Texto extraído do artigo: TEJERIZO GARCÍA, C., RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, C., y FERNÁNDEZ PEREIRO, M. (2018): “Materiais cerámicos tardíos (ss. IV-VI d.C.) no castro de Viladonga”. CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 28, 36-52 (descarga aquí).
Cerámicas de Imitación de Sigillata (CIS).
Ao longo dos séculos quinto e sexto documéntase a presenza en toda a península ibérica dunha serie de producións cuxo nexo común é a intencionalidade para imitar as formas de sigillata do baixo imperio nun momento no que esta xa se deixara de producir nos principais centros oleiros da conca do Douro. Este conxunto de imitacións de sigillata foron estudadas e sistematizadas nos traballos de L. C. Juan Tovar baixo a categoría de «Cerámicas de Imitación de Sigillata» ou CIS (JUAN TOVAR, 2012a, 2012b; JUAN TOVAR y BLANCO GARCÍA, 1997). As súas principais características son a diversidade tecnolóxica, a imitación, sobre todo nos seus primeiros momentos, das formas típicas de Terra Sigillata Hispánica Tardía ou Terra Sigillata Africana como son os pratos e as cuncas, e unha decoración baseada nos estampados ou, en certas zonas, nas incisións. Unha das características máis sobresaíntes do conxunto cerámico de Viladonga é, precisamente, a presenza dunha importante variedade de producións de imitación de sigillata, feito xa recoñecido nas publicacións xerais sobre o castro (ARIAS VILAS, et al., 2013). Porén, non son moitos os fragmentos atopados no conxunto analizado, reducidos unicamente a 7 (0,29% do total) o que mostraría unha limitada presenza durante a ocupación tardía no castro. A análise das cerámicas de imitación puido completarse co estudo da resto da colección. A maioría das pezas foi recoñecida do conxunto exposto na colección permanente6, onde se puido distinguir dous tipos diferenciados de producións de imitación de sigillata.
En primeiro lugar, documéntase producións de CIS de cocción mixta e engobe pardo-alaranxado, coñecidana literatura tamén como “sigillata anaranjada” ou “sigillata avellana”, quizá cunha orixe na imitación da sigillata africana (CABALLERO ZOREDA y ARGENTE OLIVER, 1975; HAYES, 1972; MAÑANES PÉREZ, 1979). Asociada a este tipo de produción localizáronse algunhas formas de Hisp 74-Palol 4, moi comúns nos contextos tardíos do centro e norte peninsular (CENTENO CEA, PALOMINO, y VILLADANGOS, 2010; JUAN TOVAR, 2012a; PAZ PERALTA, 2013). Dúas pezas presentes na colección permanente son representativas de esta produción. Un prato de borde lixeiramente exvasado con decoración incisa de liñas paralelas na parte central asociado a dous círculos concéntricos. Fóra do segundo círculo, as liñas combínanse formando pequenos triángulos que rodean o círculo. Formalmente é similar ás producións catalogadas por J. L. Tovar como “CIS engobadas rojas bracarenses” (JUAN TOVAR, 2012b, 115) e moi similar a forma Hayes 60, moi presente en contextos tardíos na Gallaecia, como en Toralla (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, PÉREZ LOSADA, y VIEITO COVELA, 2008). A outra peza corresponde a unha tapadeira con decoración incisa e estampada mediante palmetas e puntos formando círculos moi similar a algúns exemplares atopados en Castro Ventosa (DÍAZ ÁLVAREZ y GARÍN, 1999).
A segunda produción de imitación de sigillata correspondería á chamada sigillata gris, moi posiblemente como imitación rexional das producións “paleocristiás” do sur de Francia, se ben non existe un consenso a este respecto (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016; RAYNAUD, 1993; VIGIL-ESCALERA, 2013). A presenza desta produción en Viladonga é moi escasa, reducida a dúas cuncas: primeiro, a peza 07-574; e a segunda un exemplar da colección permanente. Ambas recordan, con lixeiras variacións, á forma 5 de Rigoir, datada xenericamente entre moi finais do século IV d.C. até finais do século VI d.C. (RAYNAUD, 1993; RIGOIR, 1968), mais que consideramos mellor encadrada dentro da segunda metade do século V d.C. para o conxunto de Viladonga.
Esta forma é moi común nos repertorios cerámicos coñecidos, con paralelos en xacementos como El Castillón (SASTRE BLANCO, CATALÁN RAMOS, y FUENTES MELGAR, 2014), Braga (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016, 76), e é tamén moi similar ás formas 6 ou 11 recoñecidas en Astorga (PAZ PERALTA, 2013). Todas elas están datadas na segunda metade do século V d.C. Igualmente, dentro destas producións de imitación grises, cabe mencionar un prato con decoración incisa (moi similar á decoración xa descrita para o prato alaranxado) de características moi similares as producións de “gris fina tardía lucense” analizadas por Fernández y Bartolomé (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016, 77-78) e tamén as fontes do tipo EP7 procedentes dos talleres lucenses (ALCORTA IRASTORZA, 2001, 357).
Cerámica redutora a torno: semidepurada e depurada.
Ao longo dos séculos V e VI d.C., mais con antecedentes xa en momentos previos, documéntase nos contextos cerámicos do norte peninsular a presenza cada vez maior das producións baseadas nas coccións redutoras (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016; TEJERIZO GARCÍA, 2016; VIGIL-ESCALERA, 2007). Estas recibiron diversos nomes e filiacións, sendo moi común atopalas, no contexto do noroeste peninsular, baixo a categorías como “cincentas tardías” ou “cincentas tardías comúns” (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016; GASPAR, 2003; MARTÍNEZ PEÑÍN, 2013).
En Viladonga, a súa aparición é lonxe de ser testemuñal, sendo unha das producións máis comúns dos contextos tardíos. As cerámicas redutoras representan cerca do 35% do conxunto total da cerámica do sitio, podéndose distinguir ata tres variedades: unha máis depurada (TRA/TRC; 7,28%); outra de pouca depuración (TRB; 26,45%); e finalmente un pequeno conxunto de cerámica de pastas micáceas (TRB1; 0,99%).
As formas máis depuradas parecen vincularse principalmente a formas abertas tipo cuncas ou pratos de pequeno tamaño, en ocasións con formas carenadas (por exemplo, 07-751), moi típicas do século VI d.C. (PAZ PERALTA, 2013; TEJERIZO GARCÍA, 2016; VIGIL-ESCALERA, 2003). Tamén se atoparon formas de xerra de pescozo alongado e corpo globulado, que soen recibir decoracións de liñas brunidas verticais xunto a acanaladuras e incisións (por exemplo, 08-154, 06-37, 07-791 ou 96-1121 e 1122). É interesante a nula presenza de decoración estampada nestas producións redutoras, moi comúns nos contextos do centro peninsular (GOZALO VIEJO, GONZALO GONZÁLEZ, y BLANCO GARCÍA, 2013; JUAN TOVAR, 2012a). Pola súa parte, as producións pouco depuradas asócianse maiormente ás formas pechadas tipo olas de borde volto e redondeado ou lixeiramente biselado e corpo globular. Algunhas formas destas cadeas presentan lixeiras carenas e resaltes, como a forma 07-665 que, a súa vez, teñen unha decoración a base de liñas curvas incisas.
Unha forma especialmente recorrente no repertorio cerámico analizado e na colección permanente son uns pequenos vasos con pé resaltado, de cocción redutora de pastas depuradas (con presenza de moita mica prateada) e brunidos ben definidos na cara exterior das pezas. Este grupo xa foi abordado por Fernández e Bartolomé no seu traballo da cerámica tardía do nordeste sendo agrupadas baixo a categoría de GT12 de “fondos resaltados”. Estes autores remarcan a variedade dos pés resaltados, coma no caso de Viladonga, dende pés alongados e de forma troncocónica ata os máis planos e curtos. Baseados noutros estudos do centro e noroeste peninsular, proponse unha datación centrada na segunda metade do século V e inicios do VI para estas producións (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016, 86-87; VIGIL-ESCALERA, 2013).
Producións a man.
Por último, cabe facer mención a un pequeno conxunto de producións realizadas a man, asociadas principalmente a fontes destinadas principalmente para a cociña. As súas principais características formais serían o seu grande tamaño (entre 24 e 34 cm. de anchura de boca), a presenza dun fondo moi plano, e unha parede vertical moi engrosada (por exemplo, 69-118; 96-1318 ou 08-128). A factura, como corresponde á cerámica de cociña, é pouco coidada con pastas pouco depuradas e desengraxantes de grande tamaño. Trátase dunha forma tamén documentada dentro das producións engobadas (ver máis arriba).
Estas formas a man son moi comúns nos repertorios cerámicos dende os primeiros séculos da nosa era, mais aparecen de forma reiterada nos conxuntos de época tardía en todo o norte peninsular (TEJERIZO GARCÍA, 2016). Por exemplo, no contexto de Astorga foi documentada en cantidades moi significativas e nomeada como fonte forma 2 e datada, como o resto do contexto, fundamentalmente dentro da quinta centuria (PAZ PERALTA, 2013, 226-227).
Bibliografía
Alcorta Irastorza, E. J. 2001: Lucus Augusti (vol. II): cerámica común de cocina y mesa hallada en las excavaciones de la ciudad. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña.
Arias Vilas, F., Durán Fuentes, M. C., Bastos Bernárdez, D., y Varela Arias, E. 2013: Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo). Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.
Caballero Zoreda, L., y Argente Oliver, I. 1975: «Cerámica paleocristiana, gris y anaranjada, producida en España», Trabajos de Prehistoria 32 1: 113-150.
Centeno Cea, M. I., Palomino, Á. L., y Villadangos, L. M. 2010: «Contextos cerámicos de la primera mitad del s.V en el interior de la Meseta. El yacimiento de Las Lagunillas (Aldeamayor de San Martín, Valladolid)», Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología LXXVI: 91-144.
Díaz Álvarez, I., y Garín, A. 1999: «Estudio de los materiales arqueológicos de Castro Ventosa», Estudios Bercianos 25: 74-95.
Fernández Fernández , Adolfo, Pérez Losada, Fermín, y Vieito Covela, Santiago 2008: “Cerámica fina de importación en Toralla (Vigo): abastecimiento y consumo en una villa costera atlántica tardorromana”, en C. FERNÁNDEZ OCHOA, V. GARCÍA ENTERO y F. GIL SENDINO (Eds.), Las “villae” tardorromanas en el Occidente del Imperio: Arquitectura y función. IV Coloquio Internacional de Arqueología en Gijón, Oviedo: 575-586.
Fernández Fernández, A., y Bartolomé Abraira, R. 2016: «Cerámicas tardoantiguas en el noroeste de la Península (Galicia y norte de Portugal): entra la importación y el artesanado local/regional», J. A. Quirós Castillo y A. Vigil-Escalera (Eds.), Universidad del País Vasco, Bilbao, 69-111
Gaspar, Alexandra. 2003: “Cerâmicas cinzentas da antiguidade tardía e alto-medievais de Braga e Dume”, en L. CABALLERO ZOREDA, P. MATEOS CRUZ y M. RETUERCE (Eds.), Cerámicas tardorromanas y altomedievales en la Península Ibérica, Mérida: Instituto de Arqueología de Mérida, 2003, pp. 455-481.
Gozalo Viejo, F., Gonzalo González, J. M., y Blanco García, J. F. 2013: «El Cerro Tormejón (Armuña, Segovia). Análisis de sus materiales cerámicos tardoantiguos», CuPAUAM 39: 151-182.
Juan Tovar, L. C., y Blanco García, J. F. 1997: «Cerámica común tardorromana, imitación de sigillata, en la provincia de Segovia», Archivo Español de Arqueología 70: 171-219.
Juan Tovar, L. C. 2012a: «Las cerámicas imitación de sigillata en el occidente de la Península Ibérica durante el siglo V d.C.», D. Bernal Casasola y A. Ribera I Lacomba (Eds.), Cerámicas hispanorromanas II. Producciones regionales, Universidad de Cádiz, Cádiz, 97-129.
Juan Tovar, L. C. 2012b: «Las cerámicas imitación de sigillata (CIS) en la Meseta Norte durante el siglo V. Nuevos testimonios y precisiones cronológicas», C. Fernández Ibáñez y R. Bohigas Roldán (Eds.), In durii regione romanitas. Homenaje a Javier Cortes, Santander/Palencia, 365-372
Hayes, J. W. 1972: Later roman pottery. Critish School at Rome. London.
Mañanes Pérez, T. 1979: «La cerámica tardorromana-visigoda, anaranjada y gris, con decoración estampada en la España Nor-Occidental», Publicaciones de la Institución Tello Téllez de Meneses 43: 213-250.
MARTÍNEZ PEÑÍN, Raquel. 2013: “Estudio preliminar de las producciones cerámicas tardoantiguas y altomedievales localizadas en la ciudad de Braga (Portugal)”, Estudios Humanísticos. Historia, 2013, 12, 65-89.
Paz Peralta, J. A. 2013: «La vajilla de cerámica hispánica tardía gris y naranja en Asturica Augusta (Astorga, León). Conjunto C» Ex Officina Hispana. Cuadernos de la SECAH, 1, La Ergástula, Madrid, 217-256
Rigoir, J. 1968: «Les sigillées paléochrétiennes grises et orangées», Gallia XXVI: 177-244.
Raynaud, C. 1993: «Céramique Estampée grise et orangée dite «derivée de sigillée paléochrétienne»», Lattara 6: 410-418.
Sastre Blanco, J. C., Fuentes Melgar, P., y Rodríguez Monterrubio, Ó. 2014: «El poblado fortificado de El Castillón en el contexto del siglo V d.C», R. Catalán Ramos, P. Fuentes Melgar y J. C. Sastre Blanco (Eds.), Las fortificaciones en la tardoantigüedad. Élites y articulación del territorio (siglos V-VIII d.C), La Ergástula, Madrid, 353-368
Tejerizo García, C. 2016: «Construyendo la casa por los cimientos: consideraciones acerca de la cerámica de la primera Alta Edad Media en la parte central de la cuenca del Duero», J. A. Quirós Castillo y A. Vigil-Escalera (Eds.), La cerámica de la Alta Edad Media en el cuadrante noroeste de la Península Ibérica (siglos V-X), Universidad del País Vasco, Bilbao, 229-254
Vigil-Escalera, A. 2007: «Algunas observaciones sobre las cerámicas «de época visigoda» (ss. V-IX d.C) de la región de Madrid», A. Malpica Cuello y J. C. Carvajal (Eds.), Estudios de cerámica tardorromana y altomedieval, Granada, 359-382
Vigil-Escalera, A. 2013: «Las últimas producciones de TSHT en el interior peninsular», Ex officina hispania. Cuadernos de la SECAH 1: 11-24.