O poboamento de época tardorromana na bisbarra de Valdeorras

O obxectivo principal das escavacións en Valencia do Sil é analizar, a través deste xacemento, as profundas transformacións do sistema de poboamento entre o fin do Imperio Romano e o inicio da Alta Idade Media. Infelizmente non contamos con moitos documentos escritos para tratar este tema, pol o que a arqueoloxía se torna como a principal fonte para entender mellor como vivía a xente nesta época coñecida por «escura». Cremos que Valencia do Sil, grazas aos traballos feitos e por facer, será chave para os nosos propósitos.

Porén, é imprescinsible que, para analizar o sistema de poboamento, insiramos este xacemento no seu contexto histórico e arqueolóxico. A bisbarra de Valdeorras conta cunha avultada información arqueolóxica, malia que esta ésta moi dispersa e fragmentada.

Segundo a información de Plinio, a zona da actual Valdeorras estaría ocupada por comunidades que o escritor romano denominou como gigurros ou gigurri. Pouco sabemos sobre esta xente, pero o que si sabemos é que tras a conquista e implantación do estado romano, estes respectaron o etnónimo para nomear o principal establecemento da zona, o forum Gigorrorum. Este enclave é coñecido grazas a uns poucos textos como os de Ptolomeo, o Itinerario Antonino ou o coñecido como Anónimo de Rávena.

A arqueoloxía aínda non atopou con seguridade onde estaría este forum Gigorrorum, malia que si atopou moitas evidencias dispersas da importancia desta bisbarra na época romana: elementos de ornamentación, estelas funerarias, obxectos de prestixio…. Axiña tras a conquista romana, a zona transformouse nun importante territorio, fundamentalmente pola presenza de dúas potentes vías de comunicación: unha natural, o río Sil, e outra artificial, a impoñente vía Nova o vía XVIII, que conectaba as cidades de Bracara Augusta, a actual Braga, e Asturica Augusta, a actual Astorga. Ambas as dúas eran o principal eixo comunicador entre a meseta norte e os territorios do noroeste peninsular. Persoas, obxectos e mercadurías atravesaron o territorio de Valdeorras durante todo o período romano.

Este fluxo e este comercio xeraron un territorio moi rico, ao que se suma a explotación das minas de ouro próximas das Médulas. Todo isto creou unha importante elite en Valdeorras. Evidencia destas elites son, por exemplo, as vilas da zona. Quizais a máis coñecida sexa a vila da Cigarrosa, atopada en 1896 e da que se escavaron varios mosaicos, parte dos cales están hoxe en paradoiro descoñecido. Porén, recentemente se deron a coñecer os resultados dunha prospección xeomagnética na contorna de Proendos, que mostraban a presenza dun conxunto moi significativo de edificios, algún dos cales foi interpretado como unha vila romana.

Xunto con estes edificios das elites, sabemos polas fontes da existencia dun xoncunto de establecementos secundarios ou vici que complementarían o sistema de poboamento rural de época romana. No territorio de Valdeorras coñecemos a existencia de varios, pero só un foi escavado. En 1991, durante unhas obras para a instalación dunha canalización na zona de A Proba (O Barco), e grazas a denuncia de José Fernández, púidose facer unha intervención arqueolóxica dirixida por Purificación Soto. A intervención tivo como resultado a exhumación dun pequeno conxunto de vivendas asociadas a un impresionante sistema de canalización de augas. Outros establecementos secundarios de época romana pódense atopar na Rúa, en San Miguel de Outerio ou en Córgomo.

Planimetría do asentamento da Proba (Purificación Soto Arias)

É neste contexto de poboamento no que habería que inserir a primeira ocupación de sitios como Santa María de Mones, Penadominga ou Valencia do Sil. Os acontecementos da segunda métade do século IV, como a inseguridade política e as transformacións económicas, provocarían que as poderosas elites de Valdeorras fosen á procura de seguridade tras as fortificacións destes sitios en altura relativa. Do mesmo xeito que na época anterior, o control das comunicacións por terra e por auga parecen estar na base da explicación para este tipo de poboamento. Como diría o Gatopardo: mudalo todo para que nada mude.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s