O traballo que fai referencia esta entrada forma parte do volume «Arqueoloxía da ditadura en Latinoamérica e Europa», que podedes conseguir aquí.
A ditadura militar en Chile é, posiblemente, un dos réximes políticos que máis impacto tivo na memoria colectiva mundial. As mans cortadas do cantautor Víctor Jara son un símbolo ausente da liberdade perdida do mesmo xeito que as lentes de Salvador Allende poden considerarse a materialización da represión e da violencia. Un réxime que, apoiado polas potencias europeas e os Estados Unidos de América, tras o golpe de Estado en setembro de 1973 causou a desaparición, segundo datos oficiais, de 1210 persoas, como relata a película «Missing» do director grego Costa Gavras. Un réxime que aínda hoxe representa un punto de forte debate político e de activación das memorias en Chile. O Museo da Memoria e dos Dereitos HUmanos en Santiago de Chile é, a día de hoxe, un dos museos máis visitados do país polos chilenos e chilenas. Sigue leyendo «A represión en Chile e as capas de memorias: arqueoloxía da ditadura en Chile»→
O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí
O feito de que os chozos escavados foran queimados tras o seu abandono (ver apartado 2) fixo que se puidesen conservar en bo estado diferentes tecidos e restos de indumentaria das partidas guerrilleiras. Xa fixemos referencia aos elementos de indumentaria de metal relacionados co armamento (ver apartado 4.2). Referirémonos agora ao resto de materiais que nos mostran como se protexían os guerrilleiros das duras condicións da vida no monte. Sigue leyendo «Tecidos, indumentaria da guerrilla e a ocupación da Ciudad de la Selva»→
O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí
Unha das materialidades cuantitativamente máis relevantes da intervención foron os vidros, cun total de 192 fragmentos atopados (22,05% do total). Un pequeno grupo (CS’18-1006-41; 4 fragmentos; 2% do total) corresponde aos fragmentos dunha xanela do chozo de Morteiras-1, como xa foi descrito (ver apartado 2).
O resto, a pesar das dificultades para determinar as formas específicas, corresponderían a botellas pensadas para a contención de líquidos. A única botella que puido ser reconstruída foi o obxecto CS’18-3007-1, correspondente a unha botella de 50 cl de anís atopada no chozo Morteiras-4. Pola forma e pola distribución da decoración en relevo, se puido determinar que é unha botella de anís marca La Asturiana. Esta marca pertence á empresa Hijos de Francisco Serrano S.A., fundada en 1895 en Oviedo, Asturias, que posteriormente foi trasladada a Quintanar de la Orden, en Toledo. Alí abriron en 1916 a fábrica de Anís de la Asturiana, cuxo anís gañou moita popularidade nas décadas seguintes xunto coa marca Anís del Mono (fundada en 1870 en Badalona). Outro fragmento de vidro de anís (CS’18-OBJ-36) foi recuperado tamén cerca do chozo Morteiras-4, polo que podería corresponder á mesma botella.
Figura 98: Botella de anís atopada no chozo Morteiras-4
Do resto dos vidros, 149 fragmentos (77%) son de cor verde e corresponderían a un NMI de 10 botellas, posibelmente de viño, se ben non se descarta outras posibilidades coma o coñac. En relación a estas botellas podería mencionarse a presenza dun tapón de cortiza atopado no chozo Teixadal-1 (CS’18-2008-1), se ben a súa posición estratigráfica podería corresponder aos momentos de reocupación do mesmo e non a súa ocupación por parte da guerrilla. O resto de vidros (16 fragmentos; 8,3%) son de cor transparente e moi difíciles de determinar. Entre eles, pola forma, os dous fragmentos CS’18-1014-325 poderían pertencer a unhas gafas, se ben esta hipótese é dubidosa.
Figura 99: Vidros de botella, posibelmente de viño
A presenza do alcol -xa de por si común en calquera contexto contemporáneo- en contextos de conflito é algo plenamente constatado arqueoloxicamente(González-Ruibal, 2018; Larkin y Mcguire, 2009). O alcol é utilizado neste tipo de contextos non só como unha forma de ocio, se non tamén como forma de control da ansiedade en situacións de extrema tensión como son os campos de batalla ou de trincheira (González-Ruibal, 2016). A vida cotiá no monte dos grupos guerrilleiros tiña que confrontar día a día, no caso da Ciudad de la Selva durante case cinco anos, a constante tensión e perigo de morrer. A diferenza coas trincheiras é substancial: menos intensidade do perigo pero moi dilatada no tempo. Neste sentido, o alcol podería servir como atenuante e distracción.
Bibliografía
González-Ruibal, Alfredo: Volver a las trincheras. Una arqueología de la Guerra Civil española. Alianza Editorial, Madrid: 2016
González-Ruibal, Alfredo: An Archaeology of the Contemporary Era. Routlege, Oxford: 2018
Larkin, Karin, y Mcguire, Randall H.: The archaeology of Class War: the Colorado Coaldfield Strike of 1913-1914. University Press of Colorado, Boulder: 2009
O obxectivo do noso proxecto é entender de xeito complexo as distintas maneiras e mecanismos que utilizan as sociedades campesiñas pre-industriais para adaptarse, e tamén para resistir, as mudanzas políticas estruturais, fundamentalmente a imposición dos Estados. Aínda que non rexeitamos ningunha fonte para poder facer isto, o noso interese principal son as fontes antropolóxicas e, sobre todo, a arqueoloxía. Como poden os obxectos e a materialidade (a paisaxe, as estruturas domésticas ou os espazos agrarios) darnos información sobre as sociedades campesiñas no pasado? Noutros posts describiremos en profundidade que significa a resistencia, o campesiñado ou o Estado. Porén, aquí facemos unha pregunta máis básica: por que é interesante hoxe estudar as sociedades campesiñas do pasado? Serve para algo? Nós estamos convencidas de que a resposta é afirmativa. Sigue leyendo «Por que estudar o campesiñado hoxe? Jan Douwe Van der Ploeg e a «recampesiñización» do mundo rural»→
O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí
Un dos aspectos máis sobresaíntes das escavacións na Ciudad de la Selva foi a documentación dun conxunto de obxectos relacionados coa hixiene persoal e a saúde dos grupos guerrilleiros. A documentación deste tipo de obxectos contrastan coa imaxe, quizá romántica, do guerrilleiro como lobo solitario que loita pola súa supervivencia contra as forzas da natureza, como mostran as novelas ao respecto (Grandes, 2012; p.ex. Guerra Garrido, 2010; Llamazares, 2001; vid. Vidal Castaño, 2016a). Isto non significa tampouco que todos os grupos guerrilleiros contaran con este tipo de obxectos na súa vida diaria; de novo, temos que ter en conta que as escavacións na zona de Morteiras (onde foron recuperados todos estes obxectos) referencia fundamentalmente a vida da Federación e, polo tanto, a parte máis organizada do movemento guerrilleiro no noroeste peninsular. Sigue leyendo «A hixiene persoal e a saúde dos guerrilleiros na Ciudad de la Selva»→
Ningunha hipótese en Historia está pechada e confirmada. É parte da beleza da Historia en tanto que ciencia. Grazas á exhaustiva e á rigurosa análise dos datos podemos, se acaso, formular hipóteses mellor ou peor argumentadas que poden ser, ou non, parte desa verdade histórica que, pola súa natureza, nunca poderemos coñecer de xeito completo e absoluto. Os datos son os datos, e sobre eles pódense facer centos de interpretacións diferentes. Interpretacións que teñen que contrastarse e poñerse en diálogo para ver cal é a máis coherente e válida en base aos datos aportados. Viladonga poido ser construído polos alieníxenas, ser ocupado desde o século VIII a.n.e. ata o século V d.n.e. sen interrupcións ou ter un hiato de ocupación nos séculos II e IV d.n.e. Todo depende da fortaleza das argumentacións utilizadas. Sigue leyendo «Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte III: as moedas)»→
Texto extraído do artigo: TEJERIZO GARCÍA, C., RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, C., y FERNÁNDEZ PEREIRO, M. (2018): “Materiais cerámicos tardíos (ss. IV-VI d.C.) no castro de Viladonga”. CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 28, 36-52 (descarga aquí).
Cerámicas de Imitación de Sigillata (CIS).
Ao longo dos séculos quinto e sexto documéntase a presenza en toda a península ibérica dunha serie de producións cuxo nexo común é a intencionalidade para imitar as formas de sigillata do baixo imperio nun momento no que esta xa se deixara de producir nos principais centros oleiros da conca do Douro. Este conxunto de imitacións de sigillata foron estudadas e sistematizadas nos traballos de L. C. Juan Tovar baixo a categoría de «Cerámicas de Imitación de Sigillata» ou CIS (JUAN TOVAR, 2012a, 2012b; JUAN TOVAR y BLANCO GARCÍA, 1997). Sigue leyendo «Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (III): cerámicas de imitación de sigillata, cerámica redutorae producións a man»→
A historia da guerrilla construése normalmente cos grandes feitos: os ataques, as mortes, os encontros coa Garda Civil… Unha historia feita con pequenas árbores que impiden ver ás veces o gran bosque que foi a loita antifranquista no noroeste peninsular. Porén, a historia menos coñecida é aquela que ten que ver coa vida cotiá, co pasar dos días no monte, na espera constante ameazada polo terror de morrer ese día e a esperanza de que a organización e a loita sirvan para expulsar o ditador. Segundo as nosas investigacións, a Ciudad de la Selva, no seu momento de apoxeo, estivo en funcionamiento durante case cinco anos. 1825 días coas súas horas nas que os guerrilleiros e guerrilleiras tiñan que estar no monte. Os ataques e os movementos foron momentos puntuais dunha longa travesía que tiñan que encher con outras actividades. Sigue leyendo «Arqueoloxía do aburrimento da guerrilla: o que as crónicas non contan»→
¿Qué es «Sputnik Labrego»?
En novembro do ano 1957 a cadela Laika foi lanzada ao espazo un mes despois do satélite Sputnik 1, iniciando unha carreira que duraría máis de 30 anos entre os dous estados máis poderosos do mundo. Uns meses despois de que Laika tivera a honra de ser o primeiro ser vivo en orbitar arredor do noso planeta, os habitantes dunha aldea próxima a Salcedo (Lugo) realizaron a súa propia homenaxe á cadela espacial (leer más).