A hixiene persoal e a saúde dos guerrilleiros na Ciudad de la Selva

Cremas de dentes

O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí


Un dos aspectos máis sobresaíntes das escavacións na Ciudad de la Selva foi a documentación dun conxunto de obxectos relacionados coa hixiene persoal e a saúde dos grupos guerrilleiros. A documentación deste tipo de obxectos contrastan coa imaxe, quizá romántica, do guerrilleiro como lobo solitario que loita pola súa supervivencia contra as forzas da natureza, como mostran as novelas ao respecto (Grandes, 2012; p.ex. Guerra Garrido, 2010; Llamazares, 2001; vid. Vidal Castaño, 2016a). Isto non significa tampouco que todos os grupos guerrilleiros contaran con este tipo de obxectos na súa vida diaria; de novo, temos que ter en conta que as escavacións na zona de Morteiras (onde foron recuperados todos estes obxectos) referencia fundamentalmente a vida da Federación e, polo tanto, a parte máis organizada do movemento guerrilleiro no noroeste peninsular.

Nove son os obxectos que podemos relacionar coa hixiene persoal e a saúde dos guerrilleiros e que podemos dividir en catro grupos:

O primeiro grupo corresponde a dous recipientes de crema de mans e de cara. O obxecto CS’18-OBJ-13, atopado nas proximidades do chozo Morteiras-9 corresponde a un bote de crema de mans e de cara marca Nievina. Consérvase toda a parte superior do frasco (ata 5.4 cm.) e a tapa de rosca, de 4.2 cm. de diámetro, feita en aluminio. Nesta pódese ler ben dúas inscricións: a primeira central «NIEVINA / CREMA / SUAVIZA / CUTIS e MANOS»; e a segunda circular «FARMACIAS DROGUERÍAS e PERFUMERÍAS DE TODA ESPAÑA», adornada con distintos motivos en relevo. Orixinalmente, a Nievina foi un produto comercializado desde 1934 polos Laboratorios Loras, establecidos en Valencia en 1895 polo farmacéutico Narciso Loras Lucía e posteriormente dirixido por Luis Loras (De Jaime Lorén y Blasco Julve, 2010). Nos anos 70 foi comprada polos Laboratorios Vigmar, quen a comercializa actualmente. Esta crema foi moi popular durante os anos 40 e 50 como se desprende da gran cantidade de publicidade vinculada. Toda esta publicidade ten como referencia a muller como usuaria principal da crema, polo que cabería pensar que a súa chegada ao contexto daCiudad de la Selvae o seu uso, aínda que poida ser utilizada por outra persoa ou reempregada, foi debido a algunha das mulleres que efectivamente estaban nesta zona (Marco López, 2011). O outro recipiente exhumado é un tubo de crema da marcaLoras. Esta crema foi comercializada tanto en bote como en tubo. Apeza CS’18-1014-315 é un bote de crema de mans e cara Loras que conserva aínda un pouco do produto.

Cremas de mans Loras e Nievina

O segundo grupo de obxectos son os botes de cremas de dentes. Os obxectos CS’18-OBJ-20 e CS’18-OBJ-47 corresponden a dous tubos destas cremas. O primeiro é un bote de cor azul con raias brancas que non pode ser recoñecido. Porén, a parte posterior recolle as instrucións de uso, que inclúen palabras como frótese ou enjuáguese, polo que pode ser asociado a unha crema de dentes. O segundo obxecto é un bote de Crema Perborol, como se pode ler na parte dianteira enmarcado por un escudo de cor azul. Na parte traseira pódese ler «PERBOROL / ES EL / ANTISÉPTICO IDEAL PARA LA BOCA / GENERA OXÍGENO / QUE DESTRUYE LAS BAC[TERÍAS] […]LA / CAR[IES] / TONIFICA LAS [E]NCÍAS / BLANQUEA e PULI / MENTA LOS DIENTES / Léase el prospecto». A marca de cremas Perborol comezou a producirse en 1914 pola Compañía Dental Española, creada en 1898 por Florestán Aguilar (González Iglesias, 2009). O produto tivo un gran éxito e difusión en España, como mostra a gran cantidade de anuncios de publicidade da crema dos anos 20 e 30 e incluso anuncios radiofónicos dos anos 40 e 50. De feito, no contexto da posguerra, produtos como Perborol foron parte da propaganda nacionalista do réxime, usando lemas como: Más español que la Giralda es el dentífrico Perborol(Checa Godoy, 2007:148).

A crema de dentes xa era coñecida desde antigo -o primeiro uso está documentado no s. IV a.C. en Egipto- se ben a súa forma moderna data da primeira metade do século XIX, coa introdución de xabón e de xiz á fórmula inicial baseada na presenza de flúor, calcita, cuarzo e arxila. En 1892, o doutor Washington Sheffield ideou a comercialización da crema en tubo, tal é como se coñece actualmente. A súa comercialización en España foi efectiva ao menos dende os anos 20, como mostra a publicidade da época. No seu uso durante a Guerra Civil está arqueoloxicamente constatada na escavación dunha trincheira na posición de La Fatarella (González-Ruibal, 2011a:27) e nas recentes escavacións en Rivas-Vaciamadrid de posicións da Batalla de Belchite(González-Ruibal y Rodríguez Simón, 2018:98).

O terceiro grupo de obxectos correspondentes a aqueles relacionados coa saúde sonrecipientes de vidro. As pezas CS’18-OBJ-9 e CS’18-OBJ-10 corresponden a dous recipientes de forma cuadrangular e pequeno tamaño (non superiores a 10 cm, aproximadamente), a primeira de vidro de cor marrón e o segundo de vidro cor transparente. Este tipo de formas de vidros están relacionados con medicamentos, normalmente xaropes, antitusivos, vitaminas ou laxantes e son moi comúns nos contextos de conflito e, incluso, documentados no contexto de campos de concentración como o de Castuera (González-Ruibal, 2010:22).

Vidros no contexto das Morteiras

O obxecto CS’18-OBJ-27 é a parte inferior dun pequeno frasco de vidro que asociamos, polos paralelos localizados, a un bote de penicilina, quizá de penicilina en pastillas. Aínda que a penicilina foi descuberta por Alexander Fleming en 1928, non sería até a Segunda Guerra Mundial que o seu uso foi estendido para salvar a vida de miles de persoas. A súa chegada a España prodúcese durante o desenvolvemento do conflito mundial; en 1944 chegan, de forma paralela, un cargamento procedente de Brasil a Madrid e outro á Coruña, onde un enxeñeiro de minas comprou 400.000 unidades ás tropas norteamericanas que ocupaban o norte de África (García Rodríguez y Prieto Prieto, 2004). Esta chegada relativamente grande de penicilina á Coruña quizais explique a súa presenza no contexto da Ciudad de la Selva. Tamén pode estar relacionada coa conexión dos grupos guerrilleiros cos médicos do entorno. Esta conexión está ben constatada e foron varios os médicos que axudaron á guerrilla na Galiza (Simón Lorda, 2011). De feito, temos constatada á historia de Francisco Fernández que, tras fuxir ferido da Guardia Civil desde Viladequinta, foi levado por un guerrilleiro -coñecido como o Asturiano– a un médico en Soutadoiro, que o curou.

O último grupo fai referencia a outros obxectos relacionados coa hixiene persoal. O primeiro son unhas tixolas encartadas de manicura (CS’18-3007-21), atopadas no contexto de Morteiras-4. O segundo é unha lámina de metal (posibelmente latón) cos bordes voltos cara ao interior de 9×6 cm. (CS’18-3007-15) e que interpretamos como un espello de man.

Espello de man e tixolas encartadas

 

Bibliografía

Checa Godoy, Antonio (2007): Historia de la Publicidad (Comunicación y Cultura). Netbiblo.

De Jaime Lorén, José María, y Blasco Julve, Eva (2010): «Laboratorios Loras, Fijador Loras» Epónimos científicos.

García Rodríguez, José Antonio, y Prieto Prieto, José (2004): Una historia verdaderamente fascinante: 75 años del descubrimiento de los antibióticos: 60 años de utilización clínica en España. Madrid: Sociedad Española de Quimioterapia.

González-Ruibal, Alfredo (2010): Arqueología de un campo de concentración. Informe de las excavaciones en el campo de Castuera (Badajoz, España), 1939-1940. Campaña de 2010. Informe técnico.

González-Ruibal, Alfredo (2011): El último día de la Batalla del Ebro. Informe de las excavaciones arqueológicas en los restos de la Guerra Civil de Raïmats, La Fatarella (Tarragona). Informe técnico.

González-Ruibal, Alfredo, y Rodríguez Simón, Pedro (2018): Intervención arqueológica en restos de la Guerra Civil en el término municipal de Rivas Vaciamadrid y sondeos valorativos en la casa de Doña Blanca y entorno. Informe técnico.

González Iglesias, Julio (2009): «Primeros depósitos dentales en España» Revista Gaceta Dental, 310.

Grandes, Almudena (2012): El lector de Julio Verne. Barcelona: Tusquets.

Guerra Garrido, Raúl (2010): El año del wolfram. Madrid: Cátedra.

Llamazares, Julio (2001): Luna de Lobos. Barcelona: Seix Barral.

Marco López, Aurora (2011): Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Santiago de Compostela: Laiovento.

Simón Lorda, David (2011): «Recuperando a Memoria (histórica) na sanidade galega (II): Médicos, practicantes e «maquis»: o apoio á guerrilla e aos represaliados na posguerra» Cadernos de Atención Primaria, 18: pp. 164-171.

Vidal Castaño, José Antonio (2016): La España del Maquis (1936-1965). Madrid: Punto de Vista.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s