Materiais cerámicos tardíos no castro de Viladonga (I): introdución e a Terra Sigillata Hispánica Tardía

(Texto extraído do artigo publicado na revista CROA)

O xacemento de Viladonga é, sen dúbida, un dos castro máis relevantes, non só do noroeste, senón de todo o centro e do norte peninsular. Isto débese a varios factores: en primeiro lugar, é un dos castros que conta cunha historiografía máis complexa e completa, e dos máis amplamente escavados (VIGIL-ESCALERA y TEJERIZO GARCÍA, 2014). En segundo lugar, trátase de todo un referente da xestión do patrimonio e da musealización da arqueoloxía (ARIAS VILAS, DURÁN FUENTES, BASTOS BERNÁRDEZ, y VARELA ARIAS, 2013). En terceiro lugar, foi un dos primeiros sitios do noroeste peninsular onde se recoñeceu as ocupacións romanas e tardías, posibilitando todo un cambio de paradigma nas interpretacións sobre a rede do poboamento no Imperio Romano e na época sueva (ARIAS VILAS, 1996; LOVELLE y LÓPEZ QUIROGA, 2000). En último lugar, a ampla extensión escavada permitiu a exhumación dunha das máis importantes coleccións de obxectos arqueolóxicos asociada a un castro con este tipo de ocupacións tardías, destacando o importante conxunto conxunto cerámico recuperado, único no contexto historiográfico peninsular.

 

Cerámica do Castro de Viladonga. Debuxos de Sputnik Labrego

Con todo, non son moitas as análises e publicacións sobre esta colección, existindo unicamente dúas publicacións específicas: unha sobre as producións de sigillata exhumada nas escavacións dos anos 70 (CAAMAÑO GESTO y LÓPEZ RODRÍGUEZ, 1984); e outra sobre as producións prehistóricas (DORREGO MARTÍNEZ y RUBIERO DA PENA, 1998). O resto das publicacións nas que aparecen referencias ás cerámicas do sitio corresponden ás publicacións sobre as escavacións no castro (por exemplo ARIAS VILAS, 1985; CHAMOSO LAMAS, 1977), no catálogo do xacemento publicado polo museo (ARIAS VILAS, et al., 2013) ou coma parte de análises máis xerais (por exemplo GONZÁLEZ RUIBAL, 2006-2007; JUAN TOVAR, 2012a). Existe, porén, unha importante tarefa por facer para coñecer este importante conxunto que, sen dúbida, achegará moitos datos para a comprensión de múltiples aspectos do pasado, como a tecnoloxía, a vida cotiá ou as relacións comerciais. No marco dun proxecto para o estudo do poboamento en época tardoimperial e sueva no interior da Gallaecia3 tivemos a oportunidade de facer unha revisión de parte do material cerámico do castro, tendo dous obxectivos a desenvolver: analizar as producións cerámicas vinculadas coas fases máis tardías e tentar delimitar con maior precisión as cronoloxías desta última ocupación. Esta é datada por outros autores de forma xenérica entre os séculos II e V d.C., mais consideramos susceptíbel de se poder precisar. A análise realizouse entre o 25 e o 31 de maio de 2017 no Museo do Castro de Viladonga (a cuxo personal estamos máis que agradecidos polas facilidades para a consulta) e centrouse naquelas campañas de escavación que contaban cun rexistro estratigráfico, para poder realizar unha análise contextual da cerámica.

Nas próximas entradas, presentaremos as principais producións e as súas características máis importantes. Comezamos cunha das producións máis relevantes dos contextos romanos tardíos, a coñecida como Terra Sigillata Hispánica Tardía.

Sigillatas tardías de Viladonga (Caamaño Gesto y López Rodríguez, 1984).

O conxunto de sigillata tardía documentada ascende a 123 fragmentos (5% do total da cerámica tardía analizada). A este pequeno grupo hai que sumar os arredor de 80 fragmentos publicados no traballo de Caamaño e López Rodríguez (CAAMAÑO GESTO y LÓPEZ RODRÍGUEZ, 1984). Pódese polo tanto destacar xa a baixa recorrencia no conxunto, característico dos últimos momentos da súa produción no contexto do norte peninsular a mediados da quinta centuria (VIGIL-ESCALERA, 2013). Son diferenciábeis tres grandes grupos de sigillatas tardías seguindo a clasificación proposta por A. Vigil-Escalera (VIGIL-ESCALERA, 2015). O primeiro grupo correspondería aos fragmentos de TSHT lisa, cun total de 91 fragmentos. Existe unha escasa variedade formal dentro do grupo, correspondendo a maioría dos fragmentos a formas de cunca 37 tardía, sendo posíbel documentar algúns fragmentos de Ritt. 8 e un fragmento de cunca Palol 10 ou Palol 8 (CAAMAÑO GESTO y LÓPEZ RODRÍGUEZ, 1984, 176; Fig.176, peza 156). Todas as formas de TSHT lisa en Viladonga son, polo tanto, abertas e asociadas fundamentalmente a cuncas. A datación destas formas é moi xenérica, cubrindo todo o século IV e a primeira metade do século V d.C. O segundo grupo de sigillatas correspondería a aquelas pezas decoradas a molde, das cales
puidéronse documentar 28 fragmentos no conxunto analizado máis as xa publicadas por Caamaño e López Rodríguez. Neste grupo a variedade decorativa na TSHT tampouco é especialmente diversificada. Documéntase fundamentalmente decoracións a base de círculos secantes con ángulos e barras sinuosas, en algunha ocasión divididas en frisos. Todas son encadrábeis no denominado “segundo estilo” de Mayet ou grupo 2A/B de Vigil-Escalera. Segundo a revisión deste último autor, estas producións débense datar xa a partir do último carto do século IV, non superando en ningún caso a metade do século V d.C. (VIGIL-ESCALERA, 2015, 104).

Sigillata tardía estampillada. Fotografía de Sputnik Labrego

No terceiro grupo de sigillatas é posíbel distinguir un mínimo conxunto (4 fragmentos) correspondente a pezas decoradas mediante motivos estampados. Todas estas son formas de cuncas 37 tardías e se presentan mediante semicírculos formados por pequenas liñas rectas (07-578 y 96-1861), clasificábel dentro do grupo 4B de Vigil-Escalera. A súa cronoloxía céntrase dentro da primeira metade do século V d.C.


Bibliografía

Arias Vilas, Felipe: «Poblamiento rural: la fase tardía de la cultura castreña», en C. Fernández Ochoa (ed.), Los finisterres atlánticos en la Antigüedad: época prerromana y romana, Gijón: 1996, pp. 181-188.

Arias Vilas, Felipe; Durán Fuentes, María Consuelo; Bastos Bernárdez, Dolores, y Varela Arias, Elena: Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo). Xunta de Galicia, Santiago de Compostela: 2013

Caamaño Gesto, J.M., y López Rodríguez, José Ramón: «Sigillatas del castro de Viladonga (Lugo). I.». Gallaecia, 7-8, 1984, 158-177.

Chamoso Lamas, Manuel. “Las excavaciones del Castro de Viladonga y la problemática que plantean sus resultados”, Actas del Coloquio internacional sobre el Bimilenario de Lugo, Lugo 1977 , pp. 41-46.

Dorrego Martínez, Filomena, y Rubiero Da Pena, Ana María: «Consideracións sobre os temas decorativos na cerámica castrexa de Viladonga». CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 8, 1998, 21-28.

González-Ruibal, Alfredo: Galaicos. Poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (1200 a.C-50 d.C) (Vol. 18). Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña, A Coruña: 2006-2007

Juan Tovar, Luis Carlos: «Las cerámicas imitación de sigillata en el occidente de la Península Ibérica durante el siglo V d.C.», en D. Bernal Casasola y A. Ribera I Lacomba (eds.), Cerámicas hispanorromanas II. Producciones regionales. Universidad de Cádiz, Cádiz: 2012, pp. 97-129.

Lovelle, Mónica R., y López Quiroga, J.: «El poblamiento rural en torno a Lugo en la transición de la antigüedad al feudalismo (ss. V-X)». Cuadernos de Estudios Gallegos, 47, 113, 2000, 53-76.

Vigil-Escalera, Alfonso: Los primeros paisajes altomedievales en el interior de Hispania. Registros campesinos del siglo quinto d.C. Universidad del País Vasco, Bilbao: 2015

Vigil-Escalera, Alfonso, y Tejerizo García, Carlos: «Asentamientos fortificados altomedievales en la Meseta: algunas distorsiones historiográficas», en R. Catalán Ramos, P. Fuentes Melgar y J.C. Sastre Blanco (eds.), Las fortificaciones en la tardoantigüedad. Élites y articulación del territorio (siglos V-VIII d.C.). La Ergástula, Madrid: 2014, pp. 229-245.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s