Non hai dúbida de que grazas á documentación escrita temos un coñecemento moi profundo sobre a guerrilla antifranquista no noroeste peninsular. Desde os anos 80, autores como Harmut Heine, Secundino Serrano ou Aurora Marco achegaron unha información crucial para a comprensión deste fenómeno político e social. Porén, e como xa defendemos noutros posts, só grazas a materialidade e ao seu estudo mediante a arqueoloxía podemos achegarnos a certos aspectos da guerrilla non visibles na documentación escrita. Aínda máis, se entendemos a arqueoloxía como a capacidade, tamén, de estudar a relación das sociedades coa paisaxe. Grazas aos nosos estudos podemos aprofundar moito nesta relación coa paisaxe no caso da guerrilla na contorna dos montes de Casaio.
Como xa comentamos noutros posts, a guerrilla nos montes de Casaio conformouse pola unión de grupos de fuxidos locais, pequenas agrupacións territoriais e a chegada doutras persoas e grupos, fundamentalmente de Asturias. Nesta confluencia de xentes xurdiu a Ciudad de la Selva, como unha mestura das tradicións e o coñecemento do terreo local e a organización estratéxica da organización guerrilleira. Esta mestura tivo un impacto moi importante no terreo e que podemos analizar arqueolóxicamente. Aquí centrarémonos en dous elementos: os monumentos da paisaxe e a historia da «caixa de correos de Soutadoiro».
Ata o momento puidemos documentar un total de dezaoito campamentos vinculados á guerrilla, dos cales polo menos seis entrarían dentro do que denominamos a Ciudad de la Selva, isto é, os campamentos construídos e ocupados efectivamente pola Federación de Guerrillas de León-Galiza. Practicamente todos eles atópanse nos vales de Morteira e da Bruña, excepto algúns sitios de uso puntual, como o coñecido chozo do Teixadal.
As análises espaciais que fixemos mostran claramente que a elección destes campamentos non foi casual, se non moi pensada e artellada dentro dunha estratexia de loita a medio e longo prazo. Todos eles constrúense en espazos illados de accesibilidade moi reducida pero de gran control visual e estratéxico. A proximidade aos leitos dos ríos non só aseguraba a auga, senón que permitían a fuxida dun xeito máis doada. Isto tamén estaba pensado; todas as portas dos chozos dos campamentos diríxense cara ao río.

Porén, as nosas análises e traballos en campo atoparon unha cousa moito máis sorprendente; todos os campamentos vinculados coa Ciudad de la Selva atópanse preto do que podemos considerar un «monumento» da paisaxe. Isto é, elementos naturais que resaltan na paisaxe, que chaman a atención daquelas persoas que pasan por estas paraxes. Por exemplo, o campamento de Morteiras sinálase a través dun gran carballo seco. Ou tamén o campamento do Teixadal, onde o chozo atópase preto dun dos teixos máis vellos do bosque. É como ocorre na Bruña, onde o campamento se construíu a carón dun gran descampad chamado a Mallada da Bruña.
Esta apropiación da paisaxe por parte da guerrilla esténdese a outros elementos da vida cotiá das sociedades locais. Un exemplo especialmente interesante é o coñecido como caixa de «correos de Soutadoiro». Soutadoiro é unha aldea onde a guerrilla tivo tamén moita implantación. Nun dos camiños de entrada á aldea hai unha gran pedra que a guerrilla utilizaba para comunicarse coa veciñanza. Esta utilizaba un pequeno pau para avisar da presenza da Garda Civil estaba por alí e, polo tanto, era perigoso pasar. Se o pau estaba en horizontal, podíase pasar.
Todas as sociedades aprópianse e constrúen as paisaxes. Porén, a guerrilla, polas súas características propias, utilizou as paisaxes de xeito moi particular, transformandoas en paisaxes da resistencia.