
Nunha interesante referencia nas súas memorias, o guerrilleiro Mario Morán comenta que:
Aquí en la Ciudad de la Selva (situada en los montes de Casayo), en las estribaciones de Peña Trevinca, surge la idea, en los primeros meses de 1942, sobre la conveniencia de crear una organización guerrillera que aglutine a todos los grupos… La conocida por nosotros como «Ciudad de la Selva», donde el resto de los compañeros nos abocamos a la tarea de construir un amplio y cómodo campamento».

Comezaba así a historia da «Ciudad de la Selva». Despois de dous anos de intenso traballo, fomos capaces de documentar un total de 18 campamentos guerrilleiros distribuídos polos escarpados montes de Casaio. Porén, non todos pertencen ao mesmo momento. Unha das grandes achegas da arqueoloxía foi darlle unha historia á progresiva emerxencia da paisax da resistencia antifranquista. Deste xeito puidemos diferenciar ata tres fases no desenvolvemento da actividade guerrilleira nesta zona:
1. A primeira fase está relacionada coa actividade dos fuxidos locais e dos primeiros grupos guerrilleiros articulados, como o grupo do guerrilleiro Domingo Rodríguez «O Inca». A nivel material esta fase caracterízase por estruturas probremente construídas e pola aparición de moi pouco material arqueolóxico, froita da escaseza e da reutilización masiva dos materiais. Tamén pensamos que a ocupación de campamentos como Xestil de Samargal o Pala de Cabras sería moi temporal.

2. A segunda fase relacionaríase coa Cidade da Selva como tal. A actividade trasládase aos vales da Bruña e de Morteiras e os campamentos fanse máis grandes e estables. A recepción de materiais e de recursos móstrase moi articulada, como consecuencia dunha articulación militarizada dos grupos guerrilleiros.
3. Tras o ataque da Garda Civil en Xullo de 1946 e a desarticulación da Cidade da Selva, a actividade decae moitísimo e a zona de actuación principal móvese á zona de Soutadoiro. Porén, pouca información temos polo momento para caracterizar con maior nivel de detalle a actividade guerrilleira nesta fase, que acaba en 1952.
