Tecidos, indumentaria da guerrilla e a ocupación da Ciudad de la Selva

O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí


O feito de que os chozos escavados foran queimados tras o seu abandono (ver apartado 2) fixo que se puidesen conservar en bo estado diferentes tecidos e restos de indumentaria das partidas guerrilleiras. Xa fixemos referencia aos elementos de indumentaria de metal relacionados co armamento (ver apartado 4.2). Referirémonos agora ao resto de materiais que nos mostran como se protexían os guerrilleiros das duras condicións da vida no monte.

Conserváronse até tres solas de goma. Dúas delas (CS’18-1014-331 e CS’18-1014-332) atopáronse dentro do chozo Morteiras-1 e a outra (CS’18-OBJ-50) no seu contexto inmediato. Só unha delas (CS’18-1014-332) se conserva case enteira, de 23.5 cm de longo. As tres deberon de pertencer a botas de pel de becerro con sola de goma. leste tipo de botas eran comúns nas zonas de monte e moi prácticas nestes contextos. Durante a exhumación do guerrilleiro Perfecto de Dios en Chaherrero (Ávila), atopouse o corpo calzando un par de botas de pel de becerro posibelmente moi similares ás utilizadas polos guerrilleiros na Ciudad de la Selva. No caso de Chaherrero, este tipo de calzado foi recoñecido polo irmán de Perfecto:

«Tanto la granada de mano Lafitte como las botas que calzaba la víctima fueron recordadas e apuntadas por el hermano de Perfecto de Dios, Camilo, quien señaló durante los trabajos de exhumación que su hermano sí podía llevar encima ese tipo de armamento, e que sin duda, las botas que calzaba eran de piel de becerro, echas por un zapatero especializado que les hacía el calzado a toda la familia» (Armh, 2014:59).

Botas de Perfecto de Dios tras a exhumación (ARMH, 2014)

Tamén no contexto de Morteiras-1 foron recuperados varios fragmentos de tecidos feitos a máquina, posibelmente de liño e pertencentes a unha camisa interior (CS’18-1006-6 e CS’18-1014-333). Do mesmo xeito, os dous botóns de nácara (CS’18-1014-312) e o botón de metal (CS’18-1014-320) atopados no chozo puideron pertencer a camisas interiores. Finalmente, o queimado do chozo permitiu conservar restos de coiro (CS’18-1006-4) e de corda (CS’18-1014-305).

Botóns de nácara

Por último, cabe facer mención aos restos de un saco recheo de felgos que asociamos a un xergón (CS’18-3007-24). De xeito significativo, estes restos foron atopados no contexto do chozo Morteiras-4, asociado cun espazo de habitación (ver apartado 2). De ser certa esta hipótese e descartando o uso de liteiras -pola ausencia de evidenzas- poderíase pensar que, polas dimensións das estruturas, caberían unas 4-5 persoas por chozo. Por extensión, sería posíbel calcular que o número de guerrilleiros e guerrilleiras presentes no contexto de Morteiras (incluíndo os chozos documentados en prospección) sería de 20-25 durmindo dentro das estruturas. Seguindo esta lóxica, e dado o estado de coñecemento do conxunto de campamentos da Ciudad de la Selva (ver introdución), o total de persoas sería de aproximadamente 40-50. Isto non evita que algúns puiderían durmir fora dos chozos, sobre todo en verán, polo que o número sempre podería ser maior. De feito, hai que ter en conta que na Ciudad de la Selvase celebraron varios congresos que reuniron, segundo as fontes escritas e orais, a cerca de 100 guerrilleiros e guerrilleiras. Seguindo a lóxica aquí proposta, moitos tiveron que durmir no raso.

Saco recheo de felgo queimado

Deja un comentario