O proxecto

O obxectivo principal deste proxecto de investigación é analizar as transformacións do campesiñado galego en intres históricos de fondos trocos estruturais dende unha perspectiva antropolóxica e arqueolóxica. Estudaremos, a través da cultura material, as formas de resiliencia e de adaptación das sociedades labregas galegas perante procesos históricos de construción estatal, poñendo de relevo o papel da materialidade na construción da identidade labrega.

A análise realizarase a través de tres casos de estudo no contexto xeográfico do sur de Galicia:

  1. A fin do Imperio Romano e a construción do Estado suevo que tiveron como consecuencia a reorganización da paisaxe arredor dunha rede de asentamentos en castros. A análise realizarase sobre a provincia de Lugo, onde se localiza un amplo conxunto destes castros, como a , Formigueiros, Penadominga ou Viladonga.
  2. A fin do Antigo Rexime e a construción do Estado-Nación durante os séculos XVIII e XIX. Durante este período algún dos eixos simbólicos tradicionais do campesiñado galego, como os espazos comunais ou a rede parroquial, foron progresivamente esfarelados e xeraron procesos de resistencia a fenómenos como a desamortización eclesiástica, a invasión francesa ou as guerras carlistas e que deixaron unha fonda pisada na cultura material e nas paisaxes destas sociedades.
  3. A Guerra Civil e a construción do Estado totalitario franquista como a definitiva imposición da Modernidade nas comunidades labregas galegas. A incorporación de soldados procedentes das sociedades tradicionais no desenvolvemento do conflito nas frontes de guerra e na primeira resistencia guerrilleira e as posteriores mobilizacións labregas ás colonias agrarias  son reflexo dos procesos traumáticos de resiliencia destas sociedades.

Como afirma o antropólogo H. Mendras, a paseniña introdución da Modernidade ten conlevado a prática desaparición das sociedades labregas tradicionais, como a galega. Un proxecto como o aquí presentado axudará a comprender non só a súa alteridade dentro do “momento de perigo” que supón a globalización actual para estas sociedades senón tamén propoñer vías prácticas de confrontación desta problemática dende as ciencias sociais e a arqueoloxía.