Valencia do Sil: un tesouro patrimonial por (re)descubrir

Dende o próximo día 26 ata o día 31 estaremos no castro de Valencia do Sil continuando o noso proxecto de análise do poboamento de época tardorromana e sueva no val do río Sil. Como aperitivo, recuperamos este texto sobre o xacemento publicado na revista Gallaecia. Próximamente, máis información sobre este impresionante sitio.

O asentamento localízase nun esporón situado na ladeira norte do Alto do Vilariño (Serra do Eixo), na ribeira sur do río Sil, xusto enriba da actual poboación que comparte o topónimo (ETRS89-29N: X= 658352; Y= 4695874; Z= 505).

Nas súas proximidades localízase o trazado da vía romana XVIII, ou Vía Nova, que conectaba Bracara Augusta con Asturica Augusta e que, pola descrición no Itinerario de Antonino, sabemos que algunha mansio estaba localizada na zona de Valdeorras, como podería ser o caso do xacemento da Cigarrosa e outros restos arqueolóxicos na zona (SOTO ARIAS 1993; VEIGA ROMERO 2009). O lugar de asentamento está profundamente alterado. A utilización do esporón para a plantación de viñedos é a máis grave. Estes foron abandonados nun momento previo aos anos 60, mais durante a súa plantación, foron removidas grandes cantidades de terra para a construción dos socalcos, o que entendemos que provocou a destrución de moitas das estruturas orixinais do castro. De feito, moitos dos socalcos posibelmente utilizan material destas estruturas. A outra alteración é a instalación, nos últimos trinta anos, dunha torre de media tensión no cumio do esporón.

Planimetría das estruturas escavadas polo Grupo Arqueológico de Valdeorras

Os únicos traballos realizados no asentamento foron realizados por iniciativa do Instituto do Estudios Valdeorreses (IEV), concretamente dun grupo denominado “Os Escarbadores”. Este grupo realizou varias intervencións a finais dos anos 60 e principios dos 70, atopando “restos de viviendas, monedas romanas, vidrios, cerámicas, etc.”7. Estes materiais non foron publicados, máis pola información recibida por un dos “escarbadores” sabemos que aínda se atopan no concello do Barco de Valdeorras. Algúns achados casuais do sitio dos últimos decenios atópanse no Museo de Ourense. No apartado da revisión da documentación histórica só localizamos unha referencia documental do ano 1187 ao topónimo Valencia, Ualleza (RECUERO ASTRAY et al. 2000), que non estamosseguras se fai referencia ao asentamento fortificado ou á aldea actual. Así mesmo tamén hai unha lenda recollida por X. M. González Reboredo que referencia un castro que foi identificado co de Valencia do Sil.

A orografía do esporón, cunha pendente pronunciada en dirección NE-SW, fainos entender que a extensión máxima do asentamento quedaría circunscrita ás 4 has. de extensión. Entre o que son os socalcos das viñas, realizados a base de mamposto de xisto e seixo trabados a seco, distinguimos unha zona, localizada no NE do esporón, xusto delimitando a separación coa caída do terreo, na cal os muros poderían pertencer á muralla orixinal, sendo aproveitada posteriormente como socalco para aterrazar esta parte. Aínda que sería difícil aseguralo sen escavacións arqueolóxicas, é tamén posíbel que o muro que delimita a parte oeste do castro seguindo o camiño de acceso podería pertencer á muralla orixinal do sitio. As intervencións do grupo de “Os Escarbadores” nos anos 60 atoparon varias estruturas descritas como “circulares” e “rectangulares”. Lamentabelmente non hai publicacións desas campañas, se ben puidemos recuperar algunhas fotografías que mostran a presenza no castro de diversas estruturas feitas de tixolo. Estas estruturas atópanse na parte SE do castro, e trátanse de, polo menos, cinco recintos rectangulares (medidas de 4×4 m. aproximadamente) construídos aproveitando a pendente. Atopáronse nun estado moi avanzado de deterioro e abandono.

Durante a prospección localizamos varios fragmentos cerámicos que polo seu estado de conservación é difícil a adscrición e varios fragmentos de tegula romana. Esta última, sen dúbida, pertencente á fase de ocupación romana ou pos-romana do sitio. En cambio, no Museo Provincial de Ourense consultamos un total de 31 pezas aló depositadas. Mentres que algunhas delas mostrarían unha ocupación medieval ou pos-medieval –producións vidradas–, dúas pezas poden ser empregadas como datantes dun momento de ocupación tardorromano/tardoantigo: un fragmento de Terra Sigillata Hispánica Tardía (TSHT) correspondente a unha cunca tipo Ritt. 8, moi típica dos séculos IV é V d.n.e. (CE 6017/14); e un fragmento dunha ola de gran tamaño (28 cm. de diámetro) realizada a torno rápido en cocción redutora con labio exvasado e engrosado con decoración mediante liñas brunidas verticais e horizontais. Este tipo de olas remítennos a un momento cronolóxico da segunda metade do século V e, máis probábel, no século VI d.n.e. con paralelos nos próximos xacementos de Castro Ventosa o Astorga (PAZ PERALTA 2013; TEJERIZO GARCÍA e VIGIL-ESCALERA GUIRADO 2017).

Edificio do xacemento escavado nos anos 60

A priori, non hai producións que remitan a momentos prehistóricos, sendo todas de cronoloxías posteriores ao século IV d.n.e.. De todos modos, non se pode descartar completamente unha ocupación do castro previa á chegada do Estado Romano. É interesante destacar tamén a presenza de escouras de ferro, que mostrarían a realización de traballos de fundición no castro, se ben non se pode asegurar o momento ao cal pertence. Cabe mencionar finalmente o descubrimento na zona de Valencia de Sil, mais non exactamente no castro se non posibelmente na aldea actual, dun capitel de mármore de época sueva ou visigoda con decoración vexetal de estilo corintio (RODRÍGUEZ COLMENERO 1977: 79). Segundo J.C. Sánchez Pardo, este capitel “pertenecería quizá a una sencilla construcción paleocristiana o germánica en el lugar” (SÁNCHEZ PARDO 2012: 34).

Como conclusión, podemos avanzar algunhas hipóteses sobre a cronoloxía do sitio en base aos datos actualmente coñecidos. Primeiramente que o asentamento de Valencia do Sil tería un momento de ocupación datábel, grosso modo, entre finais do século IV d.n.e. e un momento indeterminado do século VI d.n.e. En segundo lugar, non se localizaron, a priori, materiais que mostraran unha ocupación prehistórica do sitio, polo que Valencia do Sil podería ser unha ocupación ex novo de época baixo-romana, aínda que isto sería polo momento unha hipótese a falta de escavacións estratigráficas no sitio. Por último, a presenza de materiais xenéricos que, tamén a modo de hipótese, sinalaría unha ocupación medieval ou pos-medieval do sitio e anterior ou contemporánea á implantación do
viñedo.


Bibliografía

PAZ PERALTA, J A (2013) ‘La vajilla de cerámica hispánica tardía gris y naranja en Asturica Augusta (Astorga, León). Conjunto C’, Ex Officina Hispana. Cuadernos de la SECAH, 1, Madrid, La Ergástula, 217-256.

RECUERO ASTRAY, M, ROMERO PORTILLA, P and RODRÍGUEZ PRIETO, M Á (2000) Documentos medievales del reino de Galicia: Fernando II (1155-1188), A Coruña, Xunta de Galicia.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A (1977) Galicia meridional romana, Bilbao.

SÁNCHEZ PARDO, J C (2012) ‘Castros, castillos y otras fortificaciones en el paisaje sociopolítico de Galicia (siglos IV-XI)’, in J Quirós Castillo and Tejado Sebastián J M (Eds.) Los castillos altomedievales en el noroeste de la Península Ibérica, Bilbao, Universidad del País Vasco, 29-56.

TEJERIZO GARCÍA, C and VIGIL-ESCALERA GUIRADO, A (2017) ‘Castro Ventosa y La Cabeza de Navasangil: una revisión de sus secuencias de ocupación y del fenómeno de los asentamientos fortificados altomedievales’, Nailos, 129-161.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s