Presentación

cropped-logocon-nombre.jpg

En novembro do ano 1957 a cadela Laika foi lanzada ao espazo un mes despois do satélite Sputnik 1, iniciando unha carreira que duraría máis de 30 anos entre os dous estados máis poderosos do mundo. Uns meses despois de que Laika tivera a honra de ser o primeiro ser vivo en orbitar arredor do noso planeta, os habitantes dunha aldea próxima a Salcedo (Lugo) realizaron a súa propia homenaxe á cadela espacial:

Nunha das múltiples destas do calendario, alguén atou a unha cadela a un foguete e recriaron o seu propio lanzamento espacial. Non se coñece o destino final do animal, ao mellor nunca chegou a despegar do chán, mais, sen dúbida foi un intre espectacular, digno do mellor realismo máxico, tan propio da Terra galega.

Castro de Viladonga

Este pequeno conto ilustra á perfección as sociedades campesiñas, galegas ou de máis lá. Mostra a súa impresionante capacidade de inventiva e de adaptación dos macrorrelatos construídos dende arriba en historias e experiencias comúns da vida cotiá dende abaixo; a orixinal adaptación á súa forma propia de comprender o mundo dos grandes acontecementos que proveñen de fora do seu “mundo”; e, tamén, do uso dos máis diversos instrumentos e simboloxías para resistir ás forzas internas e externas que ameazan con modificar as súas formas de vida. Pode que a cadeliña lucense nunca chegara ao espazo, mais o seu símbolo foi o máis importante para os habitantes desta aldea e da contorna. E tamén nos axuda a comprender as profundas raíces das sociedades tradicionais na súa relación coa modernidade. Un Sputnik, símbolo de adaptación e de resistencia, máis importante dentro da órbita da aldea que fora da capa de ozono.

Moto con sidecar. Vilalba 1924. Memoria da Terra Chá

Comezamos con este extraordinario conto este blogue adicado a análise da antropoloxía e da arqueoloxía das sociedades labregas tradicionais de Galiza (e de máis lá). O noso obxectivo é profundar no modo en que as sociedades labregas son quen de adaptarse e resistir aos profundos procesos de cambio aos que foron sometidas ao longo da Historia a través dos seus obxectos, das súas formas de habitación, dos seus instrumentos de traballos, dos seus rituais ou das súas ideas. Aquí confluirán as historias e os obxectos das sociedades labregas ao longo de diferentes tempos e culturas: da cultura galaica prerromana, da sociedade galaico-romana, baixo o monarquía Suevo, do tempo dos Irmandiños, da invasión francesa ou da Guerra Civil do 1936 e a Guerrilla. Como diría o antropólogo Eric Wolf, o noso obxectivo é tentar ser o altofalante a aquelas sociedades sen historia, aquelas sociedades que corren actualmente o risco real de desaparecer por sempre.

Minas de Wolframio en Valborraz

Sputnik Labrego forma parte dun proxecto de investigación sobre a Arqueoloxía do Campesiñado galego do pasado, mais visto dende o presente. Unha unión de tradición e modernidade, de reivindicación e de resistencia. Tal e coma é o proxecto musical Labregos do tempo dos Sputniks, ao que homenaxeamos co título do blogue. Coma din na súa canción sobre a revolución labrega de Chiapas: “Amor e Sangue en Chiapas”:

Noutra rebelión xusta que interna

nunha urxente esixencia de certezas

para este corazón rebelde e zapatista

obrigado a loitar polo evidente

cunha serea furia

antiga e sabia

Agardamos que estes Sputniks cheguen a súa órbita. Comezamos!

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s