Ás veces a arqueoloxía é sorprendente. A aventua que supón ir na procura do pasado implica ser consciente de que non sabemos todo. Sempre pode aparecer algo novo que mude o noso coñecemento sobre o tempo, sobre o noso pasado. A humildade debe ser a primeira virtude de toda persoa que se dedique á historia. Por iso, cando imos polo campo, sempre hai que ter os ollos ben abertos, e buscar incluso o non esperado.
Como é común no noso proxecto sobre a arqueoloxía da guerrilla, a metodoloxía consiste en preguntar aos que saben de verdade, á xente que vive o territorio, sobre os campamentos da guerrilla. Foi así como nos decatamos da existencia dun posible chozo nunha contorna coñecida como Pala de Cabras, en Casaio. Esta é unha gran pala aberta nunha inmensa parede no escarpado val do río San Xil. Así, e conducidos polo noso guía de confianza e amigo Francisco Fernández, que fomos para a pala un febreiro de 2019.
O abandono da gandería tradicional en Casaio transformou os montes en selvas, e iso fixo que a nosa primeira visita á Pala de Cabras fose un pouco accidentada. Porén, pagou totalmente a pena só por ver un sitio tan espectacular. A enorme pala de trinta metros de longo e dez de profundo está dirixida cara ao precioso val. E para rematar o realismo máxico do lugar, unha enorme fervenza que cae no medio da pala, convertendo a selva nun bosque de conto de fadas.
Efectivamente, a estrutura vinculada á guerrilla atópose na parte sueste da pala. Trátase dunha estrutura de pedra local que aproveita as paredes naturais, cunha fiestra que mira directamente cara ao val. Sabemos que é unha estrutura da guerrilla porque atopamos a carón unha vaíña de fusil máuser do ano 1936. Porén, a pala tiña máis sorpresas. Fran Alonso, compañeiro de aventuras, sabía que os paneis horizontais de cuarcita que había na parte norte da pala poderían conter pinturas. Entre 2017 e 2019 documentáranse as primeiras manifestacións de pintura esquemática nos sitios de Baleira e Vilardevós. Ao revisar estes paneis atopou o que sería todo un símbolo do descubrimento, o ídolo oculado de Casaio.
Unha vez constatada a relevancia do achado a Dirección Xeral de Patrimonio mandou a Manuel Rey, antigo director de Campo Lameiro e experto en arte prehistórica, para verificar a veracidade do descubrimento. Non só o certificou, senón que puidemos atopar durante a súa visita varios motivos máis, o que significaba que estabamos ante un importante número de manifestacións artísticas. O seguinte paso foi, cos nosos humildes medios, documentar o mellor posible este importante conxunto de pinturas esquemáticas. Ata o momento, e grazas á axuda de Manuel Santos, da Universidade do Minho, temos rexistrados un total de 25 motivos e ata 3 ídolos oculados.
En próximas entradas daremos información detallada de cada un destes motivos, peo aquí queriamos comezar con dúas cuestións: o tema da autenticidade das pinturas e o seu contexto histórico xeral, o Calcolítico.
Desde o descubrimento das pinturas houbo moitas dúbidas sobre a súa autenticidade. Dúbidas lexítimas dada a singularidade do achado, pero que xa a declaración dos expertos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia deberon disipar. Porén, hai tres elementos para afirmar a autenticidade das pinturas. O primeiro é a súa caracterización pictórica. O tipo de pigmentos, a súa distribución polos paneis da pala, e o seu desgaste e tipo de afección biolóxica mostran a sú antigüidade. Dito doutro xeito, pinturas recentes ou actuais non mostrarían esas características, senón menos desgaste e o uso doutros pigmentos.
O segundo argumento é a análise dos motivos específicos pintados e os seus paralelos, un método corriente no estudo do arte en xeral e do arte prehistórico en particular. Dada a dificultade de datar directamente as pinturas, este método consiste en poñer en comparación as representacións con outras coñecidas e a partir do estilo, características e motivos representados poder valorar a súa cronoloxía e autenticidade. Dunha banda, é o método que permite identificar conxuntos artísticos onde non se pode datar de xeito directo, por exemplo, en Siega Verde (Salamanca), Peña Piñera (O Bierzo) ou Serra dos Passos (Bragança). Doutra banda, é o método que permite identificar falsificacións; un cadro de Picasso debe ter unhas características determinadas ou non será un cadro de Picasso. Así, todas as pinturas documentadas en Pala de Cabras, sen excepción, seguen patróns moi característicos dun período moi concreto da nosa historia: O Calcolítico, e documéntanse todos os motivos típicos da pintura esquemática deste periodo, caso de pectiniformes (formas animais de tres liñas verticais), arboriformes ou os famosos ídolos oculados. Un ídolo oculado moi similar ao coñecido en Casaio pódese localizar en Bragança, por exemplo.

O terceiro argumento é, simplemente, usar a «navalla de Ockham», isto é, a explicación máis sinxela é seguramente a máis acertada. De momento, non hai ningunha proba de que as pinturas non son prehistóricas pero, en cambio, todas de que si o son. Doutra banda, de momento non hai unha mellor hipótese presentada que, cos datos dispoñibles, explique mellor as pinturas de Casaio. No recente Congreso Internacional del Neolítico da Península Ibérica celebrado en Sevilla presentamos estas mesmas pinturas e os maiores expertos e expertas sobre o tema das representacións artísticas prehistóricas coincidieron en datalas no período Calcolítico. As dúbidas, en todo caso, deberían estar enfocadas cara a cuestións máis relevantes, como o significado social e simbólico de Pala de Cabras e a súa valorización como Patrimonio, cuestións sobre as que falaremos noutros posts. Dito isto, o que pedimos precisamente son recursos para aportar datos máis precisos deste conxunto e así corroborar as nosas hipóteses.
O Calcolítico, que en Galicia se data máis ou menos no terceiro milenio a.n.e. é un período fundamental, xa que supón, por un lado, o definitivo paso de sociedades cazadoras-recolectoras a sociedades sedentarias, e, por outro, a definitiva incorporación de novas tecnoloxías como o metal, o que facilitou certas tarefas económicas. A consecuencia no noroeste foi, por exemplo, a domesticación e a monumentalización da paisaxe, como mostraría o conxunto de Pala de Cabras.