
A modernidade é un concepto moi complexo e polisémico. Ten moitos significados e pode facer referencia a procesos moi distintos. No sentido que nós queremos darlle aquí, modernidade é o proceso polo que as sociedades campesiñas pasaron de organizarse a través de relacións de reprocidade e de basearse en economías gandeiras e agrícolas tradicionais a sociedades industriais e baseadas no traballo asalariado. Este proceso, dependendo do territorio, tivo ritmos e cronoloxías moi distintas. No caso dos montes de Casaio, este proceso de implantación da modernidade foi moi recente, cun momento chave nos anos corenta. En termos materiais, este proceso podemos analizalo arqueoloxicamente a través da implantación da minería do wolfram.

Como é ben coñecido e xa comentamos noutros posts, a contorna dos montes de Casaio foi un espazo central da denominada «guerra do wolfram». Esta «guerra» atípica foi referencia á explotación masiva deste mineral para fins bélicos durante os anos corenta no contexto da Segunda Guerra Mundial. O volframio (cuxo símbolo químico é «w») é un metal cun altísimo punto de fusión (3410 ºC) moi utilizado para o fortalecemento do material béico, aínda que tamén é utilizado para, por exemplo, lámpadas. É un metal moi raro e escaso no planeta. Porén, unha das maiores zonas de concentración é precisamente o occidente da península ibérica. Así, a súa explotación foi moi significativa en Portugal, Salamanca, Extremadura ou Galicia.
Os nosos traballos ao respecto da arqueoloxía do wolfram céntranse en tres contornas principais: a coñecida mina de Valborraz, xestionada durante os anos corenta pola Alemaña nazi, a contorna de Castro Boloso, relacionada máis coa Guerra de Corea, e a zona da Picota, que pensamos máis relacionada coa explotación esporádica ou de «rebusca» durante todos estes anos. Deste xeito, son dous os fenómenos xerais que podemos estudar arqueolóxicamente: por unha banda, a industrialización da zona dos montes de Casaio e a introdución do traballo asalariado, por outra banda, a análise antropolóxica do fenómeno do estraperlo, cuestión que apenas foi abordada desde unha perspectiva científica. Neste post centrarémonos na contorna de Castro Boloso, que foi obxecto de escavacións na campaña de 2019.

A contorna de Castro Boloso é un espazo moi sorprendente. Este sitio atópase na confluencia dos arroios Carambainas e San Xil, e foi aquí onde se instalou a mina de wolfram coñecida como a mina de San Xil. Desta mina poidemos documentar varios edificios, como a cantina, a fragua, as vivendas dos traballadores e o transformador eléctrico (transformador que, por certo, nunca estivo en funcionamiento). Todo o cumio de Castro Boloso está cheo de galerías e catas para a extracción de wolfram. Nunha delas tivemos a inmensa sorte de atopar unha pa e un pico dun dos últimos traballadores da galería.
Porén, a parte máis sorprendente deste sitio está na parte superior do cumio, onde puidemos atopar un conxunto moi particular de estruturas. Trátanse de nove estruturas de diferentes formatos (circulares e cadradas) de cachotería e enlousado de xisto distribuídas ao longo do cumio. Á primeira vista, este conxunto podería parecer un castro de época prehistórica ou romana. Porén, grazas as escavacións sabemos que isto non é así.

Nesta campaña puidemos escavar ata tres estruturas, e todas presentaban a mesma estratigrafía. Basicamente, baixo os derrubos dos muros e do enlousado, atopamos material asociado coa actividade de extracción do wolfram, como por exemplo un pico ou latas de conservas que utilizaban para trasladar o wolfram. Máis aínda, en dúas delas atopamos restos de seixos e de turmalina, outro mineral moi parecido ao wolfram, que mostraría o uso destas estruturas para o traballo do wolfram.
Castro Boloso é unha contorna moi interesante non só para analizar a industria do wolfram, senón tamén o proceso xeral da industrialización e a imposición da modernidade nas sociedades pre-industriais do noroeste peninsular.