Arqueoloxía do aburrimento da guerrilla: o que as crónicas non contan

A historia da guerrilla construése normalmente cos grandes feitos: os ataques, as mortes, os encontros coa Garda Civil… Unha historia feita con pequenas árbores que impiden ver ás veces o gran bosque que foi a loita antifranquista no noroeste peninsular. Porén, a historia menos coñecida é aquela que ten que ver coa vida cotiá, co pasar dos días no monte, na espera constante ameazada polo terror de morrer ese día e a esperanza de que a organización e a loita sirvan para expulsar o ditador. Segundo as nosas investigacións, a Ciudad de la Selva, no seu momento de apoxeo, estivo en funcionamiento durante case cinco anos. 1825 días coas súas horas nas que os guerrilleiros e guerrilleiras tiñan que estar no monte. Os ataques e os movementos foron momentos puntuais dunha longa travesía que tiñan que encher con outras actividades.

Este é un dos aspectos máis interesantes que revelaron as nosas escavacións; a materialidade do paso do tempo, do aburrimento e dos obxectos e actividades para pasar a vida no monte, materializado, por exemplo, mediante a correa dun reloxo é a materialización.

Como non podía ser doutro xeito, o alcol foi un elemento central na vida cotiá da guerrilla. As botellas de vidro son unha das cousas máis atopadas no rexistro arqueolóxico. Fundamentalmente son botellas de viño e de coñac, aínda que tamén atopamos botellas de sidra. A botella máis interesante e completa que escavamos foi un exemplar de botella de Anís marca La Asturiana de 50 cl. Esta marca pertence á empresa Hijos de Francisco Serrano S.A., fundada en 1895 en Oviedo, Asturias, que posteriormente foi trasladada a Quintanar de la Orden, en Toledo. Alí abriron en 1916 a fábrica de Anís de la Asturiana, cuxo anís gañou moita popularidade nas décadas seguintes xunto coa marca Anís del Mono (fundada en 1870 en Badalona). Ademais, esta botella foi atopada nunha zona para durmir e preto dun saco recheo de fento. Non é difícil imaxinar aos guerrilleiros partallando a botella mentres contaban historias da aldea que tiveron que abandonar.

Un dos obxectos máis interesantes foron dúas minas de grafito e unha pequena parte do portaminas. Sabemos que a escrita foi unha actividade común na guerrilla; o xornal «El Guerrillero» foi parcialmente editado na Ciudad de la Selva, pensamos que cunha máquina de escribir como a que hoxe descansa na casa de Fermín, un antigo pastor de Casaio ao que regalaran a máquina. Mais tamén a escrita cotiá aos familiares foi unha actividade común durante o tempo que a guerrilla estivo no monte. As minas de grafito son testigos mudos desta comunicación cos seres queridos.

En último lugar, na última campaña atopamos un pequeno óso de taba (o xeonllo do cordeiro) nun contexto de habitación. Pensamos que este pequeno óso foi utilizado para xogar ás tabas, un xogo tradicional que consistía en tirar ao aire un óso e, mentras, procurar recoller do chan o máximo número delas. Formas sinxelas de pasar o tempo en momentos moi difíciles.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s