Entradas

Manuel Girón Bazán e a falta de rigor. Vol. 1

Alejandro Rodríguez Gutiérrez (Doctor en Historia. Coordinador de Memoria Histórica de Sputnik Labrego)

Hai meses, cando sacamos á luz que conseguíramos identificar xenéticamente os restos do guerrilleiro Manuel Girón Bazán, falamos de que sempre é preciso falar con rigor. Porque así o precisan as vítimas e as súas familias. E porque así é como se constrúe a historia: sen mitificacións, sen sobredimensións, sen manipular os documentos, e sen usalos para tentar aproveitarse desas persoas. E por suposto, lendo ata a última coma de cada documento…


E son varios os casos nos que comprobamos como a figura de Girón foi utilizada cunha total falta de rigor. Hoxe, o primeiro deses capítulos.


Como sabedes, hai que afirma que Girón morreu 4 veces, incluso fan declaracións públicas afirmando que é a única persoa na historia da humanidade que foi inscrita 4 veces nos rexistros. Algo que é rotundamente falso.


A primeira morte que lle atribúen, tivo lugar o 13 de novembro de 1940, dicindo que a quen recoñecen non é ao seu irmán José, que levaba xa algún tempo no exilio – de feito, en setembro dese mesmo ano, intentou sair cara a México a través do Consulado de Burdeos, como vedes no documento do Arquivo General de la Nación de México -, senon que o suposto morto é Manuel.


Tamén falan de que, claro, nunha entrevista Emilia, a súa irmá, dixera que «habían matado a Manuel Girón en todas partes», e que unha vez a levaran a Castropodame a recoñecelo. E claro, se collemos un documento solto, como o da seguinte foto, e vemos que a morte se lle atribúe a José Girón, sen máis datos, poderíamos chegar a pensar que se podería tratar dun erro na transcripción, e que realmente o morto é Manuel, porque efectivamente, José levaba máis dun ano no exilio e, claro, meses antes, en xaneiro de 1940, detiveran a José Igareta, veciño de Villar de los Barrios por administrar os seus bens.


Sen embargo, o que nos ensinan nas facultades, é que os datos, hai que contrastalos e non interpretalos cara o interese persoal da nosa investigación. E é que a memoria é un territorio fráxil, é selectiva, e non é un arquivo exacto. A memoria é unha reconstrucción imperfecta do pasado, que conserva a esencia dos feitos, pero non sempre a precisión dos seus detalles.


Entón, se acudimos ao documento orixinal, á declaración de Emilia en novembro de 1940, atopamos a solución.

«Di que reconoce en el cadáver que le fue expuesto a su hermano el huido José Girón Bazán, de treinta y seis años, casado, cazador, hijo de Emilio y Juana, natural de Los Barrios, el cual se creía se encontraba en Francia, sostenía correspondencia con una tia llamada Petra Girón ya fallecida; sabe también que se casó después de estar huido con una mujer llamada Cesárea Blanco de la provincia de León, ignorando el pueblo así como su paradero actual, cuyas fotografías tanto de él como de ella remitió a la citada tia se incautó la fuerza pública de Los Barrios, no sabiendo la fecha; que tiene otro hermano llamado Manuel Girón Bazán de treinta y dos años, soltero, cazador, de estatura regular mas bien bajo, regordo, moreno de cara ancha más parecido a la declarante que al muerto y del que no ha tenido noticia alguna».

(Adxuntamos tamén a foto, por se hai dúbidas…). Polo tanto, a quen recoñeceu realmente Emilia, a José ou a Manuel…?


E, se isto non fose suficiente, resulta que ainda hai máis. Segundo din, a Guardia Civil sabía dende xaneiro de 1940 que José estaba no exilio e, polo tanto, non podía recoñecelo, porque xa tiñan detido a José Igareta. Vedes que, na portada das dilixencias da súa detención figura efectivamente xaneiro de 1940. Sen embargo, a dúbida salta cando imos a analizar con máis detalle o asunto. Resulta que nesas dilixencias, aparece unha carta asinada por Pepe (José Girón) e Cesárea, datada o 4 de maio de 1940. E danos por pensar que, ben, os contactos poderían terse producido antes e cando José Girón recibe unha carta anterior de José Igareta e quere respondela pois este xa está detido.


Pero claro, se seguimos a afondar máis no asunto, saen máis cousas. E a dúbida, outra vez máis, vaina resolver a declaración do propio protagonista da historia convertida en conto. Transcribimos, sen manipulacións de ningún tipo, a primeira declaración de José Igareta tras a súa detención:

«Preguntado para que manifieste cómo y por quien se enteró de que el José Girón había sido muerto en el pueblo de Castropodame y si después de recibir esta noticia aún ha continuado administrando en igual forma sus bienes; dijo que solo por referencias se enteró de la muerte de aquel, no recordando si en Los Barrios llegó alguien a facilitar esta noticia, por lo que continuaba en uso de sus atribuciones administrando los intereses del mismo».


E seguen falando os documentos, porque o Instructor, afirma na suas primeiras conclusións que a administración dos bens de José Girón e as cartas asinadas por este dende Francia formaban parte dun acordo.

«Supone que también sean aquellas apócrifas y fueran enviadas a él previo un acuerdo entre ambos, simulando se hallaba en Francia para de esa forma poder operar con libertad en España, y no causar perjuicios con deportaciones u otras medidas a sus familiares. […] En Ponferrada a catorce de diciembre del año mil novecientos cuarenta. Polo tanto, a detención de Igareta foi posterior á suposta morte de José Girón, e nada tivo que ver a súa detención e a localización das cartas entre ámbolos dous para que a Guardia Civil soubese que José Girón estaba en Francia. José Igareta foi detido entre ese mes de decembro de 1940 e o 8 de outubro de 1941, cando foi liberado da cárcere provincial de León tras o sobreseimento das dilixencias».

En conclusión, pódese afirmar que Manuel Girón morreu 4 veces? NON. Con rigor, así foi a primeira vez que non deron por morto a Manuel Girón.

Sobre a datación das ocupacións históricas do Castelo, en Valencia do Sil

Unha das cuestións máis problemáticas que tivemos que afrontar cando comezamos a traballar no espectacular sitio do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) foi centrar a datación da ocupación ou ocupacións que tivo este sitio. Datar un xacemento arqueolóxico é fundamental para insertalo nun contexto social e político específico; e datar un xacemento as veces non é tarefa sinxela… Como é o caso do Castelo.

Tradicionalmente, este sitio considerouse como un «castro romanizado», o que implicaba unha ocupación entre os séculos I e IV d.n.e. aproximadamente. De feito, as escavacións feitas polo grupo dos Escarbadores, Santiago Ferrer e José Fernández Pérez mostraban materiais (principalmente moedas e cerámicas) que eran coherentes con estas datacións. E esta foi a proposta de xente que traballou intensamente este sitio, como os anteriormente mencionados, o profesor Caamaño Gesto, José Carlos Sánchez Pardo (aínda que alongaba a ocupación ata os séculos VI e VII d.n.e. por outros materiais vencellados ao sitio, como o capitel actualmente na igrexa de San Bernabé) ou Fermín Pérez Losada.

Porén, quedaban algunhas dúbidas por resolver. Cando foi a primeira ocupación efectiva do sitio? Cando se abandona? Houbo máis dunha fase de ocupación o foi todo unha ocupación continuada no tempo?

Despois de moitos anos traballando no xacemento, puidemos facer distintas probas de datación que permiten ser máis preciso coas propostas de ocupación. Deste xeito, realizamos unha ampla batería de datacións radiocarbónicas de distintos contextos arqueolóxicos do xacemento que publicamos agora por primeira vez e que están xa a piques de ser publicadas e comentadas en extenso nunha monografía con todos os resultados do sitio.

Como se pode ver, as dez datacións radiocarbónicas feitas ata de agora mostran unha ocupación, ao menos, entre inicios do século II e inicios do século V d.n.e. Porén, hai que ter en conta que estas datacións mostran principalmente os últimos momentos de ocupación e abandono dos sitios, polo que temos que complementalo con outros datos.

Un dos máis importantes son as moedas, xa que mostran o que se chama en arqueoloxía unha datación post quem (é dicir, un momento a partir do cal esa moeda puido ser depositada. En ningún caso pode ser utilizada ou depositada antes da data na que se fixo a moeda). Grazas ao gran traballo que fixo o investigador e especialista en moedas Erik Carlsson-Brandt, puidemos estudar unha batería de 35 moedas, principalmente agrupadas en moedas dos séculos I e II, dunha banda, e moedas do século IV, doutra. Porén, a presenza dun As de Vitelio do ano 69 d.n.e. e dun Domiciano dos anos 90-91 d.n.e. amosarían unha posíbel ocupación do sitio dende o século I d.n.e. Isto sería coherente con algunhas cerámicas de tipo castrexo documentadas en contextos secundarios. Deste xeito, a nosa proposta é que o sitio do Castelo foi ocupado por primeira vez moi posibelmente nas primeiras décadas da nosa era, e concretamente, no período julio-claudio, momento de expansión deste tipo de asentamentos por todo o noroeste peninsular trala conquista do Imperio Romano.

Moeda de Arcadio da ceca de Cyzicus (383 d.n.e.)

Doutra banda, os contextos estratigráficos e as datacións amosarían un abandono a finais do século II e durante todo o século III d.n.e. Isto o sabemos principalmente porque non atopamos as producións cerámicas deste momento (sigillatas hispánicas lisas en cantidades importantes sería a sinal máis evidente desta ocupación). Ademais, nalgúns sectores do xacemento podemos ver claramente unha reocupación do sitio que corta as estruturas anteriormente construidas.

Aínda queda a dúbida de cando foi abandonado o sitio. Se ben é claro que a ocupación chegaría claramente ata finais do século IV e moi seguramente xa entraría no século V, o traballo de Erik confirmaría esta hipótese, xa que puido recoñecer unha moeda de Arcadio do 383 e unha moeda de Magno Máximo do 383-388, o que implicaría, con toda probabilidade, a ocupación do sitio ata os primeiros momentos do século V d.n.e. A documentación de producións de sigillata africana e de sigillata tardía estampilladas amosaría a posíbel ocupación ata meados do século V d.n.e., cara o 450. Neste momento, gran parte do xacemento estaría abandonado.

Sigillatas decoradas atopadas no sitio. Destacan as cerámicas estampilladas como materiais típicos do século V d.n.e.

Mais a revisión cerámica deu algunha sorpresa. A presenza dalgunhas producións moi similares as chamadas «cinzentas tardías» portuguesas dentro dos materiais escavados polos Escarbadores suxieren a presenza dunha última ocupación do sitio na segunda metade do século V. A nosa hipótese é que serían as últimas familias encargadas de desmontar as estruturas do sitio, principalmente a fragua, que sabemos está en desuso cara a finais do século IV e inicios do século V d.n.e.

Sector superior do sitio, onde se ven dúas fases de ocupación distintas.

Por que foi ocupado o sitio de Valencia do Sil durante o século I d.n.e.? Por que foi abandonado durante o século II e III d.n.e.? E por que se abandonou definitivamente no século V d.n.e.? Isto serán preguntas que responderemos no libro que esperamos publicar ao longo deste ano.

Campaña «Recuperemos Valborraz!»

Os lumes que asolaron a Galiza o pasado agosto foron un dos episodios ambientais máis traumáticos do pasado moderno. Segundo os datos oficiais, preto de 125.000 hectáreas de terreo arderon, danando irremisiblemente ecosistemas, zonas de protección ambiental e, o peor de todo, casas e aldeas que se viron reducidas a cinzas baixo a mirada aterrada da veciñanza. Concretamente, estes incendios golpearon de xeito moi duro á comarca de Valdeorras, onde os lumes afectaron a máis de 30.000 hectáreas, incluída a aldea de San Vicente de Leira, derrubada case por completo, o que pasará á historia da bisbarra como unha das máis traumáticas da súa historia recente. Como temos analizado dende o noso proxecto, a falta dunha política de xestión forestal integral que teña en conta ás comunidades locais e as condicións históricas de cada contorna, a insuficiencia na inversión en prevención e limpeza de montes, o despoboamento do rural galego e a incompetencia e apatía das administracións son parte das causas que explican a virulencia destes lumes.

O patrimonio cultural é un dos grandes afectados polos incendios. Aínda que a gran maioría dos xacementos e contextos arqueolóxicos non se ven moi afectados pola acción do lume, algúns entran  nun forte perigo de desaparición. Entre eles, é especialmente sanguento o caso da mina de Valborraz, nos montes de Casaio e moi próxima ao Teixadal, que tamén puido ser pasto do lume se non fose pola veciñanza e o voluntariado. A mina de Valborraz é un dos patrimonios máis espectaculares e únicos de toda Galiza: unha das minas de volframio máis grandes do noroeste peninsular e indirectamente xestionada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Un mineral estratéxico cuxa explotación xerou un dos episodios de industrialización máis intensos de toda a historia de Galiza e que deixou un forte impacto material que está a piques de perderse para sempre. O sitio xa sufriu de moitas agresións naturais e humanas, como o desprendemento dunha canteira que levou unha gran parte das estruturas da mina. Os lumes do pasado agosto culminaron unha longa historia de afeccións ao sitio e hoxe corremos o perigo de perder este patrimonio para sempre.

Por esta razón, desde a Asociación Científica Sputnik Labrego e o Albergue Eco dos Teixos lanzamos esta campaña de financiamento o obxectivo de reverter a situación da mina de Valborraz na medida que poidamos entre todas e todos. Unha campaña co dobre obxectivo de acadar recursos para investir na conservación e potencial restauración deste sitio único pero, tamén e quizais máis importante, chamar a atención das administracións competentes para que non deixen morrer esta contorna histórica, onde tantas historias tiveron lugar e que poden quedar queimadas e enterradas para sempre. Propoñemos entón obxectivos humildes pero reais cara á limpeza e restauración parcial do sitio e, sobre todo, o financiamento dun plan director de rehabilitación co que se poida iniciar un camiño de medio percorrido que pare o proceso de derrubamento de Valborraz.

O patrimonio defínese como aquelo que, socialmente, entendemos que ten que ser protexido e conservado para o presente, por nós, e o futuro, para os que virán. Valborraz cumpre sobradamente estas condicións, pero só se conservará cara ao futuro se facemos un esforzo colectivo e reclamamos o traballo conxunto das asociacións e as administracións públicas. Axúdanos neste pequeno pero decidido paso para conservar un pasado en perigo de desaparecer. Recuperemos Valborraz!

Un morto na miña casa ou como a “Idade Escura” arranxa o pasado

Saqueo de Roma polos visigodos, Joseph-Noel Sylvestre, 1890.

A idade escura é unha idea moi romántica. Non dese romanticismo de Romeo e Xulieta ou de La vida de Adèle (película de 2013, dirixida por Abdellatif Kechiche), mais daqueles que ao finais do século XVIII pensaban que o seu tempo era decadente e que esa decadencia podía verse na propia historia. En 1776 publícase o primeiro volume da Historia da decadencia e caída do Imperio romano, de Edward Gibbon, unha historia sobre a chegada da Idade Escura a Europa tras a fin do Imperio Romano. Conta o autor nunha parte desa obra magna que:

El 15 de octubre de 1764 —escribe Gibbon—, yo estaba sentado, soñando, en medio de las ruinas del Capitolio, mientras los monjes descalzos cantaban vísperas en el Templo de Júpiter. En este instante brotó en mi espíritu por primera vez la idea de escribir la historia de la decadencia y caída de Roma.

Un libro e unha idade que naceran de dúas ruínas, as do Imperio Romano e a da, segundo xente como o historiador británico, a da civilización occidental. A visión de Gibbon sobre o que chamamos hoxe a Idade Media tampouco era moi orixinal. Xa no século XIV, Francesco Petrarca escribiu un poema épico titulado Áfrico no que di que:

Mi destino es vivir en medio de variadas y confusas tormentas. A ti, en cambio, si –como espera y desea mi alma– me sobrevives muchos años, te aguardan quizá tiempos mejores; este sopor de olvido no ha de durar eternamente. Disipadas las tinieblas, nuestros nietos podrán caminar de nuevo en el puro resplandor del pasado

Retrato de Francesco Petrarca, Rafael Morghen, despois de Stefano Tofanelli, 1768 – 1833

A época de Petrarca, e aquela que describiu Gibbon, era unha tebra que había que disipar e iluminar dalgún xeito, mirando o pasado grego e romano. Decadencia, ruína e escuridade. A Idade Media en todo o seu “esplendor”.

Esta visión da Idade Media como época escura ten aínda moita influencia hoxe, cunha importante aceptación social. Moitas son as razóns que explican esta mirada pesimista e decadente do período medieval. En parte, como para os románticos, axúdanos a vernos a nós propios no presente mellor que no pasado e subliñar aquelas partes da historia máis positivas e máis iluminadas, como o pasado greco-romano ou o Renacemento. Isto contrasta coa idea da Idade Media como xerme das nacións actuais, mais esa é outra historia para outro post. Doutro xeito, a Idade Media como idade escura tamén impregna a fala da sociedade. Sérvenos como insulto para os demais. Así, se alguén é “medieval”, e antigo, obsoleto, bruto, escuro.

Planimetrías do sitio de St. Neots, LETHBRIDGE, T. C., TEBUTT, C. F. 1933, Huts of the Anglo-Saxon period. «Proceedings of the Cambridge Antiquarian Society», XXXIII, pp. 133-151.

Un aspecto interesante desta idea da Idade Media como época tebrosa é que xera un caixón no que verter barbaridades tan grandes como os propios bárbaros. Todo pode suceder nunha época escura. Un exemplo fantástico é aquel do xacemento anglosaxón de Saint Neots, unha pequena aldea situada no centro-leste de Inglaterra, cerca de Cambridge. Escavado nos anos 30 do século XX, trátase dun pequeno poboado de época anglosaxoa (séculos VI-VIII da nosa era) formado por algunhas cabanas de madeira construídas por baixo do chan, a modo de adegas. Na escavación dunha destas cabanas atopouse parte dun esqueleto, así como algúns ósos de animais, o que levou aos escavadores a interpretar que:

Temos aquí xente vivindo en cabanas miserables nas condicións máis primitivas imaxinables. Non tiñan interese na limpeza e simplemente tiraban os restos da comida na esquina da cabana e a deixaban alí. Non lles importaban as pantasmas, como non lles importaba ter un esqueleto colgado na parede dunha das súas casas.

Unha interpretación só posible se na cabeza tes a escuridade da Idade Media. En realidade a explicación era moito máis sinxela: os restos de ósos de animais eran posiblemente restos das últimas comidas do sitio ou parte do lixo utilizado como esterco para as terras mentres que o esqueleto era parte dun enterramento anterior a construción da cabana. Isto último vese moi ben na planimetría que hai do sitio, en que se ve que a cabana corta parte deste individuo. Tratábase entón dunha visión un pouquiño estereotipada dos habitantes desa idade escura descrita por Gibbon máis que da realidade menos efectista pero moito máis interesante: a dun poboado de campesiños de época anglosaxoa.

Os Toraja manteñen os corpos dos defuntos, fonte: wikipedia.org.

Con todo, é verdade que a idea de vivir cos teus mortos é bastante atractiva, e non faltan os exemplos de sociedades que o fan (aínda que sexa parcialmente). Un exemplo moi coñecido é aquel dos toraja, comunidades animistas que viven no leste de Indonesia e que manteñen os corpos dos familiares mortos na casa. Antigamente eran conservados cunha receita de follas do lugar, agora utilízase formol. Os Toraja pensan que se non coidan dos corpos despois de mortos, poderán ter problemas no futuro. Tras un tempo de coidado na casa, faise un funeral e xa se fai o enterro do corpo.

Porén, os anglosaxóns non eran os Toraja e non vivían cos seus mortos na casa. É, polo contrario, unha interpretación que naceu dunha mirada moi particular sobre a Idade Media como época escura pero que moitas das veces ten máis de prexuízo que de realidade. A Idade Media é un período apaixonante, que se é escura é simplemente porque a xente non tiña a necesidade de escribir moito, e por iso non quedan documentos que nos permitan coñecer o día a día das poboacións do momento. Unha visión da historia un tanto elitista en que son os documentos producidos por estas elites as que producen o coñecemento real. Grazas á arqueoloxía -aquela que non parte de prexuízos, ao menos-, é crucial para non caermos en ideas como, por exemplo, que as sociedades do pasado vivían cos mortos pendurados nas paredes. E, digo eu, xa non é suficientemente interesante a historia como para termos que inventar historias de pantasmas?

A represión franquista en Ponferrada e as escavacións no cemiterio do Carmen

Di o filósofo Giorgio Agamben que é soberano quen decide o estado de excepción, a situación política na cal a vida humana non ten valor e os suxeitos fóra desa soberanía son homo sacer, persoas cuxa vida pode ser arrebatada sen repercusións de ningún tipo. Cando se produciu o golpe de estado contra o goberno lexítimo da II República os días 17 e 18 de xullo de 1936, moitas zonas quedaron rapidamente baixo o control do exército sublevado. O noroeste en xeral, e a zona de Ponferrada en concreto, foi unha destas zonas, e pronto declarouse ese estado de excepción que convertía a certas persoas en homo sacer. Jerónima Blanco e Fernando Cabo, nai e fillo, son un destes exemplos. Na madrugada do 23 de agosto de 1936, grupos de falanxistas entraban na casa de Jerónima na procura do seu home, Isaac Cabo, que fuxiu cara ao monte. Ao non atoparen a Isaac, os falanxistas torturaron e mataron a Jerónima, embarazada daquela, e ao seu fillo Fernando, co que xogaron ao tiro ao prato. Non contentos con iso, expuxeran os corpos xunto á antiga estrada de Ponferrada-Ourense, no barrio de Flores de Sil de Ponferrada, como advertencia a todos os veciños e veciñas. Tamén eles podían converterse en homo sacer se non respectaban a soberanía existente.

Placa conmemorativa a Jerónima e Fernando en Ponferrada

Ante o estado de excepción; verdade, xustiza e reparación. Grazas ao traballo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, a historia de Jerónima e Fernando puido ser rescatada, e actualmente, unha placa lémbranos un pasado para non convertelo en presente de novo. Non abrir feridas, senón conseguir cicatrices que sexan lembranza hoxe e mañá. Ese é o obxectivo das escavacións que teñen lugar durante estas semanas no cemiterio do Carmen en Ponferrada.

En 1936, a cidade Berciana era un dos centros industriais máis importantes da contorna, e isto sustentou unha clase obreira e uns sindicatos moi combativos. Tras o intento do golpe de estado militar, as autoridades municipais, de esquerdas, trataron de organizar a resistencia. As cousas parecían controladas e, de feito, o día 20 de xullo un grupo de mineiros asturianos que se dirixían cara a Madrid foron desviados a Ponferrada, reforzando as forzas da cidade. Ao precisaren de armas, marcharon cara ao Cuartel da Garda Civil, onde o Capitán parecía estar ao lado dos resistentes. Porén, nun momento recibiu unha chamada e detivo o Tenente da Garda de Asalto, que dirixía os asturianos: “Triunfó el movimiento, queda usted detenido”. Finalmente, o día 21 tropas procedentes de Galicia entraran na cidade e a resistencia quedará disolta.

Fotografía aérea do Cemiterio do Carmen (1956).

A represión comezou ese mesmo día. Dúas foron as formas de reprimir a poboación local: dun lado, a desaparición forzada; doutro, a represión legalizada mediante a instalación dun Juzgado Militar Permanente. A primeira durará polo menos ata mediados de setembro de 1939, cando se rexistra a última desaparición forzada na cidade. En total, unhas 178 persoas perderían a vida como consecuencia directa da represión. Na paisaxe da represión de Ponferrada, o cemiterio do Carmen, situado na zona sueste da cidade berciana, xogou un papel principal, xa que un total de 66 persoas foron fusiladas na súa proximidade.

O cemiterio do Carmen foi creado en 1894. A creación de cemiterios extra muros foi moi común a finais do século XIX, como forma de sanear o interior das cidades sacando fóra os enterramentos. Este lugar foi elixido, entre outras razóns, pola existencia dunha ermida do Carmen, fundada no século XVII, e que foi cedida ao inicios do século XVIII aos Carmelitas Descalzos. Pouco a pouco o cemiterio énchese e seica foi necesario construír outro espazo de enterramento. Xa a finais de 1953, o concello decide en sesión plenaria construír un novo cemiterio na zona de Montearenas, establecendo un prazo legal de dez anos para realizar a monda. Unha monda que, moi posibelmente, non foi realizada nunca. O cemiterio do Carmen foi utilizado como camposanto ata a primeira parte da década dos 60, sendo finalmente clausurado en 1965.

Non sería moi estraño que, en parte, a súa simboloxía represiva fose un dos elementos que levou a mudar os enterramentos e, con eles, as memorias ligadas aos mortos. O cemiterio do Carmen foi un lugar de forte atracción memorial antifranquista. Entre outros, o mítico guerrilleiro Manuel Girón foi trasladado a  este espazo cando foi asasinado o 25 de maio de 1951. Memoria tamén de represión, en canto que un total de 66 persoas foron fusiladas nas proximidades do Cemiterio de Ponferrada, das cales 54 serían finalmente sepultadas no cemiterio do Carmen. A estes mortos habería que engadir aquelas vítimas resultado dos enfrontamentos armados, as falecidas na Prisión do Partido de Ponferrada, e aquelas procedentes da loita antifranquista. En total, 94 vítimas da represión franquista atópanse nos límites do cemiterio do Carmen.

Intervención para a localización dos corpos dos represaliados

A escavación que iniciamos o pasado 4 de setembro ten o obxectivo de localizar a parte destas vítimas. Xa no ano 2016, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica interveu neste cemiterio, localizando os corpos de dous represaliados, quizais os de Antonio Fernández Guerrero e José Canedo Fernández. O noso labor consistirá en tratar de localizar unha vintena de persoas que poderían situarse na zona suroeste do cemiterio, na parte civil. As dificultades son moitas, dado que este espazo foi utilizado para enterrar máis xente ata o abandono do camposanto nos anos 50. Con todo, unha metodoloxía arqueolóxica esperemos permita atopalos e poder darlles o respecto e a memoria que merecen.

Porque isto non son feridas, son dereitos humanos daqueles homini sacer vítimas dunha represión que, esperamos que co noso traballo, sexa máis difícil de repetir.

A ritualização dos anteriores espaços domésticos: o sítio da Torre Velha (Castro de Avelãs, Bragança)

Mosteiro de Castro de Avelãs

A arqueologia da época tardo-romana e da Alta Idade Média poderia ser comparada com uma pele de leopardo: existem grandes quantidades de informações e sítios escavados (as manchas de pele) mas estes estão muito dispersas e às vezes são muito mau conhecidas. Porém, esta é a tarefa da pesquisa, procurar os dados e dar-lhes um sentido que antes não tinham, além de reconhecer novos temas e expandir os que já existem. Um exemplo é a análise dos fascinantes processos de extensão do cristianismo e a implantação de novas formas rituais. Isto podemo-lo ver no impressionante sítio de Torres Velhas, localizado en Castro de Avelãs, Bragança. Como outros espaços e enclaves arqueológicos, o sítio da Torre Velha foi conhecido e escavado a finais do século XIX, ainda que não seria até aos anos 2012-2015 que se retomariam as escavações. Estas, dirigidas pela Universidade de Coimbra e a municipalidade de Bragança, centraram-se na escavação de múltiplas sondagens ao longo do sítio. Assim encontraram-se estruturas de muito interesse em duas sondagens. Cabe destacar que este sitio foi associado como povo dos Zoelas, povo mencionado por Plínio o Velho nos seus escritos.

Ubicação de Torre Velha.

Numa dessas sondagens exumou-se um edifício de planta rectangular e muros de pedra que se denominou o edifício Flávio. Esta estrutura apresentava duas fases que foram datadas graças a um detalhado estudo cerámico entre os séculos I e IV d.n.e. A sua construcção no século I seria o motivo de chamar-lha Flávia. Ainda que não se conhece com certeza o momento de abandono, é muito possível que este tivesse lugar num momento do século V ou VI d.n.e. Precisamente no momento em que apareceria outro edifício nas redondezas.

Estruturas romanas de Torre Velha.

Noutra sondagem escavada noutro setor do jazigo encontrou-se parte duma estrutura que, pelas características construtivas, foi interpretado como um edifício religioso. O facto de surgir um cemitério ao redor reforçaria esta hipótese. Nas escavações puderam-se documentar até 42 tumbas, cujas datações radiocarbónicas mostrariam um uso como espaço de enterramento desde o século VI até ao século XII. Assim, o que podemos ver através do sítio de Torre Velha é a implantação definitiva do cristianismo no mundo rural pós-romano.

Estruturas romanas de Torre Velha.

Segundo os escavadores o abandono definitivo do sítio estaría ligado á implantação do conhecido mosteiro mudéjar de Castro Avelãs e o impulso de Bragança como espaço central do território.

Biblografía

ANDRÉ, C., CARVALHO, P. C., CIPRIANO, M., FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, A., & TERESO, S. (2014). Cerámicas romanas de la «Torre Velha» (Castro de Avelas, Bragança). In R. MORAIS, A. FERNÁNDEZ, & M. J. SOUSA (Eds.), As produçoes cerâmicas de imitaçao na Hispania (pp. 573-586). Porto: Faculdade de Letras da Universidade de Porto.

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, A., CARVALHO, P. C., ANDRÉ, C., COSTA, M., & TERESO, S. (2018). Contextos cerámicos de época alto y bajo imperial provenientes de La Torre Velha-Castro de Avelas (Bragança, Portugal). In Rei Cretariae Romanae Fautorum. Acta 45 (pp. 71-81). Bonn.

Arqueoloxía e cine: unha relación de amor e de odio

É moi posible que se preguntamos na rúa que fai un arqueólogo, a maioría da xente pensase en Indiana Jones, aínda que non soubese exactamente as tarefas que facemos na arqueoloxía. Henry Walton Jr., máis coñecido como Indi, converteuse no paradigma da arqueoloxía grazas ao éxito que tivo a triloxía de aventuras deste arqueólogo nos anos 80. Sen dúbida, e parafraseando ao editor da prestixiosa revista «Archaeology», Indi foi o mellor diplomático da arqueoloxía, xa que moita xente accede por primeira vez ao mondo do patrimonio a través de seu látego. Porén, tamén é verdade que a arqueoloxía pouco ten que ver con matar nazis ou rescatar a Arca da alianza. Pola contra, poucas veces poderá verse a Ini encher documentación en campo ou presentar os papeis á oficina de Patrimonio para pedir os permisos correspondentes. Por un lado, grazas ao cine a arqueoloxía ten un aura de romanticismo que o fai moi atractiva para o público. Doutro lado, estas películas xeraron unha importante distorsión sobre o que facemos. A maxia do invento dos irmáns Lumière.

Cal e entón a razón pola que a xente sabe máis da arqueoloxía por Indiana Jones que polos profesionais? Esta é a pregunta principal do recentemente publicado «O discreto exotismo dos obxectos», onde se analiza a relación da arqueoloxía e do cine a través dunha selección de máis de 280 películas. Varias serían as razóns que explicarían esta relación de amor e de odio. Quizais a primeira é a máis evidente: son moito máis entretidas as películas de Indiana Jones ou de Lara Croft que as tarefas cotiás da arqueoloxía. Isto non ten porque supoñer unha derrota, mais unha oportunidade en dous sentidos. Por un lado, analizar esta relación entre a arqueoloxía e o cine permítenos entender mellor que é o importante desta profesión, socialmente falando. Por outro lado, tamén axuda a entender mellor a mesma sociedade que consome este cine. En palabras de Luis Pérez, autor de «Cine de Aventuras»: «A través das películas de aventuras de cada época poden fácilmente detectarse os temores, as fobias, as esperanzas, as ideas, a moral e ata os principios esenciais de determinades sociedades en concretos momentos históricos».

Máis aínda, a relación entre a arqueoloxía e o cine pode ser moito máis profunda, en tanto que ambas son fillas do mesmo proceso histórico, a modernidade. Segundo o filósofo alemán Walter Benjamin, «na era do máximo estrañamento entre os seres humanos, e das relacións infinitamente mediadas, que xa son as únicas que hai, inventáronse o cine e o gramófono». Pola súa parte, a arqueoloxía pode considerarse unha das ciencias que permitiron aos imperios occidentais e os estados-nación do século XIX entender mellor aos outros e conquistalos. Dalgún xeito, a arqueoloxía e o cine forman parte do mesmo proceso de implantación da modernidade e por iso, o estudo da súa relación pode ofrecer interesantes reflexións sobre as nosas sociedades actuais e sobre nós mesmos.

Isto reflíctese mesmo no tipo de argumentos das películas sobre arqueoloxía. O normal é que a película trate sobre a procura dun tesouro e que para atopalo os protagonistas teñan que superar obstáculos e inimigos varios. Dalgún xeito, isto reflicte perfectamente algunhas das características intrínsecas das sociedades actuais, como o individualismo, a ambición ou o afán de descubrimento. O tesouro, normalmente en ambientes exóticos, simboliza as nosas aspiracións e os nosos soños. Un discreto exotismo dos obxectos que din moito sobre nós, como sociedade.

Na película de 1962 «Daughter of the Sun God» un equipo de arqueólogos toma a súa última cea antes de embarcarse nunha aventura en busca dunha cidade perdida. Todos están ansiosos por empezar a procura, aínda que saben os perigos que haberá polo camiño. Howard Knapp, o xefe da expedición, levanta a súa copa e brada: «Bebamos por unha grande aventura». Pois iso.

“O contexto é o contexto”, nom é?

(Artigo escrito por Mario Fernández Pereiro)

Umha das facetas máis fascinantes para o ‘grande público’ que tem a Arqueologia, entre outras cousas, é a parte do nosso trabalho que tem que ver com o aspeto material. Pouca gente, quando estas tomando algo depois do remate da jornada de trabalho, pergunta pola sequência estratigráfica ou pola quantidade de mostras de pole ou de sedimento recolhidas para a sua posterior análise. A pergunta tradicional é, mais ou menos: “Que? Muitos tesouros?” Ao que, as respostas varíam: “Se houvera nom estávamos aqui.” “Estamos gastando-o aqui no bar.” Ou “Logo repartimos.”

Moeda atopada en Valencia do Sil.

A busca dos tesouros foi, de feito, a origem da Arqueologia. Por sorte, essa limitaçom foi superada e agora interessa-nos mais o contexto que a peça em si. Bom, esta é a teoria, ainda que a todas gostamos de ‘sacar’ algumha peça única, e quem diga o contrário está faltando á verdade. Senom, só tendes que mirar as nossas redes sociais, quando publicamos fotografias dum revólver, umha moeda ou um fragmento de terra sigillata. Mais, estas peças características e singulares nom som importante só por isto, senom porque aportam as nossas investigações muitíssimos dados, simplesmente por isso, polo singulares que som.

Ponho exemplos. Nas escavações do Castelo de Valencia do Silexumamos umha boa quantidade de cerâmica, vários centos de fragmentos. Desgraçadamente, a cerâmica do período onde foi ocupado o Castelo é bastante genérica, sendo semelhante durante vários séculos, o que nom nos permite emprega-la como fóssil datante. Em cambio, um pequeno fragmento de terra sigillata atopada em conjunto com mil fragmentos de cerâmica comum permite ter umha hipótese da cronologia desse contexto. Isto é devido a que a terra sigillataé umha cerâmica de alta qualidade e moi característica, com diferentes traços decorativos e morfológicos ao longo da sua produçom, permitindo classificar cronologicamente as peças e, incluso, saber em que parte do Imperio se realizou: há sigillatas itálicas, gálicas, hispânicas, africanas, etc.

Burato de espolio en Valencia do Sil.

Outro exemplo característico, e que também atopamos no Castelo, som as moedas. A ciência do estudo das moedas é um mundo peculiar, mais que surpreende as que nom estamos familiarizadas com el. A numismática romana está moi bem estudada e caracterizada, o que permite, dependendo do estado de conservaçom da moeda, identificar o emperador, o que permite saber a cronologia, e, incluso, o lugar onde foi acunhada. Estes dous dados som moi interessantes já que, por umha banda, sabemos umhadataçompost quem do contexto no que se atopou. É dizer, se a moeda é do 325, sabemos que o lugar onde se atopa é posterior a este momento. E, pola outra banda, saber de onde venhem, indica, por exemplo, as redes de comércio do momento.

Entom, como já ocorreu, estamos escavando no Castelo de Valencia do Sil e, depois de retirar um derrubamento massivo de lousas e pedras, é dizer, o louxado e as paredes da estância; chegamos a um nível de terra onde, entre todo o conjunto de materiais que recuperamos, localizamos um par de fragmentos de terra sigillatae umha moeda romana. Depois do seu estudo sabemos que os fragmentos de terra sigillata pertencem a una terra sigillata africana, com a forma Hayes 61, datado entre o 325 e o 450 e.c.; e que a moeda é um medio centenionalacunhado baixo o reinado de Constante, Emperador do Imperio Romano de Occidente,e datada entre o 345-347 e.c. Polo tanto, podemos ter umha ideia de quando se ocupou e abandou essa estância, nom é?

Agora, usemos a imaginaçom. Na vez de escavar com metodologia arqueológica, facemos um fochanco e sacamos soamente a anterior moeda (que por certo é umha pecinha de cobre). Ou, melhor, umha moeda de ouro. Isto que fixemos, como já imaginastes, é um burato de espólio. E de que nos serviu sacar esta peça da terra e do seu contexto. No melhor dos casos, para a meter numha caixa a enferrujar com outras tantas peças. No pior, vendé-la e tentar sacar benefício econômico dum roubo. E toda a informaçom da que falamos no paragrafe anterior acaba de desaparecer.

Por isso nos queixamos quando aparecem buratos de espólio nos xacementos arqueológicos, já que cada peça desenterrada ilegalmente é um contexto arqueológico perdido. É umha perda irrecuperável para o estudo do nosso passado. Como dizia umha personagem numha pelicula: “O contexto é o contexto”, nom é?