Cando chegamos hai case tres anos a Casaio, pouco sabiamos das sorpresas que levaríamos co estudo da «Ciudad de la Selva». Despois de todo ese tempo, e de moito traballo de campo, atopamos 18 campamentos asociados á guerrilla, e tivemos a oportunidade de escavar en catro deses campamentos. Os resultados foron sorprendentes, e aínda temos moito que analizar e poñer en relación coa documentación escrita e coas testemuñas orais. Só o conxunto de obxectos escavados son unha auténtica xoia arqueolóxica que proporcionará datos moi relevantes para entender a articulación do movemento guerrilleiro no noroeste peninsular.
Porén, os nosos traballos na «Ciudad de la Selva» espertaron algunhas dúbidas e críticas. Dúbidas e críticas que son totalmente lexítimas sempre que sexan propostas desde o respecto e o espírito do debate. A disciplina da Historia só se move se hai confrontación sa de ideas; é desde a presentación e defensa duns datos que nos achegamos a unha comprensión cada vez máis densa da nosa Historia. Unha destas dúbidas ten que ver coa cronoloxía e a funcionalidade das estruturas que estamos a escavar. A idea é que os chozos escavados poderían ser anteriores e utilizados por pastores en vez de pola guerrilla.
Para responder a isto, a Arqueoloxía dispón dunha ferramenta moi útil a estratigrafía. A estratigrafía estuda a secuencia de deposición dos niveis nun sitio concreto e, mediante a súa posta en relación cos obxectos atopados na terra, poder interpretado. Neste caso, presentaremos brevemente a estratigrafía de dous dos chozos para demostrar o seu uso pola guerrilla.
O chozo Morteiras-1 foi un dos mellores exemplos escavados. Este chozo feito en pedra, atopouse totalmente derrubado. Unha vez retirados os derrubos, atopouse un nivel cheo de cinzas que interpretamos como un nivel froito do queimado do chozo. Foi neste nivel onde atopamos todo o material; sobre todo vaíñas de fusil Mauser, anacos de granada de man ou balas de revolver. Obxectos que claramente indican que foi utilizado pola guerrilla nos anos 40. E isto sabemolo porque atopamos unha moeda acuñada nestes momentos. Baixo o nivel de queimado atopamos o chan, feito de lousa de gran tamaño. E baixo este chan non había outras ocupacións o que demostra que este chozo foi construído pola guerrilla, sen reaproveitar edificos anteriores.
Algo distinta é a estratigrafía do chozo escavado no Teixadal. Este chozo sabiamos que si fora utilizado por pastores grazas ás testemuñas orais. Mais tamén existía unha tradición de que a guerrilla o utilizara nos anos 40. De novo, a estratigrafía resolve a cuestión. Baixo os niveis de derrubo atopamos unha lata de conserva e unha vaíña de fusil dos anos 30, o que demostraba a presenza guerrilleira. Doutro xeito, as reparacións documentadas nos muros mostraban que foi reocupado posteriormente, desta volta si, por pastores.
Grazas a estratigrafía a Arqueoloxía pode sacar conclusións científicas das escavacións, e é a nosa mellor ferramenta para achegarnos, aínda que sexa pouco a pouco, á verdade histórica.