O xacemento de Santa María de Mones forma parte da parroquia homónima do concello de Petín. Está situada na ribeira sur do río Sil, que discorre a escasos metros. O castro, e a igrexa que se atopa na súa croa, está situado noutro esporón da mesma formación xeolóxica que Valencia do Sil, que se sitúa a 3,2 km. en dirección NL.

O sitio está moi alterado pola instalación de viñedos tanto en la parte central da croa -aquela superficie que non está ocupada pola igrexa- e dos seus arredores. A comparación coa fotografía aérea do voo americano mostra que este proceso tivo moita incidencia na segunda metade do século XX. Fronte ao caso de Valencia do Sil, por exemplo, o terreo preséntase moito máis chairo, o que podería indicar unha menor incidencia sobre as estruturas máis antigas. Isto provocou, con todo, a desaparición a nivel superficial das arquitecturas relacionadas co castro, como é a potencial muralla orixinal ou estruturas domésticas.

Hai moi pouca información documental sobre o sitio. En concreto, puidéronse atopar algunhas referencias a «Mones», a primeira delas datada no ano 1187 (ed. Recuero Astray et al., 2000: 310-311, d. 236). Na colección Montederramo, no ano 1285, localizouse unha mención a unha doazón de Maior Sánchez ao abade de Motederramo e ao seu mosteiro das súas posesións no entorno de Petín, facendo mención a presenza da igrexa[1]. A última aparición atopada data do ano 1783, dentro dun preito de Juan Clemente Feijóo «residente en la feligresía de Santa María de Mones»[2]. Cabe destacar tamén a descrición realizada por Madoz no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España (1845-1850), na entrada de Mones, que reproducimos a continuación:
Mones (Santa María). Feligresía en la provincia de Orense (11 leguas), partido judicial de Valdeorras (2 1/2), dióc de Astorga (18), ayuntamiento de Petín (1/4). Situación en una colina inmediata al r. Sil, donde la combaten principalmente los aires del S. y 0.: las enfermedades más comunes son tercianas y dolores de costado. Tiene 90 Casas repartidas en el 1. de su nombre y en los de Carvallal, Castrofoga, San Payo y Porto, y 1 escuela de primeras letras, frecuentada por indeterminado número de niños de ambos sexos. La iglesia parroquial (Santa Maria), de la cual es aneja la de Santiago de Petin, se halla servida por 1 cura de término y patronato laical; hay también 2 ermitas dedicadas a Santa Polonia y Santa Eufemia en los I. de Carvallal y San Payo; en una colina cerca de la iglesia existe el cementerio. Confina el Term. N. r. Sil; E. y S. San Miguel de Mones, y O. Petin. En la colina, sobre la cual existe la iglesia, hay vestigios y ruinas de un grande y ant. edificio que se presumía fue convento de templarios, por lo que indicaba la construcción de la iglesia; pero habiéndose practicado recientemente escavaciones, se han encontrado sepulcros, y entre los escombros monedas de cobre de los emperadores Claudio y Galieno. No cruza por esta feligresía otro r. que el mencionado Sil, el cual la separa por el N. de la parr. de San Esteban de la Rúa; y un pequeño arroyo que la divide de la de Correjanes y nace en las alturas inmediatas. El Terreno, en general, es de mala calidad, á escepcion de algunos pequeños llanos, comprendiendo también algunos sotos de castaños y pocos prados naturales de superior calidad, que hace más de un siglo han sido beneficiadas en virtud de real cédula y con grandes prerogativas a favor de unos empresarios franceses que dieron por fin en quiebra: en los años pasados se han denunciado algunas, y especialmente la titulada la Peregrina, en la que se reconocía el mineral en varias formas, pero particularmente el cobre nativo se presentaba en grupos de libras en la misma superficie, y tan puro el metal, que a la primera fundición ya podía tirarse al martillo; sin embargo, por el poco genio minero en el país y falta de capitales ha sido otra vez abandonada. Los Caminos son locales y malos. El Correo se recibe de la cartería de la Rúa. Proo.: vino de mediana calidad, algún centeno y maíz, patatas, castañas y yerbas de pasto, siendo la principal cosecha la de vino: se cría poco ganado lanar, alguna caza de perdices, y pesca de anguilas, truchas y otros peces, IND.: la agricultura y molinos harineros que solamente muelen en el invierno, Pobl.: 86 vea, 420 alm, Contr.: con su ayuntamiento (o subrayado é nostro).

Durante a nosa prospección unicamente foron documentados algúns restos de muros de pedra local na parte oeste da croa, mais que parecen estar relacionados cos socalcos para a instalación das viñas. A análise do terreo e das fotografías aéreas mostra a presenza dunha croa de 2,8 has. e unha potencial antecroa na zona NL de 1,1 has., facendo un total de 3,7 has. de extensión para o xacemento.
O elemento máis significativo do sitio é, sen dúbida, a igrexa de Santa María de Mones. O acceso á parte superior do outeiro nos dirixe directamente a esta. A igrexa componse de tres corpos: a nave principal co accesos polo SW e S, unha galería porticada ao sur, e un anexo ao norte, posíbelmente unha sancristía[1]. A xulgar pola documentación escrita, a igrexa ten unha orixe románica, máis non parece conservar paramentos dese momento na actualidade. A portada principal ten unha fábrica claramente barroca, seguramente do século XVII ou XVIII. Á portada encóstase o resto da igrexa nunha outra fase construtiva, claramente diferenciábel polos materiais utilizados. É moi posíbel que parte da actual construción da igrexa reempregue materiais antigos.

Por exemplo na súa parede sur, nun perpiaño granítico localízanse uns gravados, que son identificados como pertencentes a un xogo tipo alquerque ou “tres en raia”. A existencia deste gravado nos fai pensar que este perpiaño foi reempregado dende a súa posición orixinal até a actual (Costas Goberna y Hidalgo Cuñarro, 1997). Cabe destacar tamén a presenza no edificio dun fragmento de cancel de mármore na pared sur da igrexa e unha pilastra con decoración «visigotica» reempregada como lumieira nunha bodega de Petín; dous capiteis insertos en diversas edificacións da aldea; e, finalmente, un , reempregado na actual igrexa do castro (Rodríguez Colmenero, 1977: 79). Todos estes elementos mostrarían a presenza dun edificio de culto de época sueva ou visigótica nas proximidades do castro de Santa María, máis non necesariamente na croa do sitio.


A prospección intensiva deu como resultado a localización dun pequeno conxunto de materiais que se deixaron no sitio trala súa documentación. Ademais de varios fragmentos de tégula romana, atopáronse varios fragmentos de cerámica oxidante ou de cocción mixta a torno moi xenéricos. A peza máis significativa localizada foron tres fragmentos de Terra Sigillata lista da forma Hisp. 27. Esta é unha das formas abertas máis correntes de sigillata hispánica que xorde como imitación da forma de sigillata sudgálica, e caracterizada pola presenza de unha entrada no pescozo en forma de cazoleta, seguramente para a recepción dunha tapadeira. A cronoloxía desta forma é moi larga, cubrindo un período entre finais do século II d.C. e finais do século IV d.C. (Bustamante Álvarez, 2013-2014).

A peza máis significativa sería un borde de Terra Sigillata Hispánica Tardía de forma Ritt. 8, que mostraría unha potencial ocupación do sitio diante os séculos IV e ata a primeira metade do século V d.C. É relevante destacar a ausencia de materiais de cronoloxía prehistórica tanto no material atopado en prospección como no material recollido no museo, o que descartaría, polo momento, a presenza dunha fase neste momento e unha primeira ocupación no sitio na época romana.
Destes fondos tamén revisamos un número moi significativo de moedas asociadas ao sitio, cerca de 200. Porén, recoñecemos entre elas un amplo conxunto de moedas de época romana que incluían emisións de Gordiano III (238-244), Decio (249-251) e unha posíbel moeda de Magnencio (350-353) ás que habería que engadir as mencionadas por Madoz de Galieno (253-268) e Claudio (entendemos que Claudio II polo contexto das outras moedas; 268-270). Tamén foron recoñecidas algunhas moedas de época medieval de cronoloxía dubidosa, moedas reseladas do século XVI, emisións de Alfonso XII (1877), Isabel II (1868) e, como curiosidade, unha moeda do rei italiano Vittorio Emanuele II (1861-1878). A procedencia do conxunto é moi incerta e procedente, sen dúbida, de reiterados espolios de detectoristas no entorno do sitio. Isto implica que non se poida afirmar con seguridade que as moedas sexan do contexto do castro, se ben tampouco se pode descartar.

O castro de Santa María de Mones móstrase como un sitio moi interesante e con evidencias dunha longa secuencia cronolóxica. A primeira ocupación, a tenor dos materiais analizados, parece producirse en época romana, moi probábelmente diante o século IV d.C. sen poder descartar a probábel dunha ocupación xa dende o século III d.C. É tamén moi probable que esta primeira ocupación continuase até o século V o VI d.C., aínda que as evidencias son moi escasas polo momento. A ocupación medieval é moi clara a partir do século XII, cando temos a primeira mención documental do sitio, e, grazas á significativa colección de moedas, sen momentos de abandono da ocupación do sitio ata a actualidade.

Lamentabelmente, as ocupacións máis recentes, materializadas na instalación dos viñedos na croa do sitio e a presenza do cemiterio da parroquia, produciron unha moi imporante alteración do castro. Unicamente os paramentos localizados na zona oeste poderían pertencer aos momentos máis antigos do castro, máis a alteración do terreo fai moi difícil confirmar esta hipótese. Alteracións que tamén facen difícil, máis non imposíbel, a conservación de outras estruturas arqueolóxicas das fases máis antigas.
Referencias
BUSTAMANTE ÁLVAREZ, Macarena: «La Terra Sigillata Gálica e Hispánica. Evidencias de algo más que una relación comercial». Romula, 12-13, 2013-2014, 561-581.
COSTAS GOBERNA, Fernando Javier, y HIDALGO CUÑARRO, José Manuel: Los juegos de tablero en Galicia. Aproximación a los juegos sobre tableros en piedra desde la Antigüedad clásica al Medievo. Celticar, Vigo: 1997
RECUERO ASTRAY, Manuel; ROMERO PORTILLA, Paz, y RODRÍGUEZ PRIETO, Mª Ángeles: Documentos medievales del reino de Galicia: Fernando II (1155-1188). Xunta de Galicia, A Coruña: 2000
RODRÍGUEZ COLMENERO, Antonio: Galicia meridional, Bilbao: 1977
Notas
[1] Non tivemos a oportunidade de visitar a igrexa polo interior para confirmar esta posibilidade.
[1] eu, Mayor, Ssánchez, con meus / ffillos Vasco Pérez et Constança Pérez, vendemos et outorgamos / a uós, don frrey Gil, abbade de Monte de Rramo, et ao conuento dese / mijsmo lugar, para senpre, todo quanto herdamento nós auemos en / Pitín, que jaz su sino de Santa María de Mones (ed. Lorenzo, 2016, vol. I: 618-619, d. 454)
[2] Archivo de la Real Chancillería de Valladolid, Sala de hijosdalgo, Caja 1165, 53.