A produción cerámica en galicia entre a fin do imperio romano e a alta idade media (ii): séculos v e vi d.n.e.

Unha versión estendida destas reflexións pode verse en: Tejerizo García, Carlos, Alonso Toucido, Francisco, y Torres Iglesias, Diego (2021): “Cerámicas del interior de Galicia desde el tardoimperio a la Alta Edad Media (s.V-X/XI d.n.e.): algunos casos de estudio” Pyrenae, 52, 2: pp. 149-185.

Cerámica da Cultura Aguada, no noroeste de Arxentina.

A cerámica é un elemento moi importante nas sociedades pre-industriais. As teorías máis estendidas asocian o nacemento de cerámica aos inicios da agricultura no Neolítico, de xeito que os cereais puidesen ser almacenados e conservados. Porén, desde moi cedo estas cerámicas xogaron papeis moito máis simbólicos e de representación social. Deste xeito, por exemplo, as cerámicas convertéronse nos recipientes para conter os restos dos mortos, ou tamén foron elementos de prestixio que se intercambiaban entre rexións distintas, como ocorre coa cerámica campaniforme ou as cerámicas de culturas latinoamericanas, como a cultura Aguada (600-900 d.n.e.) en Arxentina. As cerámicas, como parte das culturas, recollían parte dos saberes e ideas, expresadas, ás veces, en forma de decoracións, en ocasións moi elaboradas.

Cerámica engobada de Lugo

Como comentamos noutro post, o noso proxecto abordou a tarefa de investigar sobre a secuencia cerámica entre a fin do Imperio Romano e a Alta Idade Media. Como vimos, aínda que existían traballos sobre este tema, non existía unha secuencia completa das producións cerámicas entre os séculos V e X d.n.e. Nos próximos posts describiremos, en síntese, as principais características destas producións.

O século V d.n.e. caracterízase por ser un período de grandes mudanzas políticas e economícas cun reflexo directo sobre a cerámica. A grandes trazos o que se observa é unha tendencia cara á redución das escalas de produción e de distribución, o que implicou a aparición de moitas producións rexionais. Estas producións rexionais o que procuraban era substituír as antigas cerámicas romanas, con especial importancia da coñecida como Terra Sigillata Hispánica Tardía, a cerámica de mesa de luxo producida na península ibérica nos séculos IV e ata a primeira metade do século V d.n.e. Así, na contorna de Galicia, tanto a sigillata como as producións engobadas de Lugo foron substituídas por imitacións vidas de distintos sitios, por exemplo, de cidades como Braga, Astorga ou a meseta Norte. A desaparición definitiva de Terra Sigillata Hispánica Tardía prodúcese cara á metade do século V d.n.e., aínda que pode seguir aparecendo nos contextos, por exemplo nas necrópoles como ocorre no caso do xacemento da Lanzada.

Cerámica do xacemento dos Castros de Mondoñedo

As imitacións de sigillata tamén acabarán por desaparecer co tempo. Aínda que depende da rexión, este tipo de cerámicas deixa de producirse cara á metade do século VI d.n.e. Destes momentos son, por exemplo, os coñecidos pratos de gran tamaño como os que aparecen no contexto de Viladonga, ou os pequenos vasos dun asa e pastas grises. Unha das características máis particulares do noroeste peninsular ten relación coas decoracións. Mentres que noutras partes da península ibérica son comúns as decoracións estampadas, nesta zona é máis común a incisión e o brunido.

Pratos decorados de Viladonga

Porén, o aspecto máis significativo da produción cerámica entre os séculos V e VI d.n.e. é o que Adolfo Fernández e Bartolomé Abraira nomearon como o paso do mundo das cerámicas vermellas cara ás cerámicas escuras de pastas grises (o que chamamos cerámicas redutoras). Este é un proceso que se percibe de xeito moi intenso nas cerámicas comúns de cociña e almacenamiento. O típico dos séculos IV e V d.n.e. é atopar conxuntos moi grandes de cerámicas de pastas laranxas ou vermellas en formas de olas, xerras ou as coñecidas dolias, grandes cerámicas de almacenamento de cereal. Porén, cara a finais do século V e xa dentro da sexta centuria, estas cerámicas son substituídas por cerámicas grises case de xeito completo. As razóns desta mudanza tan importante hai que poñelas en relación con producións cada vez máis locais que utilizan tecnoloxías máis sinxelas, lonxe dos grandes centros de produción de época tardoimperial.

Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte I: estratigrafía)

O castro de Viladonga. Fuente: elpais.com

Recentemente publicamos un artigo na revista SPAL (que podedes ver aquí) titulado “¿Continuidad o discontinuidad en los castros del noroeste? Una revisión de la secuencia del yacimiento de Viladonga”. Nel facemos unha revisión da secuencia de ocupación deste importante xacemento a partir dunha análise do material e das memorias das últimas campañas de escavación (aproveitamos aquí para agradecer a boísima atención recibida polo Museo do Castro de Viladonga, un sitio que recomendamos visitar). Unha das afirmacións máis polémicas nese artigo foi que, baixo a nosa proposta, o sitio desocupouse entre os séculos II e IV d.n.e., para volver ocuparse no fin do século IV ou principios do século V d.n.e. Sigue leyendo “Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte I: estratigrafía)”