Madres paralelas. La arqueoloxía como (contradictorio) pegamento

(Texto escrito por Carlos Tejerizo García). SPOILER ALERT

Aínda que estou moi lonxe da miña terra -se é que teño algunha terra, aínda que diría que Salamanca ou Casaio-, a estrea internacional de «Madres paralelas», de Pedro Almodóvar, permitiume dar vista por fin esta película. Unha película que para min, e para nós como Asociación Científica Sputnik Labrego, ten moito significado persoal. Dúas persoas do noso equipo, Alejandro Rodríguez Gutiérrez e Laura Martínez Panizo -e xunto a un grande especialista como é René Pacheco Vila-, tiveron a oportunidade de participar nesta produción como extras. Máis aínda, tiveron o privilexio de representar o papel dunha equipa de arqueoloxía nunha exhumación de represaliadas e represaliados da Guerra Civil. Podemos dicir que tampouco traballaron moito, porque máis que representar, simplemente tiveron que facer o que xa sabían, isto é, poñer en marcha a súa experiencia no campo da memoria histórica, restaurando a democracia e a xustiza ás vítimas do traumático episodio da nosa historia que foi a Guerra Civil e o Franquismo. É por isto que tiña un interese persoal moi especial nesta película. Cabe dicir, como anécdota, que Alex e Laura son moito máis disciplinadas e serias, aínda que igual de profesionais, baixo as ordes de Pedro Almodóvar. Supoño que xa sei que teño que facer no futuro.

A película conta a historia de Janis, interpretada por Penélope Cruz, unha fotógrafa que nunha sesión de fotos coñece a Arturo, un antropólogo forense que se presta a axudar a abrir a fosa común onde está o bisavó de Janis. Janis queda embarazada de Arturo, e durante o parto da súa filla coñece a Ana, unha rapaza que tamén dá a luz a unha nena, aínda que esta é produto dunha violación. As madres paralelas. Posteriormente, Janis descobre que as nenas foron intercambiadas, e que a filla de Ana morreu. A culpabilidade leva a Janis a estreitar as ligazóns con Ana, ata que finalmente confesa a verdade e Ana leva a nena, a súa verdadeira filla, con ela. Na última escena da película, Janis e toda a súa aldea contemplan a exhumación da fosa, onde unha muller recoñece o seu pai porque os arqueólogos atoparon o seu axóuxere, obxecto que o pai portou cando os falanxistas o levaron, primeiro, a cavar a súa propia tumba e, despois, cando lle pegaron o tiro de graza. Unha historia, ademais, baseada nun episodio real no que se exhumou unha muller que portaba o axóuxere da súa criatura cando foi asasinada.

Madres paralelas é, evidentemente, unha película sobre a maternidade e sobre as fortes ligazóns que as nais estabelecen coas súas fillas. Pero máis aínda, é unha película sobre a reparación daquelas ligazóns que quedaron truncadas. Existe un paralelismo evidente entre as dúas mulleres e a súa viaxe ao longo da maternidade. A filla que perdeu Ana, aquela de Janis, e o trauma que iso supón para a súa vida ten un reflexo na perdida paralela de Janis. Un viaxe que as dúas nais partillan e que teñen que aprender a resolver; vidas rotas que só mediante a empatía, a solidariedade e a bondade poden pegar e restaurar, aínda que a viaxe deixou as súas marcas, como quedan tamén nunha cerámica que se rompe e que tentamos restaurar. Porén, o paralelismo da película de Almodóvar é dobre. A restauración das ligazóns maternais das dúas protagonistas ten un reflexo na reparación que, como sociedade en pequeno, ten a aldea de Janis cando recupera os restos, e con eles a historia e a memoria perdida e rota, grazas ao traballo arqueolóxico. A arqueoloxía, como medio, e a capacidade das sociedades de confrontar as súas ligazóns mediante a exploración material do pasado, como fin, convértense na película do manchego o pegamento mediante o cal poden as madres paralelas -e a nosa sociedade- restaurar as feridas. Sempre mirando cara adiante, sen medo.

Malia que a película é moi poderosa na súa mensaxe, a súa recepción non deixa de ser contraditoria, precisamente por non ter sido extremadamente polémica. Se esta película fose estreada hai dez anos, non hai dúbida que tería sido moi contestada, como foi a película de Alejandro Amenábar Mientras dure la guerra no seu momento. Porén, a polémica que suscitou a película de Almodovar foi porque nun dos carteis promocionais saía un peito de muller cunha gota de leite. De tolos. Algo que non é bo está a pasar nas nosas sociedades. O feito de que Madres paralelas non abrira unha nova discusión, máis necesaria que nunca, sobre que facer coas vítimas da Guerra Civil que aínda quedan por recuperar, non sei se é unha normalidade positiva ou negativa. Sería positiva se realmente fose parte dunha aceptación social da necesidade desta reparación das ligazóns destas vítimas cos seus familiares e de nós como sociedade co noso pasado. Significaría que xa temos comprendido que é o seu. Porén, non parece que isto sexa así, e o medo a «abrir feridas» móstrase máis presente que nunca. Polo contrario, sería negativa se tomamos estas exhumacións como unha nova normalidade, algo que está aí e que temos que convivir con iso. Algo tan repetido que xa é ata cansado, como xa advertía o arqueólogo Alfredo González Ruibal. Asumir como normalidade que centos de milleiros de persoas sigan nas estradas, gabias e cemiterios diría moito da nosa sociedade, e por desgraza nada bo. Con todo, teño a esperanza de que isto non é así e que pouco a pouco estamos a gañar esta batalla, e asumir como necesidade social a reparación das vítimas mediante a xustiza e a verdade. Como Alex, Laura e toda o equipo arqueolóxico de Madres paralelas, seguiremos nisto.

Ideoloxía e franquismo: a conversión dos guerrilleiros en bandidos

O 1 de abril de 1939, Franco declarou o final da contenda civil que desangrou España entre 1936 e 1939. Para Franco, os inimigos foron derrotados definitivamente e xa só quedaba a tarefa de reconstrución e de reeducación da sociedade. Porén, isto non era certo por completo. A articulación da loita guerrilleira xerou outro frente de batalla que había que combatir. Unha loita que non podía pasar por una loita política, xa que isto deslexitimaba a construción do novo Estado. Franco necesitaba que a guerrilla non fora pensada como un movemento organizado.

Para isto, o réxime utilizou dúas ferramentas: a represión e a ideoloxía. Sobre a primeira xa desenvolveremos algunhas ideas no futuro. Sobre a segunda, o franquismo valeuse fundamentalmente da lexislación. O 18 de abril de 1947 foi publicado o Decreto-ley sobre represión de los delitos de bandidaje y terrorismo, cuxo obxectivo foi artellar os mecanismos de loita do Estado contra a guerrilla.

Esta lei buscaba deshumanizar os guerrilleiros e guerrilleiras de tal xeito que a súa eliminación física non supuxera un problema moral. Un proceso que o filósofo Giorgio Agamben denomina como a conversión en homo sacer, a non-persoa. Unha das conclusións das nosas escavacións na Ciudad de la Selva e que os chozos da guerrilla foron queimados pola Garda Civil, nun intento de borrar a memoria da loita guerrilleira nos montes de Casaio. Unha damnatio memoriae das non-persoas que, para o franquismo, eran as agrupacións guerrilleiras.

Estrato de queimado documentado no chozo Morteiras 1, na Ciudad de la Selva

Pero a guerrilla tamén tiña as súas propias ferramentas para loitar contra esta deshumanización. Durante o ataque en xullo de 1946 á Cidade da Selva, a Garda Civil abateu a dous guerrilleiros: Francisco Elvira e Arcadio Ríos. Para a Garda Civil, ambos os dous eran «bandoleros». Así está reflectido no parte do ataque:

…después de minuciosas gestiones practicadas por el grupo de fuerza […] tomar contacto con un grupo de bandoleros en número aproximado de 20 a 25, a las 16 horas del día 27 en el Valle que riega el arroyo del Riodolas, con el que entablaron nutrido tiroteo por ambas partes, del que resultaron dos bandoleros muertos que quedaron abandonados.

César Ríos

Porén, o irmán de Arcadio, César, deixou unha nota a carón do corpo morto, onde se podía ler: «Arcadío Ríos. Respeten o seu cadáver que é dun guerrilleiro honrado que a través da Historia honra á nosa patria. O seu irmán César»

E así, Arcadio volveu a ser a persoa que o Estado franquista quería invisibilizar.

Da Amarga Memoria aos Lugares de Memoria: o frente de Aragón durante a Guerra Civil

Texto de Laura Martínez Panizo

Fai uns días, parte das Sputniks desprazámonos até o Norleste da península para coñecer de primeira man algunhas das paisaxes da Guerra Civil. Na comarca dos Monegros, rexión natural no val do Ebro que divide as provincias de Huesca e Zaragoza, estableceuse de norte a sur a chamada Fronte de Aragón, cúa espiña dorsal sería a Sierra de Alcubierre. Esta liña de guerra permanecería practicamente estable durante casi dous anos dende xullo de 1936, implicando a toda a poboación civil da zona, que se veu obrigada a organizarse de maneira eficaz para pórse ao servizo da fronte. Sigue leyendo «Da Amarga Memoria aos Lugares de Memoria: o frente de Aragón durante a Guerra Civil»