Escavación e secuencia estratigráfica do chozo Teixadal-1 no sitio do bosque do Teixadal

Teixadal-1 antes de iniciar os traballos de escavación

Neste post, seguindo coa publicación dos contextos de Morteiras-1 e Morteiras-4, presentamos a estratigrafía do chozo Morteiras-4, escavado en verán de 2018 e interpretado como un chozo habitacional da guerrilla antifranquista. Todo isto pode ser consultado na memoria técnica presentada na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que podedes descargar aquí.

Pola súa parte, o sitio do Teixadal, atópase nas coordenadas UTM 29N (Datum ETRS89) X= 683070; Y= 4682410 e a unha asnm aproximada de 1370 m, no extremo oriental do conxunto da Ciudad de la Selva. Este chozo está situado dentro dun bosque de teixos coñecido como O Teixadal de Casaio, que forma parte dunha Zona de Protección dentro da contorna de Pena Trevinca, o cumio máis elevado (2127 msnm) do macizo Galaico-Leonés.

Planta e alzados de Teixadal-1

Unicamente se documentou un chozo, Teixadal-1, dentro do bosque de teixos, e nun entorno de lixeira pendente en dirección O-L cara o arroio que descorre atravesando o bosque. A escasos metros ao sueste localízase un dos teixos centenarios máis lonxevos do lugar.

Matrix Harris de Teixadal-1

O chozo, de planta subcuadrangular, ten unhas medidas de 3.7 x 3.5 m e un espazo interior útil de 5.4 m2, e componse dos muros UEs 2001 (parede norte), 2002 (parede leste), 2003 (parede sur) e 2004 (parede oeste). Para a construción deste chozo foi necesario escavar transversalmente a pendente, sen unha nivelación moi pronunciada do interior. A maiores, aproveitouse a presenza de tres teixos, relativamente xuntos, sobre os que se apoian os muros 2001, 2002 e 2004. Da mesma maneira que os chozos de Morteiras, construíuse a base de cachotes e perpiaño lixeiramente traballado de xisto e cuarcita local, dispostos irregularmente a seco. Destaca, con respecto aos outros chozos, a maior irregularidade na súa disposición. Isto podería indicar unha maior présa na súa execución. Os muros atópanse en estado avanzado de ruína, conservándose unha altura máxima de 1-1.2m nos muros 2002 e 2003. O derrubamento dos muros (UE 2006) distribúese pola pendenteoccidental até unha distancia de arredor de 10m. O lousado é de lousa de mediano e gran tamaño (60 x 40 x10 cm.), a un auga en dirección este.

Muro 2003 no que se aprecia unha soleira, posteriormente pechada

A porta da entrada, duns 45cm de anchura, localízase na parede UE 2001. Concretamente no seu estremo leste, sendo a xamba orienta un dos teixos. Non se atoparon máis vanos na estrutura sen descartar que na súa orixe existiran. Si que se documentou un pequeno oco na parede sur(2003) de 30x20cm, seguramente utilizado como soleiradunha ventá hoxe desaparecida.Este van foi posteriormente pechado con cachotería (UE 2013), mostrando unha ocupación posterior.Destácase a presenza dun pequeno banco corrido de pedra, composto por unha gran lousa de cuarcita, situado na parede norte de 1.2×0.4m. A estrutura mide no seu exterior 3.6 x 3.5 me 2.5 x 2.4 m, cunha superficie útil interior de 5.5m2.

O primeiro nivel documentado no interior da estrutura foi o derrubo masivo das paredes (UE 2005). Este foise acumulando por toda a estrutura. Xunto á porta da entrada e aproveitando a parte do derrubamento como cobertura (UE 2009), localizouse un corte (UE 2010) irregular de forma subovalada de 50x50cm e 10cm de profundidade, onde se depositou un vertedoiro moderno (UE 2007), asociado a unha ruta de sendeirismo que pasa xunto ao chozo.

Vertedoiro moderno (UE 2007) localizado na esquina NE da estrutura

Unha vez retirado o derrubo UE 2005 localizouse un estrato composto por unha terra de cor marrón escura (UE 2008), de compactación media e limoso-arxilosa moi orgánica e chea de raíces caracterizada pola presenza masiva de fragmentos de lousa de mediano e gran tamaño (60x40x10 cm) que correspondería ao derrubamentodo lousado da estancia. Asociado a este nivel, localizouse unha pequena lata de sardiñas practicamente completa. A profundidade desta UE foi de 10 – 15cm.

Derrubo interior (UE 2005)

Unha vez retirado o depósito UE 2008 localizouse un nivel de terra de cor marrón escuro (UE 2011),pouco compacto e limoso con moitas raíces, que ocupaba todo o interior do chozo. Neste nivel atopouse unha vaíña de bala de fusil, algúns cravos e unha lata. Se ben a presenza de carbóns era significativa, descartamos que puidera proceder dun incendio interior, sendo máis ben consecuencia da alteración por parte das raíces dalgún fogar producido no interior. O feito de que os materiais non apareceran queimados, como si ocorre noutros contextos, reforzaría esta idea. A profundidade do depósito foi de 5-10cm.

Planta das UEs superiores do Teixadal-1

Finalmente, unha vez retirada a UE 2011, localizouse un depósito limoso de cor marrón claro (UE 2012) que cubría todo o interior da estancia e que correspondería á superficie de nivelación e de uso da estancia. Non se localizou, polo tanto, ningún tipo de estrutura no chan coma nos outros chozos. Escavouse unicamente unha profundidade duns 5cm e, ao comprobar que non se atopaban materiais, este foi o límite desta intervención. A profundidade máxima que se alcanzou foi de 1.2m con respecto ao muro sur 2003.

Realizouse unha intensiva prospección visual co apoio do detector de metais nunha contorna duns 100 m arredor da estrutura. Os resultados, en comparación cos chozos das Morteiras, foron negativos. Unicamente se localizou un conxunto de cravose un arame, a uns 5 cara o sur e a uns 3 m cara o norte da estrutura, respectivamente. A escasa presenza de materiais asociase á intensa actividade detectorista que existiu na zona durante as últimas décadas.

UE 2008 antes de ser escavada

O Teixadal-1 é un chozo coñecido tanto pola poboación local como tamén pola presenza de rutas de sendeirismo que pasan ao seu carón. A súa escavación deu unha serie de resultados moderadamente positivos, se ben interesantes. En contraposición aos resultados dos chozos de Morteiras, o abandono da estrutura Teixadal-1 non debeu de ser violenta, senón que puido producirse de forma paulatina. Informacións orais indican que este chozo foi utilizado até os anos 50 e 60 como refuxio polos pastores da zona, sendo reutilizado ou descartado o material deixado polas ocupacións asociadas á guerrilla. Polo tanto, non se pode determinar con exactitude, nin o momento de construción nin o momento de abandono da estrutura. O que si se pode determinar é a presenza de varias fases na súa utilización, que incluiría as fases subactuais por parte de camiñantes (pouco respectuosos polo entorno natural, todo hai que dicilo). A ocupación por parte dos fuxidos e os guerrilleiros faise presente pola vaíña de fusil de finais dos anos 20, conservado grazas a que foi lixeiramente ocultado baixo o banco na esquina noroeste da estrutura. A actividade detectorista da zona fixo que os materiais localizados nesta intervención foran moi reducidos.

Planta das UEs inferiores do Teixadal-1

Chozo restaurado en Outubro de 2019

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s