Ás veces a arqueoloxía é sorprendente. A aventua que supón ir na procura do pasado implica ser consciente de que non sabemos todo. Sempre pode aparecer algo novo que mude o noso coñecemento sobre o tempo, sobre o noso pasado. A humildade debe ser a primeira virtude de toda persoa que se dedique á historia. Por iso, cando imos polo campo, sempre hai que ter os ollos ben abertos, e buscar incluso o non esperado.
Como é común no noso proxecto sobre a arqueoloxía da guerrilla, a metodoloxía consiste en preguntar aos que saben de verdade, á xente que vive o territorio, sobre os campamentos da guerrilla. Foi así como nos decatamos da existencia dun posible chozo nunha contorna coñecida como Pala de Cabras, en Casaio. Esta é unha gran pala aberta nunha inmensa parede no escarpado val do río San Xil. Así, e conducidos polo noso guía de confianza e amigo Francisco Fernández, que fomos para a pala un febreiro de 2019. Sigue leyendo «As pinturas esquemáticas de Casaio e o Calcolítico na península ibérica»→
O obxectivo principal das escavacións en Valencia do Sil é analizar, a través deste xacemento, as profundas transformacións do sistema de poboamento entre o fin do Imperio Romano e o inicio da Alta Idade Media. Infelizmente non contamos con moitos documentos escritos para tratar este tema, pol o que a arqueoloxía se torna como a principal fonte para entender mellor como vivía a xente nesta época coñecida por «escura». Cremos que Valencia do Sil, grazas aos traballos feitos e por facer, será chave para os nosos propósitos. Sigue leyendo «O poboamento de época tardorromana na bisbarra de Valdeorras»→
É moi importante para as análises arqueolóxicas e para o estudo do noso pasado saber se un sitio está ocupado ou abandonado. Tanto a unha como a outra están relacionadas coas condicións sociais e políticas. A decisión de ocupar ou de abandonar un espazo, máis ainda se é o espazo onde vive a comunidade, non é calquera cousa e ten que ver con moitos factores que a interpretación arqueolóxica ten que confrontar. No último post comezamos a expor a nosa hipótese de que o sitio de Viladonga foi abandonado entre os séculos II e IV d.n.e. A conclusión da análise estratigráfica foi que existen polo menos dúas fases de ocupación no sitio separadas por un forte hiato. Neste post, tentaremos datar esas fases de ocupación e de abandono mediante as análises da cerámica e do vidro. Aquí só exporemos as ideas principais; a análise completa podedes lela no artigo publicado na revista SPAL. Sigue leyendo «Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte II: cerámica)»→
Unha vez rematadas as nosas escavacións en Valencia do Sil temos que confrontar as dúas tarefas quizais menos espectaculares pero tamén importantes: a análise dos datos e a interpretación en chave social e histórica deste sitio nun contexto concreto. Isto será un traballo longo e difícil pero seguro cheo de resultados que, tan cedo sexan coñecidos, compartiremos neste blog. Porén, xa podemos facer algunhas hipóteses e valoracións iniciais, que serán contrastadas cos datos e debatidas en todos os foros necesarios. E a nosa primeira idea é que o sitio de Valencia do Sil será fundamental para entender o gran proceso de desmantelamento do Imperio Romano, un dos imperios máis poderosos da historia pre-moderna. Sigue leyendo «Control e poder nos momentos finais do Imperio Romano: os asentamentos fortificados no norte peninsular»→
A arqueoloxía é feita por persoas. Isto que pode parecer algo evidente, é moi importante. A arqueoloxía, como ciencia, depende moito do bo ou mal facer das persoas que se dedican a ela. Cuestións como a calidade das intervencións, da comunicación e vinculación coa sociedade e o impacto das escavacións sobre o pasado descansan sobre o pasado descansan sobre as emocións, o entusiasmo e a sensibilidade daqueles que nos dedicamos a esta apasionante profesión. Antonio Molinero Pérez foi un gran arqueólogo porque tivo unha sensibilidade fóra do común. Desde xuño ata o vindeiro setembro, unha exposición titulada «Legado de un pionero de la Arqueología Española» no Palacio Provincial de Ávila, organizada polo colectivo Terra Levis e na que Sputnik Labrego e o Instituto de Ciencias de Patrimonio colaboran, retoman a figura deste gran pioneiro da arqueoloxía comunitaria.
Antonio Molinero nace o 10 de xuño de 1908 en Ávila. Criado nunha boa familia, cedo ten contacto co mundo da arqueoloxía da man duns dos máis importantes arqueólogos do momento, Juan Cabré. Xunto con Cabré, escavará o importante castro da Mesa de Miranda, que el mesmo descubriu anos antes. Despois da Guerra Civil, e nun momento de importante restructuración da arqueoloxía en España, Molinero é nombrado en 1941, «Comisario de Excavaciones» en Segovia e posteriormente en Ávila. Este posto desempeñaríao ata 1959. A partir de entón, dedicaríase a veterinaria, a súa profesión orixinaria ata 1977, ano da súa xubilación. Porén, xamais abandonaría a súa pasión pola arqueoloxía, e continuaría traballando polo patrimonio ata a súa morte en Sevilla en 1983.
A pegada de Molinero na arqueoloxía foi enorme. Non só descubriu e catalagou ducias de novos xacementos senón que escavou algúns dos máis relevantes de períodos como a Idade do Ferro e o período visigodo. As sías fundamentais investigacións en xacementos de Duratón ou Madrona reformularon os coñecementos sobre a chamada Idade Escura, máis iluminada grazas aos traballos de Molinero. Pero se por algo destacou o arqueólogo abulense foi pola sensibilidade cara as comunidades locais. O seu traballo como veterinario lle permitiu ter un contacto moi próximo coas comunidades locais. Froito deste contacto foron os cuestionarios que mandou desde a Comisaría Provincial a todas as aldeas de Ávila e Segovia con preguntas sobre o patrimonio local. Un auténtico pioneiro da arqueoloxía.
Influído pola sensibilidade de Molinero e grazas ao estudo do seu arquivo persoal, o proxecto Terra Levis tivo o acerto de montar esta íntima e intensa exposición. Nela pódense ver non só obxectos persoais e arqueolóxicos de Molinero, senón, tamén documentos inéditos fundamentais para a comprensión da arqueoloxía en España. Todo un referente nunha exposición imperdible.
Este xacemento (nº de ficha GA27052023) sitúase na parroquia da Santa María da Ermida, a menos de dous quilómetros ao nordeste da vila de Quiroga, nas coordenadas UTM 29N (ETRS 89) X: 643768 Y: 4704754. Fisicamente localizamos un outeiro que se eleva ao norte do río Quiroga pouco antes da súa unión co río Sil. Ao suroeste do Castro da Ermida localízase o Castro de Ameixeiras (GA27050042).
O importancia do sitio de Quiroga para o estudo do territorio do interior da Gallaecia en época postromana ten a ver, entre outras cousas, cunha moi antiga referencia documental que temos sobre este espazo. Concretamente referímonos a referencia do lugar de Carioca no coñecido como Parochiale Suevum (ed. López Sangil, 2011: 42-46, d. 6). Este documento, de finais do século VI d.C., é basicamente unha relación das dioceses e as súas correspondentes «ecclesiae», cuxa análise permite unha aproximación á estrutura eclesiástica e territorial do antigo reino suevo (Díaz Martínez, 2011; Díaz Y Díaz, 1995; Sánchez Pardo, 2014). A presenza do Crismón de Quiroga (ver máis adiante), podería suxerir, que o santuario de Santa María da Ermida fora «la heredera de aquella primitiva parroquia de época sueva» (Sánchez Pardo, 2014: 443). Sigue leyendo «Ermida (Quiroga, Lugo) e o poder eclesiástico na época dos Suevos»→
Fotografía aérea do sitio de Forgmigueiros (Manuel Franco)
O castro de Formigueiros é un dos sitios máis coñecidos da historiografía sobre os castros tardíos na antiga Gallaecia. O xacemento localízase no límite dos concellos de Sarria e O Incio, encravado nun pequeno cumio no estremo occidental da Serra do Édramo, a 795 msnm e nas coordenadas (UTM ETRS 89; Fuso 29): X= 643753; Y= 4704751. Esta serra separa ás concas fluviais do Val do Sarria e do Val do Mao e na dirección NW atópase un importante manancial de auga, «a fonte da moura», do que se abastecería o sitio. A litoloxía da zona componse principalmente de lousa da chamada Serie Vilalba, de orixe Precámbrico.
Formigueiros conta con unha abundante cantidade de fontes que fan referencia á súa contorna, como vimos anteriormente. Máis aínda, entre as fontes documéntase un pequeno conxunto de referencias específicas ao castro de Formigueiros. A primeira referencia data de 1031, no contexto dunha doazón e mencionado como «castro de Formigarios»[1]. As referencias repítense noutros documentos do século XI d.C., preitos e doazóns, xa sexa como «castrum de Formicarios»[2] ou como «castro Formicarios»[3]. En todas estas referencias o castro aparece como un delimitador xeográfico, mostrando con isto a súa importancia simbólica e física na articulación de territorio. Sigue leyendo «O castro de Formigueiros (Samos, Lugo): ¿un castro de época sueva?»→
O xacemento de Santa María de Mones forma parte da parroquia homónima do concello de Petín. Está situada na ribeira sur do río Sil, que discorre a escasos metros. O castro, e a igrexa que se atopa na súa croa, está situado noutro esporón da mesma formación xeolóxica que Valencia do Sil, que se sitúa a 3,2 km. en dirección NL.
Localización do sitio de Santa María de Mones
O sitio está moi alterado pola instalación de viñedos tanto en la parte central da croa -aquela superficie que non está ocupada pola igrexa- e dos seus arredores. A comparación coa fotografía aérea do voo americano mostra que este proceso tivo moita incidencia na segunda metade do século XX. Fronte ao caso de Valencia do Sil, por exemplo, o terreo preséntase moito máis chairo, o que podería indicar unha menor incidencia sobre as estruturas máis antigas. Isto provocou, con todo, a desaparición a nivel superficial das arquitecturas relacionadas co castro, como é a potencial muralla orixinal ou estruturas domésticas. Sigue leyendo «Santa María de Mones: a longa duración na ocupación dos castros»→
O xacemento de Penadominga sitúase na parroquia de Bendollo no concello de Quiroga nun pequeno penedo rodeado polo Regueiro das Casas e preto do arroio de Peizais, a 0,6 km. no sueste de Bendollo. Este penedo forma parte das últimas abas da Serra dos Cabalos, ao sur da Serra do Courel. O camiño que rodea Penadominga é un camiño tradicional de paso entre o Sil e a comarca de Valdeorras e unha zona de tránsito dos comerciantes de viño desde Valdeorras a Lugo [1] e tamén da gandería da zona. Pola parte sur do xacemento transcorre un antigo camiño que une estas dúas zonas que se aprecia moi ben no voo americano de 1956. Tradicionalmente, o xacemento foi interpretado como un establecemento mineiro para a explotación do ouro da zona e datado entre os séculos V e VII d.C.
Fotografía do voo americano do sitio de Penadominga
O xacemento é coñecido de antigo, aínda que a información dispoñible é moi escasa e fragmentaria. A primeira «noticia» que encontramos do xacemento é a entrega de diversos materiais do xacemento por parte de José Pérez, veciño de Bendollo, ao Museo de Lugo en 1950 e que incluían un importante conxunto de moedas e os coñecidos obxectos de bronce. Máis recentemente, durante unhas prospeccións para a comprobación do estado do sitio descubriuse un espoliador co detector de metales no entorno do xacemento, máis sen causar danos aparentes o sitio.
A pesar de que o sitio apenas está alterado debido o seu difícil acceso, as estruturas orixinais do castro conservadas na actualidade son moi escasas. A estrutura máis visible é un pequeno foso, moi arrasado, que circunda o xacemento polos seus lados E, S e SW. Aínda que a súa localización, nun esporón a media ladeira, permite aproveitar os accidentes naturais como defensa, nalgunhas partes do zona SW do sitio atopáronse restos de muros feitos de mampostos de pedra local que poderían corresponder a pequenos lenzos de muralla. Non se puido localizar con precisión o sitio onde se atoparon os materiais metálicos depositados no museo, máis a hipótese máis factible é que estes foron achados próximos a entrada do recinto defensivo, na zona Este do xacemento.
Muro atopado no extremo oeste do sitio
As moedas foron analizadas por primeira vez nunha publicación sobre a circulación monetaria do século cuarto na Gallaecia, onde se menciona o achado dun conxunto de moedas no xacemento (Busto, 1973-1974). O conxunto será revisado en 1993 por J.J. Cepeda noutro artigo, onde se di que «únicamente nos ha sido posible saber que fueron localizadas por un vecino del lugar en fecha indeterminada» (Cepeda, 1993: 91). O conxunto está composto por 90 moedas, das cales 88 pertencen ao século IV d.C. e dous exemplares do século II d.C., se ben que é dubidosa a súa localización no entorno concreto do castro, segundo J.J. Cepeda. O autor fecha a circulación destas moedas na segunda metade do século IV d.C. (Cepeda, 1993: 101).
Outros materiais de especial relevancia procedentes do xacemento son os coñecidos broches de cinto. Os dous broches pertencen á tipoloxía de broches militares o cingula militae que F. Pérez e A. Viñe inclúen no «tipo Simancas», caracterizado por unha placa rectangular estreita e alargada, decoración calada e variabilidade na forma da fibela (Pérez Rodríguez, 1992). Os exemplares do Penadominga mostran fibelas distintas: unha en forma ovalada e a outra con forma trapezoidal. A dispersión destes broches pola península ibérica é grande, localizándose en xacementos como Fuentespreadas (Zamora), a Morterona (Palencia) ou Simancas (Valladolid). Este tipo de broches, ademais, relaciónanse normalmente coas chamadas «necrópoles pos-imperiais» e cun ethos de tipo militar (Pérez Rodríguez, 1992; Vigil-Escalera, 2015), o que podería indicar a presenza dunha destas necrópoles no contexto de Penadominga. Deste xeito, os broches de Penadominga poderían datarse entre o finais do século IV d.C. e, máis posibelmente, no século V d.C. O conxunto metálico procedente do castro complétase cun posíbel brocado de cabalo, co paralelos na necrópoles de Fuentespreadas ou na villa tardorromana de La Olmeda, no mesmo momento cronolóxico (Abásolo Álvarez et al., 1997; Caballero Zoreda, 1974).
Broche de cinto atopado en Penadominga
Nesta campaña tivemos a ocasión de revisar o pequeno conxunto de cerámicas depositadas no Museo de Lugo. No conxunto destacan as producións de sigillata tardía, todas coa forma de cunca 37t, co decoración mediante círculos concéntricos, ángulos e medias lúas propias do chamado «segundo estilo» de Mayet ou pertencentes ao grupo 2A/B de Vigil Escalera (Vigil-Escalera, 2015: 290-291 y 294-297). Estas formas dátanse a partir do último cuarto do século IV e ata a metade do século V d.C. A forma PEN-7, polo seu engobe, podería pertencer a unha forma de Cerámica de Imitación de Sigillata descritas por L.C. Juan Tovar (Juan Tovar, 2012), se ben esta adscrición é dubidosa. Máis probábel é que esta peza se corresponda coas formas engobadas PEN-8 e PEN-9, xa que as tres son formas cerradas e ten decoración mediante liñas brunidas verticais e cruzadas. Estas cerámicas poderían corresponder a producións baixoimperiais da cidade de Lugo, similares as formas EJ1 e EJ2 de E.J. Alcorta e R. Bartolomé Abraira, como mostran os seus traballos sobre a cerámica do encrave lucense (Alcorta Irastorza, 2001; Alcorta Irastorza y Bartolomé Abraira, 2012). Polo tanto, o (pequeno) conxunto de cerámicas de Penadominga mostraría unha ocupación do finais do século cuarto e a primeira metade do século V d.C., coherentes co análise das moedas e dos broches xa coñecidos do sitio.
Debuxo de materiais do sitio de Penadominga
A cultura material do sitio complétase con o achado dunha laxa de xisto (de 47×32,5×6 cm. de dimensións) gravada co liñas cruzadas que foi interpretada como un taboleiro de xogo de «alquerque de nove». Os taboleiros de xogo son relativamente comúns en todo o occidente europeo dende o período romano en adiante[2] (Costas Goberna y Hidalgo Cuñarro, 1997), localizándose outros exemplos no área da actual Galiza. Con todo, é máis raro documentar estes taboleiros no laxas de xisto, sendo comunmente atopados formando parte dos edificios, na cantaría, nas pedras da construción ou nas formacións rochosas do entorno. É posíbel que o taboleiro de Penadominga pertencera orixinalmente a un edificio do entorno, sen descartar que fora un taboleiro móbil.
Brocado de cabalo do sitio de Penadominga
Penadominga é un dos sitios máis representativos do época tardorromana e sueva no interior da Gallaecia e no entorno do Sil e forma parte da maioría das narrativas académicas sobre este período (Sánchez Pardo, 2012). Con todo, a información relacionada co sitio é moi escasa e moi fragmentada. A exploración in situ do sitio non revelou novos dados sobre o entorno, pouco alterado debido o seu illamento máis escaso de estruturas arqueolóxicas visíbeis na actualidade. Polo contrario, a revisión dos materiais cerámicos do xacemento permitiron centrar a cronoloxía de ocupación do sitio nos momentos finais do século IV e durante o século V d.C., non existindo dados que permitan afirmar unha ocupación anterior ou posterior a este momento.
A localización de Penadominga, metida nunha quebrada e cun control sobre o paso do Sil levou a algúns autores a propoñer unha relación deste sitio coa explotación de ouro na época tardorromana. Porén, o estudo espacial do sitio permite suxerir a hipótese de que este sitio podería tamén servir como zona de control dos camiños adxacentes relacionados cos movementos de poboación y/o gandeiros. Futuras investigacións sobre o xacemento, que poderían incluír sondaxes arqueolóxicos na zona este do sitio, permitirán profundar a historia do sitio.
ABÁSOLO ÁLVAREZ, José Antonio; CORTES, Javier, y RODRÍGUEZ ARAGÓN, F. Pérez: La necrópolis Norte de la Olmeda. Diputación Provincial de Palencia, Palencia: 1997
ALCORTA IRASTORZA, Enrique J.: Lucus Augusti (vol. II): cerámica común de cocina y mesa hallada en las excavaciones de la ciudad. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña: 2001
ALCORTA IRASTORZA, Enrique J., y BARTOLOMÉ ABRAIRA, Roberto: «Muestras de cerámica engobada romana de producción local de Lucus Augusti (Lugo)». En: BERNAL CASASOLA, Darío y RIBERA I LACOMBA, Albert (eds.), Cerámicas hispanorromanas II. Producciones regionales. Universidad de Cádiz, Cádiz: 2012, 699-724
BUSTO, Fariña: «Algunos aspectos de la circulación monetaria en Gallecia durante el siglo IV de d.C.». Numisma, 120-131, 1973-1974, 105-128.
CABALLERO ZOREDA, Luis: La necrópolis tardorromana de Fuentespreadas (Zamora): un asentamiento en el valle del Duero (Vol. 80). Ministerio de Educación y Ciencia, Madrid: 1974
CEPEDA, Juan José: «Monedas procedentes del castro de Penadominga (Bendollo, Quiroga. Lugo)». Numisma, 232, 1993, 91-107.
COSTAS GOBERNA, Fernando Javier, y HIDALGO CUÑARRO, José Manuel: Los juegos de tablero en Galicia. Aproximación a los juegos sobre tableros en piedra desde la Antigüedad clásica al Medievo. Celticar, Vigo: 1997
JUAN TOVAR, Luis Carlos: «Las cerámicas imitación de sigillata (CIS) en la Meseta Norte durante el siglo V. Nuevos testimonios y precisiones cronológicas». En: FERNÁNDEZ IBÁÑEZ, Carmelo y BOHIGAS ROLDÁN, Ramón (eds.), In durii regione romanitas. Homenaje a Javier Cortes, Santander/Palencia: 2012, 365-372
PÉREZ RODRÍGUEZ, Fernando: «Los cingula militae tardorromanos de la Península Ibérica». Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología, LVIII, 1992, 239-262.
SÁNCHEZ PARDO, José Carlos: «Castros, castillos y otras fortificaciones en el paisaje sociopolítico de Galicia (siglos IV-XI)». En: QUIRÓS CASTILLO, J y TEJADO SEBASTIÁN, José María (eds.), Los castillos altomedievales en el noroeste de la Península Ibérica. Universidad del País Vasco, Bilbao: 2012, 29-56
VIGIL-ESCALERA, Alfonso: Los primeros paisajes altomedievales en el interior de Hispania. Registros campesinos del siglo quinto d.C. Universidad del País Vasco, Bilbao: 2015
En novembro do ano 1957 a cadela Laika foi lanzada ao espazo un mes despois do satélite Sputnik 1, iniciando unha carreira que duraría máis de 30 anos entre os dous estados máis poderosos do mundo. Uns meses despois de que Laika tivera a honra de ser o primeiro ser vivo en orbitar arredor do noso planeta, os habitantes dunha aldea próxima a Salcedo (Lugo) realizaron a súa propia homenaxe á cadela espacial (leer más).