O obxectivo principal das escavacións en Valencia do Sil é analizar, a través deste xacemento, as profundas transformacións do sistema de poboamento entre o fin do Imperio Romano e o inicio da Alta Idade Media. Infelizmente non contamos con moitos documentos escritos para tratar este tema, pol o que a arqueoloxía se torna como a principal fonte para entender mellor como vivía a xente nesta época coñecida por «escura». Cremos que Valencia do Sil, grazas aos traballos feitos e por facer, será chave para os nosos propósitos. Sigue leyendo «O poboamento de época tardorromana na bisbarra de Valdeorras»
Etiqueta: Poboamento
O castro de Formigueiros (Samos, Lugo): ¿un castro de época sueva?

O castro de Formigueiros é un dos sitios máis coñecidos da historiografía sobre os castros tardíos na antiga Gallaecia. O xacemento localízase no límite dos concellos de Sarria e O Incio, encravado nun pequeno cumio no estremo occidental da Serra do Édramo, a 795 msnm e nas coordenadas (UTM ETRS 89; Fuso 29): X= 643753; Y= 4704751. Esta serra separa ás concas fluviais do Val do Sarria e do Val do Mao e na dirección NW atópase un importante manancial de auga, «a fonte da moura», do que se abastecería o sitio. A litoloxía da zona componse principalmente de lousa da chamada Serie Vilalba, de orixe Precámbrico.
Formigueiros conta con unha abundante cantidade de fontes que fan referencia á súa contorna, como vimos anteriormente. Máis aínda, entre as fontes documéntase un pequeno conxunto de referencias específicas ao castro de Formigueiros. A primeira referencia data de 1031, no contexto dunha doazón e mencionado como «castro de Formigarios»[1]. As referencias repítense noutros documentos do século XI d.C., preitos e doazóns, xa sexa como «castrum de Formicarios»[2] ou como «castro Formicarios»[3]. En todas estas referencias o castro aparece como un delimitador xeográfico, mostrando con isto a súa importancia simbólica e física na articulación de territorio. Sigue leyendo «O castro de Formigueiros (Samos, Lugo): ¿un castro de época sueva?»
A romanización do val do Sil: O Castrelo de Proendos (Sober, Lugo)

O informe destes traballos pódese atoar aquí e o artigo publicado aquí.
A parroquia de Santa María de Proendos localízase nunha chaira elevada situada entre o río Sil e o río Cabe. Nesta planicie, no seu extremo suroeste sitúase un pequeno outeiro onde se sitúa o Castrelo de Proendos. Nas fichas de catalogación previas (GA27059005) informan que, por mor da vexetación, non se pode caracterizar. Sigue leyendo «A romanización do val do Sil: O Castrelo de Proendos (Sober, Lugo)»
Santa María de Mones: a longa duración na ocupación dos castros
O xacemento de Santa María de Mones forma parte da parroquia homónima do concello de Petín. Está situada na ribeira sur do río Sil, que discorre a escasos metros. O castro, e a igrexa que se atopa na súa croa, está situado noutro esporón da mesma formación xeolóxica que Valencia do Sil, que se sitúa a 3,2 km. en dirección NL.

O sitio está moi alterado pola instalación de viñedos tanto en la parte central da croa -aquela superficie que non está ocupada pola igrexa- e dos seus arredores. A comparación coa fotografía aérea do voo americano mostra que este proceso tivo moita incidencia na segunda metade do século XX. Fronte ao caso de Valencia do Sil, por exemplo, o terreo preséntase moito máis chairo, o que podería indicar unha menor incidencia sobre as estruturas máis antigas. Isto provocou, con todo, a desaparición a nivel superficial das arquitecturas relacionadas co castro, como é a potencial muralla orixinal ou estruturas domésticas. Sigue leyendo «Santa María de Mones: a longa duración na ocupación dos castros»
Entre o imperio, o reino suevo e os mosteiros: o poboamento na ribeira do Sil na «Idade Escura»

Escribe Casimiro Torres no seu libro Galicia Sueva (1977) que: «Hasta esta fecha [409] Galicia es un retazo del Imperio Romano, y aunque país extremoso y con particularidades étnicas, geográficas y medioambientales, participa de la uniformidad implantada por Roma, a la que damos el nombre de Romanidad; y en sus últimos años no sólo se encuentra sometida sino solidaria de los intereses del Imperio Romano. Con la entrada de los pueblos bárbaros en España y la estabilización de los suevos en Galicia, después de varios años de desorden y confusión, se acentúa la fisonomía particular de la Región Gallega, y los rasgos fundamentales de su personalidad histórica». Non hai dúbida de que os séculos posteriores ao desmantelamento do Imperio Romano foron cruciais para á conformación política, social e económica non só de Galicia, mais de toda a Península Ibérica. Porén, aínda é unha idade coñecida como «escura», pola falta de documentación escrita que nos informe sobre estes fundamentais cambios.
A idea dunha «Idade Escura», baseada na relativa ausencia de textos escritos, debuxaba un panorama moi miserable para as sociedades e comunidades locais posromanas, constrinxidas polas catástrofes naturais, as guerras e a pillaxe. Unha idea moi vinculada ás elites, a minoría social que podía ler e escribir, que pouco a pouco a arqueoloxía foi matizando. Dentro do noso proxecto de estudo da arqueoloxía das sociedades labregas tradicionais, estamos a estudar as mudanzas no sistema de poboamento na ribeira do río Sil, onde en xuño de 2017 tivemos a oportunidade de facer os nosos primeiros traballos na zona. Mediante estes, queriamos contrastar a hipótese de que as sociedades locais, campesiñas, eran moito máis dinámicas e activas do que normalmente se desprendía dos estudos de esta época. Como mostraremos nas próximas entradas, cremos que o conseguimos.
O área en torno ao río Sil preséntase coma un espazo de estudio privilexiado para analizar as mudanzas no sistema do poboamento tras o Imperio Romano, xa que é onde se localizan algúns dos asentamentos fortificados máis significativos dentro do proceso de desintegración do Imperio Romano e da construción do Estado suevo, caso de Penadominga (Quiroga, Lugo), Formigueiros (Samos, Lugo) ou Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense), e moi próximos a outros asentamentos coñecidos e de grande importancia histórica e patrimonial, como Castro Ventosa ou a vila de Cigarrosa. Podedes comprobar nos primeiros mapas que recompilan a información arqueolóxica coñecida, que se trata dun territorio especialmente interesante para abordar esta temática, cunha cantidade de información arqueolóxica moi sobresaínte.

As nosas investigacións centráronse, polo momento, nos castros na zona e, especificamente, aqueles chamados «tardíos», isto é, os sitios ocupados nos momentos finais do Imperio Romano e durante a época sueva. Malia que o fenómeno da “ocupación tardía” destes castros é un feito recoñecido, aínda non existe unha masa crítica que o fundamente empiricamente e, moito menos, unha interpretación sólida sobre as causas sociais, políticas e económicas que expliquen este fenómeno nel contexto do nacemento do Estado Suevo. É por iso que o noso primeiro obxectivo foi a análise exhaustiva de toda a información documental e arqueolóxica dispoñible para cada caso en particular, con sorprendentes resultados.
Nestas semanas divulgaremos aquí os principais resultados destas primeiras investigacións, que podedes tamén ver neste artigo.