É moi importante para as análises arqueolóxicas e para o estudo do noso pasado saber se un sitio está ocupado ou abandonado. Tanto a unha como a outra están relacionadas coas condicións sociais e políticas. A decisión de ocupar ou de abandonar un espazo, máis ainda se é o espazo onde vive a comunidade, non é calquera cousa e ten que ver con moitos factores que a interpretación arqueolóxica ten que confrontar. No último post comezamos a expor a nosa hipótese de que o sitio de Viladonga foi abandonado entre os séculos II e IV d.n.e. A conclusión da análise estratigráfica foi que existen polo menos dúas fases de ocupación no sitio separadas por un forte hiato. Neste post, tentaremos datar esas fases de ocupación e de abandono mediante as análises da cerámica e do vidro. Aquí só exporemos as ideas principais; a análise completa podedes lela no artigo publicado na revista SPAL.
A premisa é sinxela: se hai ocupación entre os séculos II e IV d.n.e. ten que haber material cerámico dese momento. E non só unha ou dúas pezas que poderían ser deses séculos, senón contextos cerámicos completos. Hai que ter en conta outra cousa, que ten que ver coa natureza da materialidade; isto é, que os momentos de produción, uso e deposición non son necesariamente os mesmos. Un exemplo contemporáneo: o Compact Disc inventouse en 1984 e continúa en uso ata hoxe. Porén, o Compact Disc do álbum «Libremente» do grupo Labregos no tempo dos Sputniks comezou a venderse en 2016. Se eu atopo nunha casa o CD deste grupo, sei que alguén tivo que haber a partir de 2016, pero non necesariamente ten que haber xente antes, malia a presenza dun CD.
Os razoamentos son moi similares para a cerámica en particular e para a materialidade en xeral. Se eu atopo unha produción cerámica que se fabricou entre os séculos I e V d.n.e. -como ocorre con moita da chamada «cerámica común romana»- iso non implica a presenza de xente en todo o intervalo. Para resolver isto é moi importante analizar os contextos cerámicos, é dicir, toda a cerámica atopada nun mesmo sitio. Se o CD de Labregos vén xunto ao CD de Bertín Osborne «Motivation» publicado en 1989, entón si que podo interpretar: a) que o sitio tivo unha ocupación entre 1989 e 2016; e b) o dubidoso gusto musical dos ocupantes do sitio.
A revisión cerámica de Viladonga mostrou a presenza de dous tipos de contextos cerámicos. Por unha banda, contextos caracterizados pola masiva presenza de cerámica do tipo coñecido como «castrexo», realizada a mán e de cores moi escuras -produto da cocción con pouca entrada de osíxeno. Cerámica que viña acompañada das primeiras producións engobadas da cidade de Lugo, cerámica común romana moi temperá e moi pouca produción de sigillata, a maioría itálica e datada no século I d.n.e. Por outra banda, contextos cerámicos caracterizados pola presenza de terra sigillata hispánica tardía, cerámicas de imitación de sigillata e producións grises moi características do século V d.n.e.
É onde están as producións típicas dos séculos II e IV d.n.e.? Simplemente, non están. É verdade que algunhas producións de cerámica común romana poderían ser deste momento, pero é o mesmo que cos CDs. Está cerámica común prodúcese durante moito tempo e a súa presenza non implica ocupación durante todo ese tempo. Non é, entón, un bo marcador cronolóxico. Porén, as producións dos séculos II e IV d.n.e. que si son deste momento non están. Non temos, por exemplo, cantidades significativas (e con «significativas» falamos de centos de pezas) de terra sigillata hispánica «lisa» (sen decoración) ou as primeiras producións de terra sigillata hispánica tardía caracterizadas pola ausenza de decoración ou polo que se coñece como «Primer estilo Mayet». Nós non vimos nada diso na nosa revisión. Ollo, iso non quere dicir que non haxa noutros lados do xacemento, senón que na revisión que fixemos (5700 pezas cerámicas) e nas publicacións non estaban recollidas nin hai contextos cerámicos claramente datados nestes momentos.
Algo similar ocorre cos vidros publicados no sitio. No ano 2003 o investigador portugués M. da Cruz revisou moita da produción de vidro atopada no xacemento. A súa conclusión foi que existía un hiato na recepción dos vidros no sitio. E afirmaba que: «A existir um hiato parece-nos mais provável que este se inicie precisamente no final do período Flávio, pelos finais do séc. I e termine já bem entrados no séc. III». Nós pensamos que termina aínda máis tarde, no século IV d.n.e.
Porén, aínda restan cousas por explicar da nosa hipótese, sobre todo a cuestión da presenza de moedas do século III no sitio que, a priori, sinalarían unha ocupación nese século. Pero isto é outra historia.
CONTINUARÁ