A produción cerámica en galicia entre a fin do imperio romano e a alta idade media (ii): séculos v e vi d.n.e.

Unha versión estendida destas reflexións pode verse en: Tejerizo García, Carlos, Alonso Toucido, Francisco, y Torres Iglesias, Diego (2021): «Cerámicas del interior de Galicia desde el tardoimperio a la Alta Edad Media (s.V-X/XI d.n.e.): algunos casos de estudio» Pyrenae, 52, 2: pp. 149-185.

Cerámica da Cultura Aguada, no noroeste de Arxentina.

A cerámica é un elemento moi importante nas sociedades pre-industriais. As teorías máis estendidas asocian o nacemento de cerámica aos inicios da agricultura no Neolítico, de xeito que os cereais puidesen ser almacenados e conservados. Porén, desde moi cedo estas cerámicas xogaron papeis moito máis simbólicos e de representación social. Deste xeito, por exemplo, as cerámicas convertéronse nos recipientes para conter os restos dos mortos, ou tamén foron elementos de prestixio que se intercambiaban entre rexións distintas, como ocorre coa cerámica campaniforme ou as cerámicas de culturas latinoamericanas, como a cultura Aguada (600-900 d.n.e.) en Arxentina. As cerámicas, como parte das culturas, recollían parte dos saberes e ideas, expresadas, ás veces, en forma de decoracións, en ocasións moi elaboradas.

Cerámica engobada de Lugo

Como comentamos noutro post, o noso proxecto abordou a tarefa de investigar sobre a secuencia cerámica entre a fin do Imperio Romano e a Alta Idade Media. Como vimos, aínda que existían traballos sobre este tema, non existía unha secuencia completa das producións cerámicas entre os séculos V e X d.n.e. Nos próximos posts describiremos, en síntese, as principais características destas producións.

O século V d.n.e. caracterízase por ser un período de grandes mudanzas políticas e economícas cun reflexo directo sobre a cerámica. A grandes trazos o que se observa é unha tendencia cara á redución das escalas de produción e de distribución, o que implicou a aparición de moitas producións rexionais. Estas producións rexionais o que procuraban era substituír as antigas cerámicas romanas, con especial importancia da coñecida como Terra Sigillata Hispánica Tardía, a cerámica de mesa de luxo producida na península ibérica nos séculos IV e ata a primeira metade do século V d.n.e. Así, na contorna de Galicia, tanto a sigillata como as producións engobadas de Lugo foron substituídas por imitacións vidas de distintos sitios, por exemplo, de cidades como Braga, Astorga ou a meseta Norte. A desaparición definitiva de Terra Sigillata Hispánica Tardía prodúcese cara á metade do século V d.n.e., aínda que pode seguir aparecendo nos contextos, por exemplo nas necrópoles como ocorre no caso do xacemento da Lanzada.

Cerámica do xacemento dos Castros de Mondoñedo

As imitacións de sigillata tamén acabarán por desaparecer co tempo. Aínda que depende da rexión, este tipo de cerámicas deixa de producirse cara á metade do século VI d.n.e. Destes momentos son, por exemplo, os coñecidos pratos de gran tamaño como os que aparecen no contexto de Viladonga, ou os pequenos vasos dun asa e pastas grises. Unha das características máis particulares do noroeste peninsular ten relación coas decoracións. Mentres que noutras partes da península ibérica son comúns as decoracións estampadas, nesta zona é máis común a incisión e o brunido.

Pratos decorados de Viladonga

Porén, o aspecto máis significativo da produción cerámica entre os séculos V e VI d.n.e. é o que Adolfo Fernández e Bartolomé Abraira nomearon como o paso do mundo das cerámicas vermellas cara ás cerámicas escuras de pastas grises (o que chamamos cerámicas redutoras). Este é un proceso que se percibe de xeito moi intenso nas cerámicas comúns de cociña e almacenamiento. O típico dos séculos IV e V d.n.e. é atopar conxuntos moi grandes de cerámicas de pastas laranxas ou vermellas en formas de olas, xerras ou as coñecidas dolias, grandes cerámicas de almacenamento de cereal. Porén, cara a finais do século V e xa dentro da sexta centuria, estas cerámicas son substituídas por cerámicas grises case de xeito completo. As razóns desta mudanza tan importante hai que poñelas en relación con producións cada vez máis locais que utilizan tecnoloxías máis sinxelas, lonxe dos grandes centros de produción de época tardoimperial.

A produción cerámica en galicia entre A fin do imperio romano e a alta idade media (i): historiografía

Non será a primeira nin a última vez que falamos neste blog da importancia da cerámica para o estudo das sociedades do pasado. A cerámica, polas súas características, é un material arqueolóxico que se conserva moi ben no rexistro. A arxila, unha vez cocida no lume, acada unha gran resistencia e, fronte a materiais máis perecedeiros e fráxiles, como a madeira, consérvase ao longo do tempo. É por isto que é un dos obxectos máis numerosos que se atopan nas escavacións desde o Neolítico, momento en que aparecen os primeiros exemplares deste material. A cerámica axúdanos a estudar as sociedades do pasado de dúas maneiras principais. A primeira é a datación dos contextos. A cerámica é un obxecto que muda moito ao longo do tempo e cada época ten as súas cerámicas. Deste xeito, se sabemos como se producen estas mudanzas e cando, podemos saber de cando é un contexto onde se atopa un tipo cerámico concreto. A segunda cuestión que pode ser analizada grazas a cerámica con os sistemas de produción, distribución e consumo, ademais de cuestións máis abstractas, como por exemplo a ideoloxía, as identidades ou o xénero.

O problema coa cerámica en Galicia entre o fin do Imperio Romano e a Alta Idade Media é que non conta con boas seriacións que permitan nin datar os contextos nin analizar os procesos económicos das sociedades deste período e detrás das cerámicas. A dificultade de datar os xacementos impide poder interpretalos correctamente e, en moitas ocasións, aplicar sobre eles conceptos apriorísticos e deterministas, como por exemplo «galaico-romano». De feito, moitos xacementos escavados que non cadran ben nestes conceptos deterministas e que están nese nebuloso espazo temporal entre o Imperio Romano e a Idade Media -nada máis e nada menos que case oito séculos- son clasificados como «romano-medievais». Pouco se pode dicir das sociedades deste período con clasificacións tan xerais.

Desde hai tempo o noso grupo está a levar a cabo unha revisión de varios xacementos de Galicia datados entre os séculos V e X d.n.e. co obxectivo de caracterizar a cerámica o mellor posible e construír así unha seriación útil que permita, en primeiro lugar, datar con maior precisión os contextos arqueolóxicos e, en segundo lugar, coñecer de xeito complexa esas sociedades do pasado posromano. Para afrontar este traballo é moi importante saber o punto de partida, facer un traballo historiográfico para, como din, poder estar nos ombreiros de xigantes.

Porén, non hai moitos estudos de cerámica medieval en Galicia, como xa mostraran os traballos de Francisco Alonso, Pilar Prieto ou de Adolfo Fernández. Malia que os primeiros traballos sobre a cerámica medieval en Galicia son de finais de século XIX, relacionados, por exemplo, coas escavacións de López Ferreiro, Chamoso Lamas ou José Guerra en contextos medievais como Iria Flavia (recentemente revisado por Celtia Rodríguez), Torres de Oeste (Catoira) ou a catedral de Santiago, haberá que esperar ata 1975 para atopar a primeira síntese de cerámica medieval en Galicia. Nese ano, Francisco Fariño Bustos identificou dous grandes tipos de producións cerámicas medievais; unha cerámica a torno de superficies coidades e pastas vermellas, e outras chamadas «gris perlada» pola súa cor característica.

Este mesmo autor xunto con Suárez Otero publicou outra síntese en 1988, construíndo sobre a seriación anterior. Porén, estas serán practicamente as únicas sínteses xerais dispoñibles ata a mudanza de século. Neste tempo son moitos os contextos medievais escavados, como por exemplo o castelo da Lúa en Rianxo ou a fortaleza de Rocha Forte. Grazas a estas escavacións e a outras pudieron ser publicados traballos moi importantes para o coñecemento da cerámica deste período, como os de Enrique Alcorta, Roberto Bartolomé Abraria, Adolfo Fernández ou Pilar Prieto.

Coa revisión que fixemos no contexto do noso proxecto e publicado na revista Pyrenae cremos aportar unha primeira síntese das producións cerámicas entre os séculos V e X d.n.e. Síntese que desvelaremos nos seguintes posts.

Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte II: cerámica)

É moi importante para as análises arqueolóxicas e para o estudo do noso pasado saber se un sitio está ocupado ou abandonado. Tanto a unha como a outra están relacionadas coas condicións sociais e políticas. A decisión de ocupar ou de abandonar un espazo, máis ainda se é o espazo onde vive a comunidade, non é calquera cousa e ten que ver con moitos factores que a interpretación arqueolóxica ten que confrontar. No último post comezamos a expor a nosa hipótese de que o sitio de Viladonga foi abandonado entre os séculos II e IV d.n.e. A conclusión da análise estratigráfica foi que existen polo menos dúas fases de ocupación no sitio separadas por un forte hiato. Neste post, tentaremos datar esas fases de ocupación e de abandono mediante as análises da cerámica e do vidro. Aquí só exporemos as ideas principais; a análise completa podedes lela no artigo publicado na revista SPAL. Sigue leyendo «Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte II: cerámica)»

Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (III): cerámicas de imitación de sigillata, cerámica redutorae producións a man

Texto extraído do artigo: TEJERIZO GARCÍA, C., RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, C., y FERNÁNDEZ PEREIRO, M. (2018): “Materiais cerámicos tardíos (ss. IV-VI d.C.) no castro de Viladonga”. CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 28, 36-52 (descarga aquí).

 

Cerámicas de Imitación de Sigillata (CIS).

Ao longo dos séculos quinto e sexto documéntase a presenza en toda a península ibérica dunha serie de producións cuxo nexo común é a intencionalidade para imitar as formas de sigillata do baixo imperio nun momento no que esta xa se deixara de producir nos principais centros oleiros da conca do Douro. Este conxunto de imitacións de sigillata foron estudadas e sistematizadas nos traballos de L. C. Juan Tovar baixo a categoría de «Cerámicas de Imitación de Sigillata» ou CIS (JUAN TOVAR, 2012a, 2012b; JUAN TOVAR y BLANCO GARCÍA, 1997). Sigue leyendo «Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (III): cerámicas de imitación de sigillata, cerámica redutorae producións a man»

Valencia do Sil: un tesouro patrimonial por (re)descubrir

Dende o próximo día 26 ata o día 31 estaremos no castro de Valencia do Sil continuando o noso proxecto de análise do poboamento de época tardorromana e sueva no val do río Sil. Como aperitivo, recuperamos este texto sobre o xacemento publicado na revista Gallaecia. Próximamente, máis información sobre este impresionante sitio.

O asentamento localízase nun esporón situado na ladeira norte do Alto do Vilariño (Serra do Eixo), na ribeira sur do río Sil, xusto enriba da actual poboación que comparte o topónimo (ETRS89-29N: X= 658352; Y= 4695874; Z= 505). Sigue leyendo «Valencia do Sil: un tesouro patrimonial por (re)descubrir»

Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (II): Cerámica común romana e producións engobadas

Escavacións antigas en Viladonga. Fuente: CROA

Texto extraído do artigo: TEJERIZO GARCÍA, C., RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, C., y FERNÁNDEZ PEREIRO, M. (2018): «Materiais cerámicos tardíos (ss. IV-VI d.C.) no castro de Viladonga». CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 28, 36-52 (descarga aquí).

 

Cerámica Común Romana e Ánforas
Baixo a categoría de “Cerámica Común Romana” (CCR) inclúense aquelas producións feitas mediante torno rápido, de cocción plenamente oxidante ou mixta máis oxidante cara ao exterior. Dentro deste conxunto diferenciamos unha variedade máis depurada (CCRA), posiblemente asociada ás producións destinadas a contención de líquidos, e outra con pouca depuración (CCRB), destinada principalmente á cociña. Cabe destacar que esta última é a produción máis numerosa nos contextos tardíos do castro, con máis dun terzo das pezas analizadas (36,15% do total) o que demostra a súa continuidade até os últimos momentos da ocupación imperial do noroeste peninsular. Sigue leyendo «Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (II): Cerámica común romana e producións engobadas»

Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (I): introdución e a Terra Sigillata Hispánica Tardía

(Texto extraído do artigo publicado na revista CROA)

O xacemento de Viladonga é, sen dúbida, un dos castro máis relevantes, non só do noroeste, senón de todo o centro e do norte peninsular. Isto débese a varios factores: en primeiro lugar, é un dos castros que conta cunha historiografía máis complexa e completa, e dos máis amplamente escavados (VIGIL-ESCALERA y TEJERIZO GARCÍA, 2014). Sigue leyendo «Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (I): introdución e a Terra Sigillata Hispánica Tardía»

O castro de Formigueiros (Samos, Lugo): ¿un castro de época sueva?

Fotografía aérea do sitio de Forgmigueiros (Manuel Franco)

O castro de Formigueiros é un dos sitios máis coñecidos da historiografía sobre os castros tardíos na antiga Gallaecia. O xacemento localízase no límite dos concellos de Sarria e O Incio, encravado nun pequeno cumio no estremo occidental da Serra do Édramo, a 795 msnm e nas coordenadas (UTM ETRS 89; Fuso 29): X= 643753; Y= 4704751. Esta serra separa ás concas fluviais do Val do Sarria e do Val do Mao e na dirección NW atópase un importante manancial de auga, «a fonte da moura», do que se abastecería o sitio. A litoloxía da zona componse principalmente de lousa da chamada Serie Vilalba, de orixe Precámbrico.

Formigueiros conta con unha abundante cantidade de fontes que fan referencia á súa contorna, como vimos anteriormente. Máis aínda, entre as fontes documéntase un pequeno conxunto de referencias específicas ao castro de Formigueiros. A primeira referencia data de 1031, no contexto dunha doazón e mencionado como «castro de Formigarios»[1]. As referencias repítense noutros documentos do século XI d.C., preitos e doazóns, xa sexa como «castrum de Formicarios»[2] ou como «castro Formicarios»[3]. En todas estas referencias o castro aparece como un delimitador xeográfico, mostrando con isto a súa importancia simbólica e física na articulación de territorio. Sigue leyendo «O castro de Formigueiros (Samos, Lugo): ¿un castro de época sueva?»

A segunda vida do Castro de Viladonga: os materiais cerámicos de época sueva

                            Planimetría del castro de Viladonga

 

Nun artigo Álvaro Arizaga e Xurxo Ayán escriben que os castros teñen moitas vidas porque en cada época se recuperan e se pensan de maneiras distintas. Viladonga é un castro situado na provincia de Lugo cunha longa secuencia de ocupación e de escavación. Dende que en 1911 unha parella de labregas, Pilar Palmeiro e José Abelleira, atoparan dous torques de ouro, o interese polo castro foi en aumento. Nos anos 70, Chamoso Lamas fixo as primeiras excavacións continuadas despois por Felipe Arias e distintas empresas de arqueoloxía. Corenta anos de intervencións que continúan hoxe e que desvelan as múltiples facetas dun xacemento único (http://intervencionviladonga17.blogspot.com/). Sigue leyendo «A segunda vida do Castro de Viladonga: os materiais cerámicos de época sueva»