Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte III: as moedas)

Ningunha hipótese en Historia está pechada e confirmada. É parte da beleza da Historia en tanto que ciencia. Grazas á exhaustiva e á rigurosa análise dos datos podemos, se acaso, formular hipóteses mellor ou peor argumentadas que poden ser, ou non, parte desa verdade histórica que, pola súa natureza, nunca poderemos coñecer de xeito completo e absoluto. Os datos son os datos, e sobre eles pódense facer centos de interpretacións diferentes. Interpretacións que teñen que contrastarse e poñerse en diálogo para ver cal é a máis coherente e válida en base aos datos aportados. Viladonga poido ser construído polos alieníxenas, ser ocupado desde o século VIII a.n.e. ata o século V d.n.e. sen interrupcións ou ter un hiato de ocupación nos séculos II e IV d.n.e. Todo depende da fortaleza das argumentacións utilizadas.

Unha das críticas máis importantes contra a nosa hipótese é que a presenza de moedas dos séculos II, III e IV d.n.e. no xacemento demostraría unha ocupación do sitio neses momentos. É unha hipótese válida é moi utilizada para datar contextos arqueolóxicos de difícil datación por outros medios. De feito, este argumento foi moi importante para que investigadores como Felipe Arias, a partir dos seus traballos no castro de Viladonga, puidesen defender a presenza de castros na época tardía, idea que non era doadamente aceptada nun contexto no que os castros só podían ser prehistóricos. Porén, cremos que este argumento, se vemos toda a evidencia no seu conxunto, non invalida a idea dun abandono en Viladonga nos séculos II ata o IV d.n.e.

É moi certo que no xacemento hai moedas dos séculos II e III d.n.e. O problema é que temos moi poucos datos sobre o conxunto total de moedas no xacemento e, neste caso -como en moitos outros- a cantidade de emisións é un dato a ter en conta. Nunha importante publicación de M.C. Durán Fuentes publicouse un significativo conxunto de moedas entre as cales se recoñecieron emisións dos séculos II e III d.n.e. Porén, é de novo importante os momentos de emisión, de uso e de deposición como momentos diferentes e que non teñen que coincidir (como defendemos no anterior post). O lóxico é pensar que se houbo unha ocupación nos séculos II e III d.n.e. tería que haber unha cantidade similar a outros momentos de ocupación do sitio. Deste xeito, se facemos unha estatística das moedas recoñecidas no castro nesa publicación de Durán Fuentes, o que vemos e que as emisións do século II e III d.n.e. representan menos do 5% do total. Polo contrario, as emisións do século IV d.n.e. representan o 85%, o que é moi rechamente, e a interpretación lóxica é pensar que é neste último momento cando está en uso a moeda no sitio e que as outras eran tamén utilizadas entón, moito máis tarde de cando foron emitidas.

As moedas son unha materialidade moi particular, dado que o seu uso -ao contrario que as cerámicas, por exemplo-, pode dilatarse moito no tempo. Eu mesmo, revisando as moedas que teño no peto mentres escribía isto descubrín unha moeda alemá de 2002, aínda que estamos (case) en 2020. Os reais foron unha moeda que se usou mesmo no século XX, aínda que empezou a circular como tal «valor» -en tanto que nome- no século XIV.  En recentes estudos na famosa Cripta Balbi, en Roma, atoparon moedas do século IV en contextos do século VIII d.n.e. É unha constante histórica. Nos momentos de falta de cartos, estírase moito a moeda e o seu uso. Por exemplo, no século XVII, debido á crise económica, as moedas do século anterior foron reseladas, como xeito de mudar o seu valor. Cremos, seguindo esta lóxica, que a moeda do século II e III d.n.e. en Viladonga é, en realidade, utilizada durante os últimos momentos do século IV d.n.e.

A mellor forma de corroborar isto é cos contextos arqueolóxicos. Como amosamos no primeiro post, puidemos revisar a estratigrafía completa dun sector do xacemento e todo o material asociado. Neste lugar atopouse un tesouro de moedas dentro dun contexto doméstico. Esta era unha cousa típica dos momentos finais do século IV e inicios do V d.n.e. e que se detecta en moitos sitios deste momento, isto é, gardar conxuntos significativos de moedas. Este tesouro está composto de 111 moedas, todas xuntas é, polo tanto, depositadas no mesmo momento. Na táboa seguinte pode verse que a moeda máis antiga é de Claudio II Gótico, de fins do século III d.n.e. Esta moeda está no mesmo lugar que unha moeda de Teodosio I, de fins do século IV d.n.e. A lóxica estratigráfica, con todos os datos expostos neste post e nos outros, indica que a) a deposición deste tesouro tivo lugar, polo menos, nos momentos finais do século IV d.n.e. e posiblemente no século V d.n.e. e b) que este foi o momento de ocupación do sitio, e non durante os séculos II e III d.n.e. e c) que a hipótese máis lóxica é pensar que utilizaban moedas dos séculos II e III d.n.e. en contextos moi posteriores, como ocorre, de feito, en outros moitos contextos do norte peninsular (para ver máis sobre esto, pódese consultar o libro de Alfonso Vigil-Escalera «Los primeros paisajes altomedievales en el interior de Hispania. Registros campesinos del siglo quinto d.C.«).

EMISIÓN DATA Nº MOEDAS
Claudio II Gótico 268-270 1
Familia constantiniana Inicios s. IV d.C. 62
Constantino I 306-337 1
Licinio II 308-324 1
Helena 326-360 1
Serie Constantinópolis 330-335 1
Constancio II 337-361 30
Conmemoración de la muerte de Constantino I 337 2
Constante 337-350 6
Constancio Galo 351-354 1
Juliano II Apóstata 361-363 1
Valente 364-378 1
Valentiniano I 364-365 1
Graciano 375-383 1
Teodosio I 379-392 1
TOTAL

111

Ata aquí unha síntese dos datos que nos permiten facer a hipótese de que o castro de Viladonga non foi ocupado nos séculos II e IV d.n.e. Pero agora queda por ver o máis importante. Isto é, por que ocorre isto e que implicacións ten para a interpretación do sitio. Pero iso é outra historia.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s