Neste post, seguindo coa publicación do contexto de Morteiras-1, presentamos a estratigrafía do chozo Morteiras-4, escavado en verán de 2018 e interpretado como un chozo habitacional da guerrilla antifranquista. Todo isto pode ser consultado na memoria técnica presentada na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que podedes descargar aquí.
O Chozo de Morteiras-4 localízase no extremo norte do sitio das Morteiras, nunha ladeira á marxe esquerda do arroio homónimo e cunha pronunciada pendente en dirección cara dito arroio. Sitúase a uns 20 m en dirección norte con respecto ao chozo de Morteiras-3 e a uns 30 m na mesma dirección con respecto a Morteiras-2. A estrutura ten unhas medidas de 5.1 x 3.2 m e 8.9 m2 de espazo interior útil.
Planta e alzados de Morteiras-4
Os muros da construción correspóndense ás UEs 3001 (parede norte), 3002 (parede leste), 3003 (parede oeste) e 3004 (parede sur). Da mesma maneira que Morteiras-1, todos eles están construídos a base de cachote e perpiañolixeiramente escuadrado de pedral local, reservando algúns perpiaños mellor escuadrados para o vano da entrada. Debido á forte pendente, para a súa construción escavouse unha profunda cimentación no depósito precedente (UE 3009) de forma perpendicular á pendente, polo que esta é profunda na zona onde se levanta o muro oeste (UE 3003). Esta cimentación é a que permitiu que o muro estivera mellor conservado, cunha altura máxima conservada de 2.5m. Entendemos que esta sería a altura máxima da estrutura. Non obstante, o colapso afectou de forma moi intensa á metade leste da estrutura e, sobre todo á parede UE 3002, que está case perdida. O seu derrubo (UE 3005) esténdese de forma masiva pola pendente abaixo, en dirección ao arroio. A partir da información proporcionada polos derrubamentos interiores (UE 3005), pódese afirmar que a lousado sería a unha auga eestaría composto por un conxunto de vigas de carballo (duns 15-20cm de diámetro) cuberto por lousas de xisto de mediano e gran tamaño, en dirección O-L. Debemos destacar a presenza dunbidueiro na zona suroeste da estrutura que creceu posteriormente ao seu abandono, o que provocou unha importante alteración estratigráfica do contexto.
Documentáronse dous vanos. O primeiro corresponde á porta da entrada, localizada dentro do muro leste UE 3002, e cunha anchura duns 75cm. O segundo vano é unha fiestra situada na parede norte UE 3001 de 45 x 40cm. Dende esta última obsérvase gran parte do val das Morteiras e, ao fondo, Casaio. Non se descarta que puideran existir máis vanos, se ben non hai evidencias que poidan demostralo.
Planta das UEs superiores de Morteiras-4
A estratigrafíado interior da estrutura resultou moi simple. En primeiro lugar, documentouse un derrubo interior (UE 3006) composto por cachotes de xisto e cuarcita local, así como grandes fragmentos de lousa, procedentes do lousado orixinal. Se ben se concentraba da parte central ao sur da estrutura, cubría practicamente toda a superficie interior, cunha profundidade máxima entre 20-25 cm. Baixo este derrube documentouse un depósito cincento (UE 3007) de cor marrón escuro ou negra, pouco compactado e limoso, cunha abundante proporción de carbóns que mostrarían a súa orixe a partir dun lume no interior da estrutura. A xa mencionada presenza da árbore no interior estrutura provocou a presenza de gran cantidade de raíces neste estrato. Nesta unidade é onde se localizaron todos os materiais arqueolóxicos asociados á estrutura, que incluíron peites de fusil, balas, diversos metais e fragmentos de lata, unha botella case completa de anís, e de forma moi significativa, un fragmento de mina de carbón (lapis) e restos queimados dun saco recheo de felgos (isto último interpretado coma un posíbel xergón). A potencia foi escasa, cunha profundidade entre os 5-15cm.
UE 3007 antes da súa escavación
Unha vez retirado este depósito, documentouseos restos dun solo formado por un lousado (UE 3008) de similares características ao de Morteiras-1. Estaba formado por laxes de mediano e gran tamaño de xisto (80 x 50 x 5 cm) que, na súa orixe, cubriron toda a superficie interior do chozo. Debido á presencia da árbore, viuse especialmente alterado, conservándose unicamente na parte central e noroeste da estrutura.
Planta das UEs inferiores de Morteiras-4
Baixo este enlousado documentouse un depósito de terra de cor marrón escura, de compactación media e limoso-arxiloso moi orgánico (UE 3009), que correspondería a un depósito previo de nivelación sobre o que se construiría unha estrutura. Este nivel non foi escavado, sendo límite da presente intervención.
Detalle da viga de carballo proveniente da teitume.
Dispersión dos achado no interior de Morteiras-4
A prospección visual co apoio do detector de metais realizouse no entorno máis inmediato do chozo de Morteiras-4. Concretamente na pendente que se discorre ao leste, en dirección ao arroio, centrándose no espazo que ocuparía o derrubo exterior UE 3005. Localizouse un total de 22 obxectos distribuído nun área de 5 metros arredor da porta da entrada do chozo. Entre eses obxectos localizáronse balas, diversos metais (cravos, arame, arandelas…), fragmentos de lata de sardiña, unha batería de pila, unhas tesoiras e fragmentos de botes de cristal ou as súas tapas metálicas.
UE 3008 correspondente ao enlousado da estrutura
De modo similar ás Morteiras-1, a escavación de Morteiras-4 trouxo resultados positivos e interesantes. En termos arqueolóxicos, interpretamos este contexto como un dos sitios de habitación principais das partidas guerrilleiras localizadas neste campamento do val de Morteiras. A presenza do saco recheo de felgos e diversos obxectos asociados á vida cotiá apoian a nosa hipótese. Paralelamente trataríase dun espazo de vixilancia, hipotetizado isto polo feito da existencia dunha fiestra (muro norte 3001) que enfoca directamente a Casaio. Isto permitiría, posibelmente, un control dos movementos de poboación e, en especial, da Guardia Civil alá instalada. Ao igual que en Morteiras-1, manexamos a hipótese de que este contexto foi abandonado e queimado no ataque da Guardia Civil do 1946.
Dispersión dos achados no entorno de Morteiras-4