Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte I: estratigrafía)

O castro de Viladonga. Fuente: elpais.com

Recentemente publicamos un artigo na revista SPAL (que podedes ver aquí) titulado «¿Continuidad o discontinuidad en los castros del noroeste? Una revisión de la secuencia del yacimiento de Viladonga». Nel facemos unha revisión da secuencia de ocupación deste importante xacemento a partir dunha análise do material e das memorias das últimas campañas de escavación (aproveitamos aquí para agradecer a boísima atención recibida polo Museo do Castro de Viladonga, un sitio que recomendamos visitar). Unha das afirmacións máis polémicas nese artigo foi que, baixo a nosa proposta, o sitio desocupouse entre os séculos II e IV d.n.e., para volver ocuparse no fin do século IV ou principios do século V d.n.e.

Esta afirmación é controvertida, e xa recibimos algunhas opinións contrarias, sempre lexítimas, claro está. Isto é moi bo, xa que mostra, por un lado, a seriedade da nosa proposta e, doutro lado, o interese en expor argumentos e datos para confirmar ou refutar as hipóteses e afirmacións alí escritas. É así como a ciencia avanza e non temos nengún problema en rectificar se os datos así o din. Porén, queremos explicar e xustificar esta posición, baseándonos na nosa investigación. Nos próximos catro posts tentaremos expor as nosas hipótesis respecto disto. Farémolo mediante catro temas: a estratigrafía do xacemento, a cerámica, a cuestión das moedas e as implicacións históricas da nosa proposta.

Escavacións antigas en Viladonga. Fuente: https://viladonga.xunta.gal

Unha das características que definen o castro de Viladonga é a súa longa historiografía. Descuberto a inicios do século XX, o xacemento foi obxecto desde os 70 de moitas campañas de escavación, que inclúen aquelas feitas polo gran Chamoso Lamas. A maioría da extensión foi escavada por Chamoso mediante unha metodoloxía, pioneira no seu tempo, pero problemática para os estudos estratigráficos actuais. Baseado na metodoloxía proposta polo arqueólogo inglés Mortimer Wheeler, o arqueólogo dividiu o xacemento en distintas cuadrículas e escavounas desde a superficie ata abaixo, esgotando (case) as estratigrafías de cada unha das cuadrículas. Todo o material atopado nelas xuntouse en bolsas correspondentes a cada cuadrícula e, en caso de ter máis dunha fase de ocupación no sitio, esta non se distinguiu.

Planimetría de Viladonga cos sectores escavados por campañas (ata 2016).

Afortunadamente, as metodoloxías, como a propia ciencia, mudan e melloran. Nas últimas campañas de escavación no castro levadas a cabo por AXA Arqueoloxía e Terra Arqueos usouse unha metodoloxía estratigráfica que permite, potencialmente, recoñecer mudanzas e fases na estratigrafía. Entre os anos 2006 e 2008 escavouse no sector Surleste do castro, nunha zona non intervida ata ese momento, polo que tiñamos a oportunidade de ver a secuencia sen os problemas das escavacións antigas. Nestas campañas escaváronse ata tres unidades domésticas de formato cuadrangular, baixo as cales asomaban estruturas circulares que non se escavaron.

Muíños reutilizados na cimentación das estruturas

Varias cuestións son moi interesantes de resaltar aquí. A primeira é a propia aparición de dúas fases de estruturas, sinalando entón a presenza de, polo menos, dúas grandes fases diferentes de ocupación no sitio e cun momento de mudanza entre unha e a outra. A segunda idea é que os edificios cuadrangulares superiores reutilizan material de estruturas anteriores, mostrado, por exemplo, no uso de muíños de man nos muros. Isto mostraría a reutilización masiva de material doutras estruturas, posiblemente abandonadas. A terceira cuestión é que todo o material atopado nestas estruturas superiores foi moi coherente, e que permite datar o contexto estratigráfico de uso delas xa dentro do século V d.n.e. Material que inclúe un pequeno tesouro de moedas cuxa moeda máis moderna (e, polo tanto, a que data o momento de deposición do tesorillo) é do emperador Teodosio I e, entón, de fins do século IV d.n.e. Por debaixo destas estruturas e, polo tanto, na fase previa, só atopamos material pre-romano que podemos datar no momento do cambio de era. Un potencial hiato entre unha fase e outra comeza a mostrarse.

Estructura 1 da entrada leste do xacemento. Pódese ver que está sobre outra estrutura anterior

Por outro lado, o conxunto de datacións por Carbono 14 que, no momento da publicación do artigo (no último número da revista CROA publicáronse tres datacións máis, pero que non contradin a nosa hipótese), se fixeron no castro tamén mostrarían a presenza destas dúas grandes fases de ocupación. Doutro xeito, non hai polo momento datacións que mostren ocupacións entre os séculos II e IV d.n.e. mentras que si hai unha datación que mostraría un momento de abandono probablemente no século VI d.n.e. Porén, esta datación atopouse no camiño da entrada leste, polo que aínda podería haber dúbidas sobre o momento da última ocupación no castro.

Datacións radiocarbónicas en Viladonga publicadas ata 2016

Todo isto leva a pensar na presenza de, ao menos, dúas grandes fases de ocupación no castro, e a presenza dun potencial momento de abandono, sexa máis longo ou máis curto no tempo, no que se reconstruíron de forma integral as unidades domésticas do sitio reutilizando material dos edificios previos. Dada a falta de datacións absolutas específicas sobre os momentos de ocupación desta última fase, a única ferramenta que temos para corroborar ou refutar esta hipótese é a análise dos contextos estratigráficos e o material atopado neles. Especialmente, a cerámica, o vidrio e as moedas son relevantes no caso de Viladonga. Pero isto é para outro episodio…

Proposta de matrix Harris do sector analizado na que se formula a hipótese de dúas fases cun momento de abandono

CONTINUARÁ

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s