Control e poder nos momentos finais do Imperio Romano: os asentamentos fortificados no norte peninsular

Escavacións en Valencia do Sil

Unha vez rematadas as nosas escavacións en Valencia do Sil temos que confrontar as dúas tarefas quizais menos espectaculares pero tamén importantes: a análise dos datos e a interpretación en chave social e histórica deste sitio nun contexto concreto. Isto será un traballo longo e difícil pero seguro cheo de resultados que, tan cedo sexan coñecidos, compartiremos neste blog. Porén, xa podemos facer algunhas hipóteses e valoracións iniciais, que serán contrastadas cos datos e debatidas en todos os foros necesarios. E a nosa primeira idea é que o sitio de Valencia do Sil será fundamental para entender o gran proceso de desmantelamento do Imperio Romano, un dos imperios máis poderosos da historia pre-moderna.aCastelo de Tedeja

Un dos fenómenos máis interesantes que teñen lugar entre a segunda metade do século IV d.n.e. e durante todo o século V d.n.e. en todo o norte peninsular é, precisamente, a ocupación de sitios como Valencia do Sil. Aínda que poida parecer unha cuestión puntual e local, a ocupación da contornas fortificadas (e algúns, como Castro Ventosa, en León, ou Tedeja, en Burgos, moi ben fortificados) nestes momentos é un fenómeno moi xeneralizado. Como mostra o plano seguinte, ocupacións fortificadas en altura datadas entre finais do século IV e o século V d.n.e. atópanse por todo o territorio do norte peninsular. Un exemplo moi ben coñecido e recentemente escavado sería o de El Castillón, na provincia de Zamora. Autores como Gian Pietro Brogiolo ou Juan Antonio Quirós Castillo, vendo que o fenómeno tamén se documenta en Europa Occidental, chámano a expansión dos ‘castelos de primeira xeración’.

Fortificacións dos séculos IV e V no norte peninsular

Este fenómeno caracterízase non só pola súa cronoloxía senón tamén por unhas características determinadas. Trátanse de ocupacións en altura relativa con respecto á contorna, moi ben amuralladas e que parecen recoller a amplas cantidades de persoas. No devandito caso de El Castillón é posible que 25 unidades domésticas, unhas 150-200 persoas, viviran no interior do recinto. En caso de xacementos como Dehesa de la Oliva, en Madrid, de máis de 30 has. de estensión, é moi posible que o número fose maior. Lonxe de ser sitios casuais, todos estes de primeira xeración mostran trazas de urbanismo só coñecidas nas cidades romanas. As unidades domésticas divídense en barrios moi ben planificados, como ocorre en Valencia do Sil, Santomé ou en El Castillón.

E como podemos interpretar estes sitios? Unha interpretación moi estendida é que estes castelos son construídos para a defensa dos ataques dos godos dos séculos IV d.n.e. E non é mala idea. Hai que pensar que mobilizar a tanta xente ao interior dun recinto amurallado non é tarefa sinxela e que só por unha razón de peso a xente move a súa casa e familia. Porén, cremos que esta é só unha parte da explicación. A nosa hipótese é que a ocupación de sitios como Valencia do Sil ten máis que ver co control de recursos e da poboación nun momento no que o Estado romano non é capaz de articular ben os seus medios de control, como o exército e o fisco. Dito doutro xeito, os asentamentos fortificados de época tardorromana son medios utilizados polas elites territoriais para o control da economía e o poboamento da zona. O interesante desta hipótese é, entre outras, reflectir sobre como e por qué as poboacións locais aceptarían abandonar as súas casas para ocupar estes sitios.

Análise de visibilidade na fortificación de Castro Ventosa

Esta é só unha hipótese de traballo pero moi estimulante para seguir traballando na zona de Valdeorras e no castelo de Valencia do Sil, dadas as súas potencialidades para achegar datos sobre un período tan complexo como estimulante.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s