Morteiras-1 antes de iniciar os traballos de escavación
A arqueoloxía traballa coas historias na terra. E para facer esas historias é fundamental facer escavacións estratigráficas, isto é, diferenciar as diferentes capas e niveis que forman o rexistro arqueolóxico. Do mesmo modo que a química basease nas partículas para construír as súas hipóteses, nós utilizamos os estratos, polo que é moi importante saber que estratos hai nunha escavación e a información que estes dan. En aras da transparencia, nos seguintes párrafos (e tamén en próximos posts) presentaremos a estratigrafía dos chozos que escavamos na campaña de 2018. Todo isto pode ser consultado na memoria técnica presentada na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que podedes descargar aquí.
O chozo de Morteiras-1 localízase no extremo sur do sitio das Morteiras, nunha pequena plataforma relativamente chaira e xunto a unha pequena charca entre dous saltos de auga do arroio. Esta chaira vaise modificando cara o E, converténdose nunha acusada pendente que se desenvolve cara o NW en dirección ao arroio. A estrutura ten unhas medidas completas de 5,2×4,9 m e un espazo interior útil de preto de 20 m2, incluíndo o espazo baixo o saínte da rocha.
Matrix Harris de Morteiras-1
Planimetría completa de Morteiras-1
Aos muros de construción correspóndenlle as UES 1001 (muro norte), 1002 (muro este), 1003 (muro sur) e1004 (muro oeste). Todos estes son muros de cantaría lixeiramente traballados e mamposto de xisto e cuarcita local de diversos tamaños e postos en seco. Nalgúns puntos específicos, como os relacionados cos vanos ou a esquina NL, documéntanse perpiaños mellor traballados e escuadrados. Dalgún xeito, no interior tiveron que ter un recubrimento de terra para o seu illamento, hoxe en día non conservado polo estado de conservación da estrutura.
A construción aproveita a topografía natural, tanto para apoiar o muro sur, xerando un espazo de uso na rocha natural (UEs 1007 e 1008), coma no seu lado oeste, apoiando a UE 1004 sobre un saínte da rocha natural.Esta disposición provocou que a parte máis inestábel se localizara na súa metade leste e, polo tanto, onde o colapso foi máis intenso. Isto mostraríase non só pola escasa altura conservada nestes muros (70cm en partes do muro 1002 fronte aos 2m do muro 1003 e 1004), senón tamén polo derrubamento exterior da UE 1005, que se estende até unha distancia de 7.5m en dirección norte, con respecto ao chozo.
Planta das UEs superiores de Morteiras-1
A entrada á estrutura localízase no muro UE 1001 no seu lado oeste, cunhas medidas de 1.55 x 0.60-0.75 m. Pola súa parte, localízase outro vano na UE 1003, de medidas 0,95 x 0,50 m que da acceso ao espazo UE 1008. Non se descarta, e de feito así pensamos, que puidera ter outros vanos e ventás. Nos depósitos interiores localizáronse varios fragmentos de vidro para ventá, asociados tanto á parede UE 1001 e 1002, polo que, como hipótese, pensamos que sería neste punto onde se atoparía unha ventá en cada un destes muros.
A construción apoia directamente no chan, sen cimentacións localizadas, construíndose a cambio unha potente plataforma de arredor dun metro de altura no seu lado leste sobre a que se asentan os muros. O conxunto ten unhas medidas de 5,2 x4,8m no interior, cuns 12m2aproximadamente de espazo útil. Dado o estado de conservación da altura nos muros 1003 e 1004, así como pola altura da porta da entrada, consideramos que a altura orixinal da estrutura non debía superar os 2,5m.
Muro 1003, co vano de acceso ao espazo UE 1008
Os muros 1002, 1003 e 1004 engarzan uns cos outros, sen solución de continuidade, xerando unha planta lixeiramente ovalada no seu lado sur. Isto mostraría que o proceso de construción tería comezado co levantamento destes tres lenzos até a altura correspondente aos vanos. Despois, comezaría a construción do lenzo 1001 até esta mesma altura, o que requiriría un reforzamento da esquina NL a través de perpiaños máis sólidos. Finalmente, levantaríase o resto da construción até o lousado. Dadas as características dos derrubamentos anteriores interiores (UEs 1006 e 1014) e o burato de poste UE 1017, pódese afirmar que o lousado sería a unha auga en dirección ao norte e composta mediante unha estrutura de vigas de madeira e coberta de lousas finas de mediano tamaño (medidas aproximadas de 50 x 3 cm) engarzadas mediante enganches, posibelmente de metal.
Esquina NL do chozo antes e despois do colapso
Temos que destacar que durante o proceso de escavación e documentación do chozo, a esquina NL colapsou e caeu pola pendente cara o arroio. Isto non só mostra o carácter de urxencia da construción do chozo, senón tamén a urxente necesidade para a súa consolidación. Dado o seu actual estado de ruína, e máis despois dos traballos arqueolóxico, o seu colapso definitivo foi inminente.
A estratigrafía do interior do chozo Morteiras-1 comeza coa UE 1012, unha unidade superficial composta por pedra local de mediano tamaño e gran cantidade de xisto de pequeno tamaño, xunto cun depósito de terra de cor marrón moi escuro e orgánico. Esta unidade localízase na parte sur da estrutura, e foi interpretado como os colapsos da parede de rocha sobre a que apoia o muro 1003. Asociada a esta UE localizouse restos de viga de madeira de carballo, que moi posibelmente sexa da estrutura do lousado.
Dispersión dos achados no interior de Morteiras-1
Unha vez eliminada a UE 1012, documentouse a UE 1006. Trátase dun profundo derrubo do colapso dos muros (UE 1001 e 1002), que se atopa practicamente por toda a superficie interior. A súa profundidade máxima (uns 70 cm) localizouse na parte N da construción. Neste derrubo atopáronse xa algúns materiais óseos, metálicos e anacos de tecidos.
Baixo esta unidade localizouse a UE 1014, un gran depósito de terra compacta de cor negro e arxiloso caracterizado pola presenza dunha gran cantidade de carbóns, fragmentos de pequeno e mediano tamaño de lousa, que proveñen posibelmente do primeiro colapso do lousado. Esténdese de forma relativamente uniforme por toda a superficie do interior da estrutura, e é onde se localiza practicamente todo o material atopado nesta estrutura, incluíndo diferentes elementos de balística (balas, vaíñas de escopeta e fusil etc.), vidros, diversos tipos de metais (latas, cravos, navalla etc.) ou un significativo conxunto óseo. Debemos destacar a localización dalgúns materiais como elementos de vestiario (solas, tecidos, botóns), alimentos (fabas, localizadas na esquina NE) ou coprólitos de ovellas (ovicaprino). A profundidade desta UE é duns 15-25 cm. Interpretamos a UE 1014 como unha unidade provinte da queima do interior do chozo.
UE 1006, derrubo interior dos muros
Unha vez retirada e documentada esta unidade, localízase a UE 1015, que é a correspondente coa superficie do uso do chozo Morteiras-1. En concreto, esta unidade corresponde cun enlousado de xisto de mediano e gran tamaño (50 x 30 x 5 cm) e recheo de ripio, distribuídas uniformemente pola superficie interior.
Unicamente na esquina SW non se localiza de forma clara, posibelmente polo colapso e destrución do chan nesta parte. Na zona central da estancia localízase un burato de poste(UEs 1017/1018) de 20cm de diámetro. Podemos destacar a presenza dunha gran rocha situada no sur da estancia e que daría acceso ao espazo UE 1018.
Planta das UEs inferiores de Morteiras-1
Baixo o enlousado, documéntase a UE 1016,un depósito de terra pouco compactada de cor marrón claro, limosa e moi orgánica, que foi interpretada como unha nivelación do terreo para a instalación do solo. Este UE non foi escavada, sendo o límite da presente intervención e localizada a 2.10m de profundidade co respecto ao punto más alto do muro oeste 1004.
UE 1015, enlousado interior. No centro pode distinguirse o burato de poste (UE 1017/1018)
Como xa se mencionou anteriormente, a construción do chozo Morteiras-1 aproveitou un saínte da rocha natural, con orientación NL-SO e situado cara o sur da estrutura. Deste xeito, xérase un espazo de uso nun pequeno abrigo de rocha natural a modo de corredor. Este espazo, de uns 6.2 m de extensión, atópase dividido en dous por un muro localizado na parte leste do mesmo, e que se dispón en dirección NO-SL (UE 1009). Este muro ten unhas medidas 1.4 x 0.80 x 0.70 m. Está construído cachote de lousa e cuarcita local, dispostos en seco. A parte leste da división (UE 1008) constitúese como un pequeno espazo de 1.6 x 1.4m e un espazo útil de 1.5m2 no que unicamente se localizou unha unidade superficial (UE 1011) de terra cor marrón escuro, pouco compacta e moi arxilosa (entendemos que pola propia humidade do abrigo). Esta foi escavada parcialmente. Nela atopouse un pequeno fragmento de óso. A interpretación deste espazo non é segura, aínda que o máis probábel é que se trate dun pequeno almacén para gardar, á fresca, botellas ou alimentos.
Zona este do corredor baixo o abrigo da rocha (UE 1008). Tamén se pode observar o muro divisorio UE 1009
A parte oeste do corredor (UE 1007) constitúese como un espazo de 4.2 x 1-2.1 m e unha superficie útil duns 6m2, no que se localiza, na súa parte noroeste, un muro de cachote e perpiaño de xisto e cuarcita local (UE 1019) de 1.3m de longo e 1 m de altura, construído a modo de contención. Na parte oeste do corredor localizouse unha estrutura composta por pequenos cachotes de xisto e cuarcita local disposta en círculo, cunhas medidas de 1.2 x 1.1 m (UE 1013). No seu interior documentouse un depósito de terra cor negro con abundantes restos de carbóns (UE 1020). Nesta última unidade localizáronse algúns fragmentos de óso e restos de vidro. Este conxunto foi interpretado como un pequeno fogar para cociñar os alimentos. O resto do corredor estaba cuberto por un depósito superficial (UE 1010) similar ao situado no espazo UE 1008. Neste depósito, que se escavou parcialmente, localizouse un coitelo e parte do que debeu ser unha culler.
Muro UE 1019
A prospección visual con apoio do detector de metais realizouse na contorna máis inmediata ao chozo Morteiras-1. Concretamente na plataforma chaira sobre a que se asenta e todo o contorno que ocupaba o derrubo exterior UE 1005. Localizáronse un total de 22 obxectos distribuídos fundamentalmente ao longo da pendente cara o arroio Morteiras e baixo un saínte de rocha que formaba un pequeno abrigo ao pe do chozo. Entre os obxectos destacan diversos metais ( cravos, arame, arandelas), fragmentos de lata de sardiñas, unha sola de zapato, así como unha bateríade pila e un bote de crema. Tamén se localizou unha bala na porta do chozo e un pequeno arame na chaira, concretamente na beira do arroio.
Lume UE 1013
En conclusión, os resultados da escavación do chozo Morteiras-1 foron particularmente positivos. Interpretamos o contexto como un almacén utilizado polas partidas guerrilleiras centrais da Federación de Guerrillas de León-Galicia. Espazo que serviría non só como almacenamento de armas e alimentos, senón tamén posibelmente de refuxio de animais tipo cabra ou ovella, mostrado pola presenza de coprólitos como de restos óseos asociados a estes taxons. A presenza dun salto de auga xunto a esta estrutura amortecería o ruído ocasionado polos animais. Estes restos óseos, e a presenza do lume no abrigo da parte sur da estrutura, tamén mostra que este espazo foi utilizado como comedor. Máis dúbidas presenta a UE 1008, se ben o máis probábel é que fora un pequeno almacén asociada á estrutura. Como mostran os niveis de queimado, esta estrutura sufriría un incendio que provocou o seu abandono. Isto explicaría a presenza abundante de material arqueolóxico queimado no seu interior, así como o seu (bo) estado de conservación. A hipótese preliminar que manexamos é que este espazo foi abandonado no contexto do ataque da Guardia Civil documentado a finais de xullo do 1946, posteriormente encontrado polos gardas e queimado co que se atopara no seu interior.
Dispersión dos achados no entorno de Morteiras-1