Sputnik 3: a guerrilla antifranquista

Ao comezo da Guerra Civil, un número moi importante de labregos en León e Galiza tiveron que marchar das súas casas  para evitar a represión e resistir a imposición dun réxime fascista. Son os coñecidos como «fuxidos», entre eles Manuel Girón (o «León de Salas», a quen non lle feren as balas), Benigno Andrade «Foucellas» ou Ramón Rodríguez Varela «Curuxás» que se  converteron en auténticas lendas. Aínda que existen moitos estudos históricos sobre o fenómeno dos maquis, só recentemente se abordou a arqueoloxía das «paisaxes ausentes» da guerrilla, como escribiu Xurxo Ayán.

Neste proxecto estudarase a través da arqueoloxía aspectos pouco coñecidos do maquis, como a súa vida cotiá, a súa organización da paisaxe o a súa arquitectura doméstica. Para isto, elixiuse o sitio coñecido como «A cidade da Selva», un conxunto de campamentos da guerrilla activo durante os anos 40. Este campamento, ademais, encóntrase a escasa distancia dunha mina de Wolframio utilizada polos nazis durante os primeiros anos desa década, que tamén será obxecto de estudo.