A produción cerámica en galicia entre a fin do imperio romano e a alta idade media (ii): séculos v e vi d.n.e.

Unha versión estendida destas reflexións pode verse en: Tejerizo García, Carlos, Alonso Toucido, Francisco, y Torres Iglesias, Diego (2021): «Cerámicas del interior de Galicia desde el tardoimperio a la Alta Edad Media (s.V-X/XI d.n.e.): algunos casos de estudio» Pyrenae, 52, 2: pp. 149-185.

Cerámica da Cultura Aguada, no noroeste de Arxentina.

A cerámica é un elemento moi importante nas sociedades pre-industriais. As teorías máis estendidas asocian o nacemento de cerámica aos inicios da agricultura no Neolítico, de xeito que os cereais puidesen ser almacenados e conservados. Porén, desde moi cedo estas cerámicas xogaron papeis moito máis simbólicos e de representación social. Deste xeito, por exemplo, as cerámicas convertéronse nos recipientes para conter os restos dos mortos, ou tamén foron elementos de prestixio que se intercambiaban entre rexións distintas, como ocorre coa cerámica campaniforme ou as cerámicas de culturas latinoamericanas, como a cultura Aguada (600-900 d.n.e.) en Arxentina. As cerámicas, como parte das culturas, recollían parte dos saberes e ideas, expresadas, ás veces, en forma de decoracións, en ocasións moi elaboradas.

Cerámica engobada de Lugo

Como comentamos noutro post, o noso proxecto abordou a tarefa de investigar sobre a secuencia cerámica entre a fin do Imperio Romano e a Alta Idade Media. Como vimos, aínda que existían traballos sobre este tema, non existía unha secuencia completa das producións cerámicas entre os séculos V e X d.n.e. Nos próximos posts describiremos, en síntese, as principais características destas producións.

O século V d.n.e. caracterízase por ser un período de grandes mudanzas políticas e economícas cun reflexo directo sobre a cerámica. A grandes trazos o que se observa é unha tendencia cara á redución das escalas de produción e de distribución, o que implicou a aparición de moitas producións rexionais. Estas producións rexionais o que procuraban era substituír as antigas cerámicas romanas, con especial importancia da coñecida como Terra Sigillata Hispánica Tardía, a cerámica de mesa de luxo producida na península ibérica nos séculos IV e ata a primeira metade do século V d.n.e. Así, na contorna de Galicia, tanto a sigillata como as producións engobadas de Lugo foron substituídas por imitacións vidas de distintos sitios, por exemplo, de cidades como Braga, Astorga ou a meseta Norte. A desaparición definitiva de Terra Sigillata Hispánica Tardía prodúcese cara á metade do século V d.n.e., aínda que pode seguir aparecendo nos contextos, por exemplo nas necrópoles como ocorre no caso do xacemento da Lanzada.

Cerámica do xacemento dos Castros de Mondoñedo

As imitacións de sigillata tamén acabarán por desaparecer co tempo. Aínda que depende da rexión, este tipo de cerámicas deixa de producirse cara á metade do século VI d.n.e. Destes momentos son, por exemplo, os coñecidos pratos de gran tamaño como os que aparecen no contexto de Viladonga, ou os pequenos vasos dun asa e pastas grises. Unha das características máis particulares do noroeste peninsular ten relación coas decoracións. Mentres que noutras partes da península ibérica son comúns as decoracións estampadas, nesta zona é máis común a incisión e o brunido.

Pratos decorados de Viladonga

Porén, o aspecto máis significativo da produción cerámica entre os séculos V e VI d.n.e. é o que Adolfo Fernández e Bartolomé Abraira nomearon como o paso do mundo das cerámicas vermellas cara ás cerámicas escuras de pastas grises (o que chamamos cerámicas redutoras). Este é un proceso que se percibe de xeito moi intenso nas cerámicas comúns de cociña e almacenamiento. O típico dos séculos IV e V d.n.e. é atopar conxuntos moi grandes de cerámicas de pastas laranxas ou vermellas en formas de olas, xerras ou as coñecidas dolias, grandes cerámicas de almacenamento de cereal. Porén, cara a finais do século V e xa dentro da sexta centuria, estas cerámicas son substituídas por cerámicas grises case de xeito completo. As razóns desta mudanza tan importante hai que poñelas en relación con producións cada vez máis locais que utilizan tecnoloxías máis sinxelas, lonxe dos grandes centros de produción de época tardoimperial.

Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte IV: a interpretación)

Nos pasados posts defendemos a hipótese de que o coñecido castro de Viladonga foi abandonado entre os séculos II e IV d.n.e. para volver ocuparse nos momentos finais do século IV e, sobre todo, no século V. Baseados nos estudos da cultura material, a cerámica, a estratigrafía e as moedas, presentamos todos os datos que nos permitían defender esta hipótese. Todo o razoamento pódese ler neste artigo que deixamos aquí. Agora toca a parte máis importante: preguntar polas razóns deste abandono e as consecuencias históricas que implica.

A implantación do Imperio Romano e as súas dinámicas económicas tiveron un forte impacto sobre as comunidades que vivían previamente no territorio incorporado ao imperio. A lóxica económica do imperio baseábase nunha explotación intensiva do territorio artellada en torno a distintas cidades e contornas secundarias que recollían o produto do campo e o distribuían polo imperio. Por exemplo, o pagamento aos exércitos, a annona, foi un dos máis importantes acaparadores de gran e de gando. Dentro desta lóxica, os castros xogaron un papel cada vez menos importante, e a poboación abandonou progresivamente estas contornas. Por exemplo, o castro de Formigueiros foi abandonado definitivamente a finais do século I d.n.e. e non foi ocupado outra vez. No caso de Viladonga, a estratigrafía mostra que durante o século I houbo aínda ocupación. Incluso se construíron varias estruturas na zona leste do sitio. Porén, e como defendemos, o sitio abandonouse no século II d.n.e.

E onde foi toda esta poboación? É verdade que temos moi pouca información ao respecto, pero é moi posible que parte desta xente vivise e traballase nas contornas da vila de Doncide. Esta vila sitúase a poucos quilómetros do sitio, aínda que só se coñece a existencia dun mosaico asociado ao xacemento, que indicaría unha ocupación durante os séculos III e IV d.n.e. Polo que sabemos deste tipo de sitios, normalmente os seus dependentes vivían na contorna inmediata, como sabemos doutras vilas como La Olmeda, ou Carranque. Xente que cultivaría os terreos da vila, máis proximos do seu lugar de traballo diario.

Reconstrucción de la villa romana de La Olmeda. Fuente. villaromanalaolmeda

Este sistema mantívose ata a segunda metade do século IV d.n.e., momento no que comezamos a ver no rexistro arqueolóxico mudanzas moi significativas. Por exemplo, algúns edificios públicos das cidades romanas transfórmanse en zonas produtivas ou en casas privadas. Tamén se nota a través da cerámica unha progresiva contracción das redes de abastecemento. Estas mudanzas tiveron un momento de aceleración no século V, e a ocupación masiva de asentamentos fortificados foi un dos procesos máis visibles nas paisaxes (como xa comentaramos noutro post).

Ocupacións fortificadas do século V d.n.e. no centro e norte peninsular

É neste contexto no que a re-ocupación de Viladonga ten máis sentido. O momento de incerteza política e social que caracterizou o inicio do século V pensamos que é a causa de que a xente decidise volver ao castro. Como xa dixéramos, as invasións bárbaras xogaron o seu papel, pero é tamén moi importante ter en conta os intereses das elites locais e territoriais en manter o seu poder nun momento de derrubamento do Estado romano.

E que implicaría que a nosa hipótese fora certa? O primeiro sería a revisión exhaustiva doutros contextos similares onde se pensa que houbo unha ocupación continuada entre a época castrexa e o mundo tardorromano. Sitios como San Cibrán de Las, Fazouro ou Castrolandín deberían ser revisados á luz das novas investigacións para coñecer mellor as súas secuencias de ocupación. Deste xeito, as novas escavacións no sitio de Santomé apuntan a cronoloxías moi similares ás que nós apuntamos para Viladonga.

Castro de San Cibrán de Las

En segundo lugar, implicaría reconsiderar a importancia da reocupación dos asentamientos fortificados no noroeste como un fenómeno particular e propio. Neste sentido, conceptos como o do «galaico-romano» adquirirían unha nova dimensión, máis alá dunha categorización atemporal e cultural.

Por último, habería que estender as análises a outras materialidades destes asentamentos, como as estruturas domésticas ou as relacións de xénero. Só mediante unha secuencia crítica dos sitios poderemos facer unha historia de calidade e unha interpretación científica destes importantes centros de poboamento que artellaron as relacións sociais no pasado.

Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte III: as moedas)

Ningunha hipótese en Historia está pechada e confirmada. É parte da beleza da Historia en tanto que ciencia. Grazas á exhaustiva e á rigurosa análise dos datos podemos, se acaso, formular hipóteses mellor ou peor argumentadas que poden ser, ou non, parte desa verdade histórica que, pola súa natureza, nunca poderemos coñecer de xeito completo e absoluto. Os datos son os datos, e sobre eles pódense facer centos de interpretacións diferentes. Interpretacións que teñen que contrastarse e poñerse en diálogo para ver cal é a máis coherente e válida en base aos datos aportados. Viladonga poido ser construído polos alieníxenas, ser ocupado desde o século VIII a.n.e. ata o século V d.n.e. sen interrupcións ou ter un hiato de ocupación nos séculos II e IV d.n.e. Todo depende da fortaleza das argumentacións utilizadas. Sigue leyendo «Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte III: as moedas)»

Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte II: cerámica)

É moi importante para as análises arqueolóxicas e para o estudo do noso pasado saber se un sitio está ocupado ou abandonado. Tanto a unha como a outra están relacionadas coas condicións sociais e políticas. A decisión de ocupar ou de abandonar un espazo, máis ainda se é o espazo onde vive a comunidade, non é calquera cousa e ten que ver con moitos factores que a interpretación arqueolóxica ten que confrontar. No último post comezamos a expor a nosa hipótese de que o sitio de Viladonga foi abandonado entre os séculos II e IV d.n.e. A conclusión da análise estratigráfica foi que existen polo menos dúas fases de ocupación no sitio separadas por un forte hiato. Neste post, tentaremos datar esas fases de ocupación e de abandono mediante as análises da cerámica e do vidro. Aquí só exporemos as ideas principais; a análise completa podedes lela no artigo publicado na revista SPAL. Sigue leyendo «Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte II: cerámica)»

Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte I: estratigrafía)

O castro de Viladonga. Fuente: elpais.com

Recentemente publicamos un artigo na revista SPAL (que podedes ver aquí) titulado «¿Continuidad o discontinuidad en los castros del noroeste? Una revisión de la secuencia del yacimiento de Viladonga». Nel facemos unha revisión da secuencia de ocupación deste importante xacemento a partir dunha análise do material e das memorias das últimas campañas de escavación (aproveitamos aquí para agradecer a boísima atención recibida polo Museo do Castro de Viladonga, un sitio que recomendamos visitar). Unha das afirmacións máis polémicas nese artigo foi que, baixo a nosa proposta, o sitio desocupouse entre os séculos II e IV d.n.e., para volver ocuparse no fin do século IV ou principios do século V d.n.e. Sigue leyendo «Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte I: estratigrafía)»

Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (III): cerámicas de imitación de sigillata, cerámica redutorae producións a man

Texto extraído do artigo: TEJERIZO GARCÍA, C., RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, C., y FERNÁNDEZ PEREIRO, M. (2018): “Materiais cerámicos tardíos (ss. IV-VI d.C.) no castro de Viladonga”. CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 28, 36-52 (descarga aquí).

 

Cerámicas de Imitación de Sigillata (CIS).

Ao longo dos séculos quinto e sexto documéntase a presenza en toda a península ibérica dunha serie de producións cuxo nexo común é a intencionalidade para imitar as formas de sigillata do baixo imperio nun momento no que esta xa se deixara de producir nos principais centros oleiros da conca do Douro. Este conxunto de imitacións de sigillata foron estudadas e sistematizadas nos traballos de L. C. Juan Tovar baixo a categoría de «Cerámicas de Imitación de Sigillata» ou CIS (JUAN TOVAR, 2012a, 2012b; JUAN TOVAR y BLANCO GARCÍA, 1997). Sigue leyendo «Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (III): cerámicas de imitación de sigillata, cerámica redutorae producións a man»

Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (II): Cerámica común romana e producións engobadas

Escavacións antigas en Viladonga. Fuente: CROA

Texto extraído do artigo: TEJERIZO GARCÍA, C., RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, C., y FERNÁNDEZ PEREIRO, M. (2018): «Materiais cerámicos tardíos (ss. IV-VI d.C.) no castro de Viladonga». CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 28, 36-52 (descarga aquí).

 

Cerámica Común Romana e Ánforas
Baixo a categoría de “Cerámica Común Romana” (CCR) inclúense aquelas producións feitas mediante torno rápido, de cocción plenamente oxidante ou mixta máis oxidante cara ao exterior. Dentro deste conxunto diferenciamos unha variedade máis depurada (CCRA), posiblemente asociada ás producións destinadas a contención de líquidos, e outra con pouca depuración (CCRB), destinada principalmente á cociña. Cabe destacar que esta última é a produción máis numerosa nos contextos tardíos do castro, con máis dun terzo das pezas analizadas (36,15% do total) o que demostra a súa continuidade até os últimos momentos da ocupación imperial do noroeste peninsular. Sigue leyendo «Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (II): Cerámica común romana e producións engobadas»

Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (I): introdución e a Terra Sigillata Hispánica Tardía

(Texto extraído do artigo publicado na revista CROA)

O xacemento de Viladonga é, sen dúbida, un dos castro máis relevantes, non só do noroeste, senón de todo o centro e do norte peninsular. Isto débese a varios factores: en primeiro lugar, é un dos castros que conta cunha historiografía máis complexa e completa, e dos máis amplamente escavados (VIGIL-ESCALERA y TEJERIZO GARCÍA, 2014). Sigue leyendo «Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (I): introdución e a Terra Sigillata Hispánica Tardía»

A segunda vida do Castro de Viladonga: os materiais cerámicos de época sueva

                            Planimetría del castro de Viladonga

 

Nun artigo Álvaro Arizaga e Xurxo Ayán escriben que os castros teñen moitas vidas porque en cada época se recuperan e se pensan de maneiras distintas. Viladonga é un castro situado na provincia de Lugo cunha longa secuencia de ocupación e de escavación. Dende que en 1911 unha parella de labregas, Pilar Palmeiro e José Abelleira, atoparan dous torques de ouro, o interese polo castro foi en aumento. Nos anos 70, Chamoso Lamas fixo as primeiras excavacións continuadas despois por Felipe Arias e distintas empresas de arqueoloxía. Corenta anos de intervencións que continúan hoxe e que desvelan as múltiples facetas dun xacemento único (http://intervencionviladonga17.blogspot.com/). Sigue leyendo «A segunda vida do Castro de Viladonga: os materiais cerámicos de época sueva»