O seguinte texto recóllese na memoria interpretativa da campaña na Ciudad de la Selva que podedes ver completo aquí
Unha das materialidades cuantitativamente máis relevantes da intervención foron os vidros, cun total de 192 fragmentos atopados (22,05% do total). Un pequeno grupo (CS’18-1006-41; 4 fragmentos; 2% do total) corresponde aos fragmentos dunha xanela do chozo de Morteiras-1, como xa foi descrito (ver apartado 2).
O resto, a pesar das dificultades para determinar as formas específicas, corresponderían a botellas pensadas para a contención de líquidos. A única botella que puido ser reconstruída foi o obxecto CS’18-3007-1, correspondente a unha botella de 50 cl de anís atopada no chozo Morteiras-4. Pola forma e pola distribución da decoración en relevo, se puido determinar que é unha botella de anís marca La Asturiana. Esta marca pertence á empresa Hijos de Francisco Serrano S.A., fundada en 1895 en Oviedo, Asturias, que posteriormente foi trasladada a Quintanar de la Orden, en Toledo. Alí abriron en 1916 a fábrica de Anís de la Asturiana, cuxo anís gañou moita popularidade nas décadas seguintes xunto coa marca Anís del Mono (fundada en 1870 en Badalona). Outro fragmento de vidro de anís (CS’18-OBJ-36) foi recuperado tamén cerca do chozo Morteiras-4, polo que podería corresponder á mesma botella.

Do resto dos vidros, 149 fragmentos (77%) son de cor verde e corresponderían a un NMI de 10 botellas, posibelmente de viño, se ben non se descarta outras posibilidades coma o coñac. En relación a estas botellas podería mencionarse a presenza dun tapón de cortiza atopado no chozo Teixadal-1 (CS’18-2008-1), se ben a súa posición estratigráfica podería corresponder aos momentos de reocupación do mesmo e non a súa ocupación por parte da guerrilla. O resto de vidros (16 fragmentos; 8,3%) son de cor transparente e moi difíciles de determinar. Entre eles, pola forma, os dous fragmentos CS’18-1014-325 poderían pertencer a unhas gafas, se ben esta hipótese é dubidosa.

A presenza do alcol -xa de por si común en calquera contexto contemporáneo- en contextos de conflito é algo plenamente constatado arqueoloxicamente(González-Ruibal, 2018; Larkin y Mcguire, 2009). O alcol é utilizado neste tipo de contextos non só como unha forma de ocio, se non tamén como forma de control da ansiedade en situacións de extrema tensión como son os campos de batalla ou de trincheira (González-Ruibal, 2016). A vida cotiá no monte dos grupos guerrilleiros tiña que confrontar día a día, no caso da Ciudad de la Selva durante case cinco anos, a constante tensión e perigo de morrer. A diferenza coas trincheiras é substancial: menos intensidade do perigo pero moi dilatada no tempo. Neste sentido, o alcol podería servir como atenuante e distracción.
Bibliografía
González-Ruibal, Alfredo: Volver a las trincheras. Una arqueología de la Guerra Civil española. Alianza Editorial, Madrid: 2016
González-Ruibal, Alfredo: An Archaeology of the Contemporary Era. Routlege, Oxford: 2018
Larkin, Karin, y Mcguire, Randall H.: The archaeology of Class War: the Colorado Coaldfield Strike of 1913-1914. University Press of Colorado, Boulder: 2009