
O castro de Formigueiros é un dos sitios máis coñecidos da historiografía sobre os castros tardíos na antiga Gallaecia. O xacemento localízase no límite dos concellos de Sarria e O Incio, encravado nun pequeno cumio no estremo occidental da Serra do Édramo, a 795 msnm e nas coordenadas (UTM ETRS 89; Fuso 29): X= 643753; Y= 4704751. Esta serra separa ás concas fluviais do Val do Sarria e do Val do Mao e na dirección NW atópase un importante manancial de auga, «a fonte da moura», do que se abastecería o sitio. A litoloxía da zona componse principalmente de lousa da chamada Serie Vilalba, de orixe Precámbrico.
Formigueiros conta con unha abundante cantidade de fontes que fan referencia á súa contorna, como vimos anteriormente. Máis aínda, entre as fontes documéntase un pequeno conxunto de referencias específicas ao castro de Formigueiros. A primeira referencia data de 1031, no contexto dunha doazón e mencionado como «castro de Formigarios»[1]. As referencias repítense noutros documentos do século XI d.C., preitos e doazóns, xa sexa como «castrum de Formicarios»[2] ou como «castro Formicarios»[3]. En todas estas referencias o castro aparece como un delimitador xeográfico, mostrando con isto a súa importancia simbólica e física na articulación de territorio. Sigue leyendo «O castro de Formigueiros (Samos, Lugo): ¿un castro de época sueva?»