O castro de Formigueiros (Samos, Lugo): ¿un castro de época sueva?

Fotografía aérea do sitio de Forgmigueiros (Manuel Franco)

O castro de Formigueiros é un dos sitios máis coñecidos da historiografía sobre os castros tardíos na antiga Gallaecia. O xacemento localízase no límite dos concellos de Sarria e O Incio, encravado nun pequeno cumio no estremo occidental da Serra do Édramo, a 795 msnm e nas coordenadas (UTM ETRS 89; Fuso 29): X= 643753; Y= 4704751. Esta serra separa ás concas fluviais do Val do Sarria e do Val do Mao e na dirección NW atópase un importante manancial de auga, «a fonte da moura», do que se abastecería o sitio. A litoloxía da zona componse principalmente de lousa da chamada Serie Vilalba, de orixe Precámbrico.

Formigueiros conta con unha abundante cantidade de fontes que fan referencia á súa contorna, como vimos anteriormente. Máis aínda, entre as fontes documéntase un pequeno conxunto de referencias específicas ao castro de Formigueiros. A primeira referencia data de 1031, no contexto dunha doazón e mencionado como «castro de Formigarios»[1]. As referencias repítense noutros documentos do século XI d.C., preitos e doazóns, xa sexa como «castrum de Formicarios»[2] ou como «castro Formicarios»[3]. En todas estas referencias o castro aparece como un delimitador xeográfico, mostrando con isto a súa importancia simbólica e física na articulación de territorio.

En documentos do século XI e XII d.C. aparece a referencia repetida a una igrexa de «Sancti Iacobi de Formigueiros»[4], como se chamaría a parroquia en adiante. A localización desta igrexa es dubidosa, sendo o máis probábel que fora no entorno da actual vila, sen ningunha relación co castro.

Escavación da «casa A» en Formigueiros (Dorribo Cao, 1995)

Formigueiros está incluído dende 1988 no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural como consecuencia duns traballos de prospección no territorio. Nestes momentos xa estaban á vista varios paramentos das estruturas domésticas, resultado de distintas escavacións clandestinas. En concreto, atopáronse tres catas distribuídas polo sitio, o que demostra o coñecemento do sitio previo ás intervencións arqueolóxicas. A primeira destas produciuse en 1993, a cargo de J.R. Dorribo Cao y que afectaron «a zona dos xacementos onde se produciron «violacións» ou «intervencións clandestinas»» (Dorribo Cao, 1995). Realizáronse 3 catas na croa, onde se atoparon distintas estancias domésticas, e unha limpeza da muralla que mostrou a súa composición a base de xisto local en bloques rectangulares de pequeno e mediano tamaño. Nesta campaña atopouse tamén algúns materiais que mostraban a ocupación «tardía» do castro.

Entre os anos 2006 e 2010 tiveron lugar outras intervencións na croa do castro, baixo a dirección do arqueólogo G. Meijide Cameselle (G. Meijide Cameselle, 2009; Gonzalo Meijide Cameselle, 2009b; Meijide Cameselle, 2010). A escavación centrouse na parte suroeste da croa e deixou ao descuberto unha ducia de estruturas domésticas de formatos circulares, rectangulares e rectangulares con esquinas redondeadas, moi típicas da edilicia do noroeste peninsular durante a Prehistoria Recente e a época romana (Ayán Vila, 2012). Destacan, pola súa singularidade, un conxunto de lousas co gravados zoomorfos e simbólicos atopadas no pavimento do espazo fora das estruturas e tamén dentro dalgunhas delas que foron obxecto dunha análise particular (Gonzalo Meijide Cameselle, 2009a). Estas intervencións tamén actuaron sobre un fragmento do muro principal do castro. A limpeza deixo a vista un muro de pedra de entre 2,30 e 2,50 metros de altura.

Muro perimetral restaurado de Formigueiros

A croa ten unha extensión duns 2000 m2, mentres que a extensión total do xacemento é aproximadamente dunhas 6 has. A entrada principal no castro situase no parte noroeste da croa e descende nesa dirección. Todo o conxunto está rodeado por varias liñas de foxos e parapetos que compoñen un conxunto de hasta tres recintos «amurallados».

Un dos elementos máis interesantes do castro é a presenza de diversas fases de ocupación. Xa a estratigrafía demostraba a superposición de distintas estruturas que sinalaban a presenza de, polo menos, tres fases distintas no sitio. A proposta derivada do estudo da cultura material divide a ocupación do sitio en dos grandes fases (Rey Castiñeira et al., 2010):

  • Fase I (ss. VIII/V a.C-I d.C.) con dúas subfases
    • Fase 1a: asociado a uns buratos de poste atopados baixo as estruturas de pedra no parte sur do xacemento. Procedente dun depósito dun burato de poste, realizouse unha datación radiocarbónica (FOR.MO-09) que mostro unha datación centrada no século V a.C. (Rey Castiñeira et al., 2010).
    • Fase 1b: reurbanización do sitio no cambio de era. O abandono produciríase a metade do século I d.C. Para esta fase realizouse unha outra datación radiocarbónica dunha «mostra de carbón situado case directamente sobre o pavimento da canella, na saída da casa A» que deron unha datación (a 2 sigmas) situada entre o 60-220 d.C. (Rey Castiñeira et al., 2010).
  • Fase II (período tardorromano/Alta Idade Media): unha serie de estruturas de «peor calidade» construíronse sobre os derrubes das antigas vivendas e da muralla. Algunhas destas estruturas foron desmontadas diante os traballos de restauración que tiveron lugar no ano 2010 (Terra-Arqueos, 2010).

As nosas investigacións sobre o castro de Formigueiros tiveron catro obxectivos complementarios. En primeiro lugar, a realización dun voo dron que permitise ter unha mellor cartografía do xacemento (Anexo III). En segundo lugar, a partir desta cartografía e do estudo das anteriores planimetrías, realizar unha nova proposta de planimetría completa do sitio, actualmente inédita. En terceiro lugar, o tratamento e posterior análise das imaxes dron para ter unha mellor aproximación ao contexto estrutural do castro e a seus elementos constitutivos. En último lugar, a revisión do material cerámico proveniente das escavacións que, a partir dos avances no estudo da cerámica de época tardoimperial e sueva (Vigil-Escalera y Quirós Castillo, 2016), puidese propoñer unha secuencia do xacemento máis axustada para a súa ocupación tardía.

Propuesta planimétrica de Formigueiros

As análises permiten describir con certo detalle a composición estrutural do xacemento e complementar as descricións feitas ata agora de J.R. Dorribo Cao e G. Meijide. O recinto está rodeado por un gran foso perimetral duns 405 m. aproximadamente, que encerra un espazo total dunhas 1,2 hectáreas coa entrada orixinal, como xa foi mencionado, na parte noroeste do sitio. Un segundo foso se sitúa no resto de contorno, nas zonas norte, nordés e sur, de acceso xa complicado de por si pola presenza de fortes pendentes antes de chegar ao recinto amurallado. Na parte nordés é posíbel distinguir a presenza de máis liñas de foxos e parapetos, ata catro distintas, se ben non se descarta a posibilidade de que foran aterrazamentos para espazos de cultivo, como poderían ser outras foxos na parte sur do sitio. Sería moi interesante a realización no futuro de estudios de arqueoloxía agraria nestes espazos para distinguir a funcionalidade concreta das foxas, como se ha feito en outras partes da península ibérica (Kirchner, 2010).

O antecastro encóntrase dividido pola metade pola entrada e rodeado de unha posíbel muralla e de parte do primeira liña do foxo. En total, o antecastro ten un perímetro de 180 m. e unha área de 1700 m2. A través das imaxes do dron obsérvanse algunhas irregularidades, sobre todo na parte sur, que poderían corresponder aos restos de muros de estruturas fóra da croa. A croa estaría rodeada por completo pola muralla principal do sitio, aínda que só á vista no sector escavado no suroeste. Esta muralla tería un perímetro total de 220 m. e rodearía un espazo de 3200 m2. No total da área de ocupación do castro intra-murallas sería duns 4900 m2. Como as escavacións deixaron á vista, as estruturas domésticas ocuparían de forma extensa e mesturada o castro polo que cabería pensar que estas se estenderían por todo o recinto interior. As distintas imaxes do voo dron permiten intuír algunhas estruturas distribuídas por toda a croa.

Planimetría das escavacións en Formigueiros

Paralelamente, e a partir do voo dron, do estudo das diferentes planimetrías realizadas do xacemento, e de o análise da secuencia muraria das estruturas exhumadas, púidose facer una nova proposta planimétrica do sitio. Como xa comentaron os escavadores, en Formigueiros pódense diferenciar hasta tres, o incluso catro momentos construtivos, mostrados pola superposición de edificios na secuencia. O primeiro destes momentos correspondería aos buracos de poste documentados na parte sur do sitio, que podería corresponder, máis non necesariamente, a mesma fase que o edificio circular no centro do xacemento, en posición estratigráfica anterior aos edificios cuadrangulares[5]. A seguinte fase construtiva correspondería ao conxunto de sete estruturas cuadrangulares de esquinas redondeadas, tres delas con dos módulos separados e catro unimodulares. Finalmente, a secuencia construtiva máis moderna do sitio correspondería aos edificios de mala factura descritos na parte oeste do sitio e por encima do derrubo da muralla e, como hipótese, contemporáneos ao gran edificio cuadrangular do sur do sitio.

Análise do relieve de Formigueiros a partir do voo dron (Manuel Franco)

Diante os nosos traballos no castro non atopamos ningún material arqueolóxico salvo algúns fragmentos illados de material construtivo. En cambio, puidemos facer una revisión en xaneiro de 2018 dos materiais depositados no almacén do Museo do Castro de Viladonga, situado en Lugo[6]. Esta revisión tiña como obxectivo facer una revisión da secuencia proposta en anteriores traballos e particularizar a presenza de materiais romanos e medievais para delimitar as fases máis tardías do sitio.

Esta revisión, así e todo, deu resultados negativos para os obxectivos marcados neste proxecto en canto que mostraron a ausencia de materiais cerámicos posteriores ao século I d.C. A revisión, cunha metodoloxía xa desenvolvida noutros contextos similares (Tejerizo García, 2016), consistiu nun análise macroscópico do total de fragmentos cerámicos depositados (un total de 4316) (Rey Castiñeira, 2010) e a súa diferenciación por producións e adscrición cronolóxica de ditas producións, non podéndose facer por adscrición estratigráfica[7].Como xa destacaron os autores da anterior revisión practicamente todo o material revisado corresponde a cadeas tecnolóxicas de cronoloxía prehistórica salvo un pequeno conxunto de materiais posteriores, clasificados de forma xenérica como «romanos» (Rey Castiñeira, 2010). Foron estes materiais os que centraron os nosos análises para determinar a ocupación máis moderna, polo menos en función dos materiais depositados no museo.

Superposición de edificios en Formigueiros, mostrando a presenza de, ao menos, tres fases de ocupación

O pequeno conxunto de materiais dentro de esta clasificación componse de producións oxidantes de cerámica común romana pouco depurada, algúns fragmentos engobados e tamén un fragmento da base dunha ánfora de tipoloxía difícil de definir. Os fragmentos engobados son os máis interesantes a la hora de definir una cronoloxía para a última ocupación do castro. En concreto, trátase de fragmentos engobados unicamente pola cara interior, deixando a cara exterior con coccións reductoras e decoración brunida, característica moi típica das primeiras producións engobadas lucenses de época julio-claudia adoptadas polas comunidades indíxenas (Alcorta Irastorza y Bartolomé Abraira, 2012: 703). As pezas FOR-07-797 e FOR-08-528, engobadas só polo interior máis con formas claramente de adscrición romana, mostrarían este momento de transición nos momentos da conquista romana do área lucense e a mestura entre as producións cerámicas de tradición indíxena e as novas formas romanas. A presenza de este tipo de producións como as máis modernas localizadas no conxunto analizado e a ausencia total de fragmentos de sigillata[8] lévanos a propoñer os últimos momentos de ocupación «antiga» en Formigueiros na metade do século I d.C., sen evidencias de ocupacións posteriores, polo menos a nivel cerámico. Este momento de abandono sería coincidente coa moeda de Tiberio documentada (14-37 d.C.) (Rey Castiñeira et al., 2010). Dito de outra maneira, non hai evidencias materiais da fase II proposta nos traballos anteriores.

Materiais «romanos» do sitio de Formigueiros. Estes son os materiais máis recentes depositados no Museo.

Isto produce dúas contradicións importantes. A primeira fas referencia as mencións de materiais romanos, «sigillatas» e outras cerámicas posteriores ao século I d.C. En realidade, todas estas referencias baséanse na publicación de J.R. Dorribo dun pequeno vaso con decoración estampillada que el data en época paleocristiá (séculos V e VI d.C.) polos paralelos coñecidos nese momento (Dorribo Cao, 1995: 22). Por desgraza, a localización destes materiais é actualmente descoñecida[9] e non foi posíbel facer un análise detallado da peza. Con todo, o estado do coñecemento da cerámica dos séculos V e VI d.C. na actualidade permítenos afirmar a ausencia de paralelos para esta forma en todo el norte peninsular. Máis aínda, a decoración da peza es moi similar ás decoracións analizadas das últimas campañas de escavación (Rey Castiñeira, 2010) e similares a outras producións de rexións próximas (González Ruibal, 2006-2007: 436-490). Estes dados e a ausencia de conxuntos significativos de materiais asociados aos séculos V e VI d.C., sobre todo a ausencia de TSHT[10], lévanos a pensar que esta peza é de época prehistórica e, polo tanto, o error nas referencias a materiais posteriores ao século I d.C.

Debuxo de materiais do sitio de Formigueiros

A outra contradición desta hipótese derivada de nosa revisión é coa secuencia estratigráfica e muraria efectivamente documentada no sitio. Como mostraron as escavacións, en Formigueiros puidéronse rexistrar, polo menos, tres, e incluso catro, fases construtivas distintas. As tres primeiras xa foron postas en relación coas fases prehistóricas do sitio mentres que a última, coa presenza de varias estruturas por encima do nivel de derrubo da muralla, foi interpretada como pertencente á fase II da secuencia, de cronoloxía tardorromana ou altomedieval. Porén, a ausencia de materiais arqueolóxicos asociados a estas cronoloxías lévanos a propoñer a hipótese de que estas estruturas son aínda posteriores á época medieval, posíbelmente modernas ou contemporáneas. Esta hipótese, con todo, e con os dados actualmente dispoñíbeis, non se pode confirmar e expón a dubida, a resolver en próximos traballos arqueolóxicos, da súa funcionalidade nas cronoloxías propostas.

Cerámica clasificada como «paleocristiá» por J.R. Dorribo Cao

Os nosos traballos sobre o castro de Formigueiros mostraron resultados tanto negativos como positivos. Dentro dos aspectos negativos, nosa revisión da secuencia estratigráfica e a análise do material cerámico levounos a conclusión de que a última fase «antiga» do xacemento termina aproximadamente, a mediados do século I d.C. e, polo tanto, de que non houbo ocupación tardorromana o sueva no castro de Formigueiros, cuxa secuencia limítase a la fase I proposta nos traballos anteriores (Rey Castiñeira et al., 2010). Con todo, a presenza de unha fase claramente posterior á esta ocupación que finaliza no século I d.C., mostrada pola secuencia muraria máis non por material asociado, lévanos a hipótese de que en Formigueiros houbo unha ocupación posmedieval de natureza aínda descoñecida.

Este, non obstante, abre novas vías de investigación sobre o papel de Formigueiros na articulación de territorio na época prehistórica, os cambios producidos pola introdución do poder romano e a utilización dos castros en momentos posmedievais. Por outra banda, o voo dron e a reconstrución planimétrica permitiu un novo acercamento a configuración interna dun dos castros máis significativos no interior da Gallaecia.

Fotografía do voo dron de Formigueiros

[1] Concedimus villam suam propriam ipsius Vimarani, quam ille habuit de patre suo Daniele et de avo suo Guto sive et de suo comparato et de suo ganato, ipsa villa prenominata ubi dicunt, Castilion, territorio Humano prope aula Sancte Maria de Revorio. (…). Ipsa villa per suos terminos et locos antiquos quomodo concludit per terminos de Aqua Levata et per Piornedo et inde per castro de Formigarios et inde per lagona de monte Mocoso et inde per termino de Monte Agudo (ed. Lucas Álvarez, 1986: 243-245, d. 103).

[2] Dono atque concedo suprataxate ecclesie vestre et monasterio samonensi villam vocabulo Teimoy per suos terminos et locos antiquos, id est: per castrum de Formicarios, et inde per Barrarios de Cornias, et inde per illa lagona de Monte Ocaso, per Ponte Lausata, et inde per Sizan, et inde per Valle Goffo, et inde per termios de sancta Maria de Revorio, et inde per Petrauzos, et inde per Monte Mediano, et inde per termios de sancta Maria de Onitio, et inde per Lavella, et inde per Equa longa, et inde per ipso arrogio de Pontito, et inde per bovia de Vilar, et inde per Felgarias, quomodo se concludit ipsa villa iam dicta per suos terminos. Et est ipsa villa vocabulo Teymoi in territorio Gallecie, in valle Homano, rivulo discurrente Homano, subtus monte Eira Castro; (ed. Lucas Álvarez, 1986: 309-310, d. 147) e cum multis sapientibus et precessertunt ad illum episcopum et ad Eita Gosendiz et posuerunt pedes ad illam arcam super Montam, et inde ad illam arcam super Zaon que dicunt Samanega, et inde per illo fontano sub […], et inde in prono per illam aquam usque in sanctum Vincentium de Toldanos, et inde in directo ad illam petram de Calvor et concludit intus sanctum Laurentium cum aiacentiis suis, et inde per illam costam inter Castellum et Varzenola, et inde per aquam de Sarambelo discurrentem, et inde per aquam de [ ] et inde per illam lagonam super Guisali et inde per Cornias inter castrum de Formicarios et montem Occosum, et inde tras Covas de Humano ubi saccant vena ferrea et concludit illas intro se, et inde ad aquam de Humano ubi invenerunt petram fixam antiquam, et inde iuxta sanctam Mariam de Revoiro XV passos huc et inde ad illam scriptam spuer Onitio, et inde ad fogium Lupalem et figunt se in Eira Patron et invenerunt illas petras fixas veridicas et illos testamentos et concluserunt ipsum monasterium de Varzena et illam eclesiam de sancta Maria de Lier et alias hereditates intus, (ed. Lucas Álvarez, 1986: 66-68, d. 4).

[3] Et est ipsa ecclesia terminata sicut determinat per terminos antiquos, id est: per terminos de Veremudi, per castro Papiti, per sancto Petro de Froian, per sancto Cosme, per castro Eilani, per Ceseirola, per Castrocan, per castro Formicarios, per rivulum de Humano (ed. Lucas Álvarez, 1986: 300-302, d. 140).

[4] Por exemplo en 1175: ecclesiam Sancte Marthe de Castrocan, ecclesiam Sancti Iacobi de Formigueros, ecclesiam Sancte Marie de Sonidi, ecclesiam Sancti Martini de Froian (ed. Lucas Álvarez, 1986: 153-157, d. 57).

[5] Se ben a reconstrución actual do xacemento mostra o edificio circular por encima da construción cuadrangular adxacente, as planimetrías da escavación mostran claramente que esta relación no momento da escavación era ao revés (G. Meijide Cameselle, 2009; Meijide Cameselle, 2010)

[6] Agradecemos a atención prestada polo équipo do Museo do Castro de Viladonga. Tamén agradecemos a Pepa Rey e a Andrés Teira polo envío da memoria e dos inventarios do xacemento.

[7] Desgraciadamente a análise foi moi parcial debido á ausencia dos informes e inventarios de escavación que permitiran correlacionar os materiais con unha estratigrafía específica. Ademais, tras o último estudo decidiuse almacenar a cerámica por tipoloxía e formas en vez de por estratos e xuntar todas as campañas nun mesmo inventario, tampouco dispoñíbel no momento de facer esta revisión, o que imposibilita a aplicación da metodoloxía proposta.

[8] Na análise da cultura material de Formigueiros menciónase a presenza dun fragmento de Terra sigillata Itálica (Rey Castiñeira et al., 2010). Non obstante, non puido ser recoñecido no conxunto revisado. Con todo, a presenza dun único fragmento de TSI non contradiría a proposta.

[9] Polo menos foi a información recibida no Museo de Lugo.

[10] J.R. Dorribo fai unha referencia a este feito da ausencia de TSHT no conxunto: «Por agora, hai unha ausencia total de cerámicas importadas, como puidesen ser «Terras Sigillatas» ou ben cerámicas de paredes finas. Este feito pódese explicar en parte porque as intervidas corresponderon a zonas con violacións clandestinas, e por averiguacións efectuadas sabemos que moitas pezas que chamaron o interese dos furtivos foron sacadas do lugar, e nalgún caso óusenos dalgunha pequena escultura realizada en granito, unha pedra non local na zona que ocupa o castro» (Dorribo Cao, 1995: 22). As escavacións posteriores mostraron que esta ausencia de sigillata non era puntual senón estrutural.

 

Bibliografía

ALCORTA IRASTORZA, Enrique J., y BARTOLOMÉ ABRAIRA, Roberto: «Muestras de cerámica engobada romana de producción local de Lucus Augusti (Lugo)». En: BERNAL CASASOLA, Darío y RIBERA I LACOMBA, Albert (eds.), Cerámicas hispanorromanas II. Producciones regionales. Universidad de Cádiz, Cádiz: 2012, 699-724

AYÁN VILA, Xurxo: Casa, familia y comunidad en la Edad del Hierro del NW. Xurimaru Servizos de Comunicación, Santiago de Compostela: 2012

DORRIBO CAO, José Rafael: «O castro de Formigueiros: unha aproximación ó seu estudo arqueolóxico» Historia Nova II. Asociación galega de historiadores: 1995, 9-24

GONZÁLEZ RUIBAL, Alfredo: «Galaicos. Poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (1200 a.C-50 d.C)». Brigantium, 18,  2006-2007.

KIRCHNER, Helena: Por una arqueología agraria: perspectivas de investigación sobre espacios de cultivo en las sociedades medievales hispánicas, Oxford: 2010

MEIJIDE CAMESELLE, G.: «Intervención arqueolóxica no castro de Formigueiros, Samos (Lugo)» Actuacións arqueolóxicas, Ano 2007. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela: 2009, 64-65

MEIJIDE CAMESELLE, G.: «Intervención arqueolóxica no castro de Formigueiros, Samos (Lugo)» Actuacións arqueolóxicas, Ano 2008. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela: 2010, 58-60

MEIJIDE CAMESELLE, Gonzalo: «Lousas decoradas con círculos, cabalos e peixes procedentes do castro de Formigueiros (Samos, Lugo)». Gallaecia, 28,  2009a, 2009.

MEIJIDE CAMESELLE, Gonzalo: Memoria do proxecto de intervención arqueolóxica no castro de Formigueiros para campo de traballo da Consellería de Traballo e Benestar (2009), Informe depositado en la Consellería de Cultura de la Xunta de Galiza: 2009b

REY CASTIÑEIRA, Josefa: «A produción cerámica». En: REY CASTIÑEIRA, Josefa, ABAD VIDAL, Emilio, CALO RAMOS, Nuria, CANDAMO BUENO, César, COMESAÑA CORTEGOSO, Mar, MARTÍN SEIJO, María, MEIJIDE CAMESELLE, Gonzalo, PENA MONTEAGUDO, Noelia, PICÓN PLATAS, Israel, RICO REY, Aldara, RODRÍGUEZ RELLAN, Carlos y TEIRA BRION, Andrés (eds.), Formigueiros. Análise da cultura material. Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela: 2010,

REY CASTIÑEIRA, Josefa; ABAD VIDAL, Emilio; CALO RAMOS, Nuria; CANDAMO BUENO, César; COMESAÑA CORTEGOSO, Mar; MARTÍN SEIJO, María, et al.: Formigueiros. Análise da cultura material. Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela: 2010

TEJERIZO GARCÍA, Carlos: «Construyendo la casa por los cimientos: consideraciones acerca de la cerámica de la primera Alta Edad Media en la parte central de la cuenca del Duero». En: QUIRÓS CASTILLO, Juan Antonio y VIGIL-ESCALERA, Alfonso (eds.). Universidad del País Vasco, Bilbao: 2016, 229-254

TERRA-ARQUEOS: Memoria do estudo e diagnosis do estado de conservación e actuacións urxentes no castro de Formigueiros, Informe inédito depositado en la Consellería de Cultura de Galiza: 2010

VIGIL-ESCALERA, Alfonso, y QUIRÓS CASTILLO, Juan Antonio: La cerámica de la Alta Edad Media en el cuadrante noroeste de la Península Ibérica (siglos V-X). Universidad del País Vasco, Bilbao: 2016

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s