Sobre a datación das ocupacións históricas do Castelo, en Valencia do Sil

Unha das cuestións máis problemáticas que tivemos que afrontar cando comezamos a traballar no espectacular sitio do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) foi centrar a datación da ocupación ou ocupacións que tivo este sitio. Datar un xacemento arqueolóxico é fundamental para insertalo nun contexto social e político específico; e datar un xacemento as veces non é tarefa sinxela… Como é o caso do Castelo.

Tradicionalmente, este sitio considerouse como un «castro romanizado», o que implicaba unha ocupación entre os séculos I e IV d.n.e. aproximadamente. De feito, as escavacións feitas polo grupo dos Escarbadores, Santiago Ferrer e José Fernández Pérez mostraban materiais (principalmente moedas e cerámicas) que eran coherentes con estas datacións. E esta foi a proposta de xente que traballou intensamente este sitio, como os anteriormente mencionados, o profesor Caamaño Gesto, José Carlos Sánchez Pardo (aínda que alongaba a ocupación ata os séculos VI e VII d.n.e. por outros materiais vencellados ao sitio, como o capitel actualmente na igrexa de San Bernabé) ou Fermín Pérez Losada.

Porén, quedaban algunhas dúbidas por resolver. Cando foi a primeira ocupación efectiva do sitio? Cando se abandona? Houbo máis dunha fase de ocupación o foi todo unha ocupación continuada no tempo?

Despois de moitos anos traballando no xacemento, puidemos facer distintas probas de datación que permiten ser máis preciso coas propostas de ocupación. Deste xeito, realizamos unha ampla batería de datacións radiocarbónicas de distintos contextos arqueolóxicos do xacemento que publicamos agora por primeira vez e que están xa a piques de ser publicadas e comentadas en extenso nunha monografía con todos os resultados do sitio.

Como se pode ver, as dez datacións radiocarbónicas feitas ata de agora mostran unha ocupación, ao menos, entre inicios do século II e inicios do século V d.n.e. Porén, hai que ter en conta que estas datacións mostran principalmente os últimos momentos de ocupación e abandono dos sitios, polo que temos que complementalo con outros datos.

Un dos máis importantes son as moedas, xa que mostran o que se chama en arqueoloxía unha datación post quem (é dicir, un momento a partir do cal esa moeda puido ser depositada. En ningún caso pode ser utilizada ou depositada antes da data na que se fixo a moeda). Grazas ao gran traballo que fixo o investigador e especialista en moedas Erik Carlsson-Brandt, puidemos estudar unha batería de 35 moedas, principalmente agrupadas en moedas dos séculos I e II, dunha banda, e moedas do século IV, doutra. Porén, a presenza dun As de Vitelio do ano 69 d.n.e. e dun Domiciano dos anos 90-91 d.n.e. amosarían unha posíbel ocupación do sitio dende o século I d.n.e. Isto sería coherente con algunhas cerámicas de tipo castrexo documentadas en contextos secundarios. Deste xeito, a nosa proposta é que o sitio do Castelo foi ocupado por primeira vez moi posibelmente nas primeiras décadas da nosa era, e concretamente, no período julio-claudio, momento de expansión deste tipo de asentamentos por todo o noroeste peninsular trala conquista do Imperio Romano.

Moeda de Arcadio da ceca de Cyzicus (383 d.n.e.)

Doutra banda, os contextos estratigráficos e as datacións amosarían un abandono a finais do século II e durante todo o século III d.n.e. Isto o sabemos principalmente porque non atopamos as producións cerámicas deste momento (sigillatas hispánicas lisas en cantidades importantes sería a sinal máis evidente desta ocupación). Ademais, nalgúns sectores do xacemento podemos ver claramente unha reocupación do sitio que corta as estruturas anteriormente construidas.

Aínda queda a dúbida de cando foi abandonado o sitio. Se ben é claro que a ocupación chegaría claramente ata finais do século IV e moi seguramente xa entraría no século V, o traballo de Erik confirmaría esta hipótese, xa que puido recoñecer unha moeda de Arcadio do 383 e unha moeda de Magno Máximo do 383-388, o que implicaría, con toda probabilidade, a ocupación do sitio ata os primeiros momentos do século V d.n.e. A documentación de producións de sigillata africana e de sigillata tardía estampilladas amosaría a posíbel ocupación ata meados do século V d.n.e., cara o 450. Neste momento, gran parte do xacemento estaría abandonado.

Sigillatas decoradas atopadas no sitio. Destacan as cerámicas estampilladas como materiais típicos do século V d.n.e.

Mais a revisión cerámica deu algunha sorpresa. A presenza dalgunhas producións moi similares as chamadas «cinzentas tardías» portuguesas dentro dos materiais escavados polos Escarbadores suxieren a presenza dunha última ocupación do sitio na segunda metade do século V. A nosa hipótese é que serían as últimas familias encargadas de desmontar as estruturas do sitio, principalmente a fragua, que sabemos está en desuso cara a finais do século IV e inicios do século V d.n.e.

Sector superior do sitio, onde se ven dúas fases de ocupación distintas.

Por que foi ocupado o sitio de Valencia do Sil durante o século I d.n.e.? Por que foi abandonado durante o século II e III d.n.e.? E por que se abandonou definitivamente no século V d.n.e.? Isto serán preguntas que responderemos no libro que esperamos publicar ao longo deste ano.

“O contexto é o contexto”, nom é?

(Artigo escrito por Mario Fernández Pereiro)

Umha das facetas máis fascinantes para o ‘grande público’ que tem a Arqueologia, entre outras cousas, é a parte do nosso trabalho que tem que ver com o aspeto material. Pouca gente, quando estas tomando algo depois do remate da jornada de trabalho, pergunta pola sequência estratigráfica ou pola quantidade de mostras de pole ou de sedimento recolhidas para a sua posterior análise. A pergunta tradicional é, mais ou menos: “Que? Muitos tesouros?” Ao que, as respostas varíam: “Se houvera nom estávamos aqui.” “Estamos gastando-o aqui no bar.” Ou “Logo repartimos.”

Moeda atopada en Valencia do Sil.

A busca dos tesouros foi, de feito, a origem da Arqueologia. Por sorte, essa limitaçom foi superada e agora interessa-nos mais o contexto que a peça em si. Bom, esta é a teoria, ainda que a todas gostamos de ‘sacar’ algumha peça única, e quem diga o contrário está faltando á verdade. Senom, só tendes que mirar as nossas redes sociais, quando publicamos fotografias dum revólver, umha moeda ou um fragmento de terra sigillata. Mais, estas peças características e singulares nom som importante só por isto, senom porque aportam as nossas investigações muitíssimos dados, simplesmente por isso, polo singulares que som.

Ponho exemplos. Nas escavações do Castelo de Valencia do Silexumamos umha boa quantidade de cerâmica, vários centos de fragmentos. Desgraçadamente, a cerâmica do período onde foi ocupado o Castelo é bastante genérica, sendo semelhante durante vários séculos, o que nom nos permite emprega-la como fóssil datante. Em cambio, um pequeno fragmento de terra sigillata atopada em conjunto com mil fragmentos de cerâmica comum permite ter umha hipótese da cronologia desse contexto. Isto é devido a que a terra sigillataé umha cerâmica de alta qualidade e moi característica, com diferentes traços decorativos e morfológicos ao longo da sua produçom, permitindo classificar cronologicamente as peças e, incluso, saber em que parte do Imperio se realizou: há sigillatas itálicas, gálicas, hispânicas, africanas, etc.

Burato de espolio en Valencia do Sil.

Outro exemplo característico, e que também atopamos no Castelo, som as moedas. A ciência do estudo das moedas é um mundo peculiar, mais que surpreende as que nom estamos familiarizadas com el. A numismática romana está moi bem estudada e caracterizada, o que permite, dependendo do estado de conservaçom da moeda, identificar o emperador, o que permite saber a cronologia, e, incluso, o lugar onde foi acunhada. Estes dous dados som moi interessantes já que, por umha banda, sabemos umhadataçompost quem do contexto no que se atopou. É dizer, se a moeda é do 325, sabemos que o lugar onde se atopa é posterior a este momento. E, pola outra banda, saber de onde venhem, indica, por exemplo, as redes de comércio do momento.

Entom, como já ocorreu, estamos escavando no Castelo de Valencia do Sil e, depois de retirar um derrubamento massivo de lousas e pedras, é dizer, o louxado e as paredes da estância; chegamos a um nível de terra onde, entre todo o conjunto de materiais que recuperamos, localizamos um par de fragmentos de terra sigillatae umha moeda romana. Depois do seu estudo sabemos que os fragmentos de terra sigillata pertencem a una terra sigillata africana, com a forma Hayes 61, datado entre o 325 e o 450 e.c.; e que a moeda é um medio centenionalacunhado baixo o reinado de Constante, Emperador do Imperio Romano de Occidente,e datada entre o 345-347 e.c. Polo tanto, podemos ter umha ideia de quando se ocupou e abandou essa estância, nom é?

Agora, usemos a imaginaçom. Na vez de escavar com metodologia arqueológica, facemos um fochanco e sacamos soamente a anterior moeda (que por certo é umha pecinha de cobre). Ou, melhor, umha moeda de ouro. Isto que fixemos, como já imaginastes, é um burato de espólio. E de que nos serviu sacar esta peça da terra e do seu contexto. No melhor dos casos, para a meter numha caixa a enferrujar com outras tantas peças. No pior, vendé-la e tentar sacar benefício econômico dum roubo. E toda a informaçom da que falamos no paragrafe anterior acaba de desaparecer.

Por isso nos queixamos quando aparecem buratos de espólio nos xacementos arqueológicos, já que cada peça desenterrada ilegalmente é um contexto arqueológico perdido. É umha perda irrecuperável para o estudo do nosso passado. Como dizia umha personagem numha pelicula: “O contexto é o contexto”, nom é?

O sector productivo de Valencia do Sil: produción e economía durante a fin do Imperio Romano

Escavar no xacemento de O Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense) foi para nós un auténtico privilexio. Non só pola espectacularidade do sitio, cousa que xa comentamos noutros posts e seguiremos comentando no futuro, mais pola amabilidade e compromiso da xente do lugar, o seu concello e aqueles que, como Pepe o das Pedras ou Santiago Ferrer, foron os salvagardas dun xacemento arqueolóxico único. Sempre dicimos que na comarca de Valdeorras hai un sentimento moi especial no que ao patrimonio e á historia se refire e que grazas a iso, e ao devandito compromiso, poderemos volver un ano máis para desvelar novos segredos deste sitio. Porén, xa son moitas as cousas que podemos dicir sobre Valencia do Sil e sobre a estrutura social e económica dos seus habitantes. Sigue leyendo «O sector productivo de Valencia do Sil: produción e economía durante a fin do Imperio Romano»

A configuración urbanística do asentamento de Valencia do Sil

O asentamento das poboacións nun sitio implica moitas mudanzas na paisaxe. As sociedades humanas requiren para a súa supervivencia intervir na natureza e extraer recursos, ferramentas coas que construír casas e obter alimentos. Porén, cada sociedade intervén na natureza de xeito distinto e isto reflíctese no tipo de asentamento e na súa configuración. Por exemplo, as sociedades de cazadores e recolledoras establecían asentamentos de pouco impacto na paisaxe, xa que tiñan que aproveitar o máximo da natureza. Pola contra, hoxe, nos tempos chamados do antropoceno, explotamos a natureza a través de grandes cidades e industrias cun grande impacto no territorio. Dalgún xeito, a configuración dos asentamentos di moito das sociedades que neles viviron. Sigue leyendo «A configuración urbanística do asentamento de Valencia do Sil»

Control e poder nos momentos finais do Imperio Romano: os asentamentos fortificados no norte peninsular

Escavacións en Valencia do Sil

Unha vez rematadas as nosas escavacións en Valencia do Sil temos que confrontar as dúas tarefas quizais menos espectaculares pero tamén importantes: a análise dos datos e a interpretación en chave social e histórica deste sitio nun contexto concreto. Isto será un traballo longo e difícil pero seguro cheo de resultados que, tan cedo sexan coñecidos, compartiremos neste blog. Porén, xa podemos facer algunhas hipóteses e valoracións iniciais, que serán contrastadas cos datos e debatidas en todos os foros necesarios. E a nosa primeira idea é que o sitio de Valencia do Sil será fundamental para entender o gran proceso de desmantelamento do Imperio Romano, un dos imperios máis poderosos da historia pre-moderna. Sigue leyendo «Control e poder nos momentos finais do Imperio Romano: os asentamentos fortificados no norte peninsular»

Valencia do Sil: un tesouro patrimonial por (re)descubrir

Dende o próximo día 26 ata o día 31 estaremos no castro de Valencia do Sil continuando o noso proxecto de análise do poboamento de época tardorromana e sueva no val do río Sil. Como aperitivo, recuperamos este texto sobre o xacemento publicado na revista Gallaecia. Próximamente, máis información sobre este impresionante sitio.

O asentamento localízase nun esporón situado na ladeira norte do Alto do Vilariño (Serra do Eixo), na ribeira sur do río Sil, xusto enriba da actual poboación que comparte o topónimo (ETRS89-29N: X= 658352; Y= 4695874; Z= 505). Sigue leyendo «Valencia do Sil: un tesouro patrimonial por (re)descubrir»

A importancia dos castros na configuración do reino suevo

Vivendas de época tardía no castro de Santomé

Os castros en Galicia son elementos históricos e identitarios fundamentais. Desde os tempos dos mouros ata a actualidade, o castro exerceu unha atracción moi forte, sexa para acoller á xente, ben para albergar mitos e historias, ben como instrumento para as políticas patrimoniais dos concellos actuais. Como forma de poboamento, o castro foi un elemento nuclear de articulación da paisaxe na Prehistoria Recente, de onde provén o termo «cultura castrexa». Porén, a súa importancia foi tamén moi grande nos momentos de xurdemento do reino suevo. Sigue leyendo «A importancia dos castros na configuración do reino suevo»