da loita guerrilleira xerou outro frente de batalla que había que combatir. Unha loita que non podía pasar por una loita política, xa que isto deslexitimaba a construción do novo Estado. Franco necesitaba que a guerrilla non fora pensada como un movemento organizado.

Para isto, o réxime utilizou dúas ferramentas: a represión e a ideoloxía. Sobre a primeira xa desenvolveremos algunhas ideas no futuro. Sobre a segunda, o franquismo valeuse fundamentalmente da lexislación. O 18 de abril de 1947 foi publicado o Decreto-ley sobre represión de los delitos de bandidaje y terrorismo, cuxo obxectivo foi artellar os mecanismos de loita do Estado contra a guerrilla.

Esta lei buscaba deshumanizar os guerrilleiros e guerrilleiras de tal xeito que a súa eliminación física non supuxera un problema moral. Un proceso que o filósofo Giorgio Agamben denomina como a conversión en homo sacer, a non-persoa. Unha das conclusións das nosas escavacións na Ciudad de la Selva e que os chozos da guerrilla foron queimados pola Garda Civil, nun intento de borrar a memoria da loita guerrilleira nos montes de Casaio. Unha damnatio memoriae das non-persoas que, para o franquismo, eran as agrupacións guerrilleiras.

Estrato de queimado documentado no chozo Morteiras 1, na Ciudad de la Selva

Pero a guerrilla tamén tiña as súas propias ferramentas para loitar contra esta deshumanización. Durante o ataque en xullo de 1946 á Cidade da Selva, a Garda Civil abateu a dous guerrilleiros: Francisco Elvira e Arcadio Ríos. Para a Garda Civil, ambos os dous eran «bandoleros». Así está reflectido no parte do ataque:

…después de minuciosas gestiones practicadas por el grupo de fuerza […] tomar contacto con un grupo de bandoleros en número aproximado de 20 a 25, a las 16 horas del día 27 en el Valle que riega el arroyo del Riodolas, con el que entablaron nutrido tiroteo por ambas partes, del que resultaron dos bandoleros muertos que quedaron abandonados.

César Ríos

Porén, o irmán de Arcadio, César, deixou unha nota a carón do corpo morto, onde se podía ler: «Arcadío Ríos. Respeten o seu cadáver que é dun guerrilleiro honrado que a través da Historia honra á nosa patria. O seu irmán César»

E así, Arcadio volveu a ser a persoa que o Estado franquista quería invisibilizar.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s