
Nun artigo Álvaro Arizaga e Xurxo Ayán escriben que os castros teñen moitas vidas porque en cada época se recuperan e se pensan de maneiras distintas. Viladonga é un castro situado na provincia de Lugo cunha longa secuencia de ocupación e de escavación. Dende que en 1911 unha parella de labregas, Pilar Palmeiro e José Abelleira, atoparan dous torques de ouro, o interese polo castro foi en aumento. Nos anos 70, Chamoso Lamas fixo as primeiras excavacións continuadas despois por Felipe Arias e distintas empresas de arqueoloxía. Corenta anos de intervencións que continúan hoxe e que desvelan as múltiples facetas dun xacemento único (http://intervencionviladonga17.blogspot.com/).

Os nosos traballos sobre o material cerámico do castro son outra forma de pensar o castro e os seus habitantes, dándolles vida hoxe. A través do material cerámico non só podemos comprender mellor a vida cotiá da xente do pasado, senón tamén analizar as formas de producir, as redes comerciais e os camiños de distribución dun dos elementos más comúns nos xacementos: a cerámica. Podemos aínda saber os momentos de ocupación dun sitio, xa que os distintos tipos de cerámica son producidos en períodos de tempo concretos.
No marco do proxecto Sputnik Labrego puidemos facer unha revisión do material cerámico dalgunhas campañas de escavación no castro. Concretamente, analizamos un conxunto de máis de 5500 fragmentos que proporcionaron moita información sobre o pasado do xacemento. Este conxunto pódese dividir en dous grandes grupos: as cerámicas prehistóricas de época castrexa e os materiais máis tardíos. Hoxe falaremos un pouco dos últimos que, cremos, pódense datar entre os séculos cuarto e sexto, grosso modo, é dicir, nos últimos momentos de dominación romana da zona e na época sueva.
A primeira cousa que chama a atención no conxunto cerámico é a grande cantidade de tipos cerámicos distintos, que mostran a importancia de Viladonga e a capacidade dos seus habitantes de percibir produtos de lonxe. Un dos máis coñecidos é a chamada Terra Sigillata Hispánica Tardía (TSHT), unha produción típica dos séculos cuarto e quinto e que se fai nos obradoiros instalados no río Douro, mais que ten unha moi grande área de distribución por todo o noroeste. En Viladonga hai un conxunto pequeno pero significativo desta cerámica, en parte xa traballada polos arqueólogos Caamaño e López (o seu artigo pódese ler aquí), e que mostra as típicas formas da cerámica da época, sobre todo da chamada forma 37 tardía, unha cunca que se decoraba con distintos motivos a molde e con estampados a selo. Entre os motivos máis repetidos están os círculos concéntricos, os motivos vexetais e tamén as medias lúas.
Un conxunto moi significativo de cerámicas en Viladonga son as imitacións doutras producións que non arribaban a gran parte da península ibérica durante estes momentos. Falamos por exemplo das cerámicas de imitación das producións do sur de Francia, moi características pola súa cocción redutora, que deixa as cerámicas cunha cor gris ou negra. As cuncas con formas carenadas e baixas ou os pratos con decoración estampada no centro son algunhas das cerámicas típicas deste período e que atopamos en múltiples sitios similares a Viladonga, como a importante cidade de Astorga o no castro de El Castillón, en Zamora. É moi posibel que estas cerámicas foran as cerámicas de luxo da segunda metade do século quinto e primeiros momentos do século sexto. Tamén se atoparon algúns fragmentos de cerámica africana de importación, así como ánforas que mostrarían a continuidade do comercio na época sueva no interior da Gallaecia, posibelmente a través dos ríos como o río Sil.

Un grupo moi importante de cerámica son as engobadas. O engobe é un recubrimento da cerámica aplicado en forma líquida antes da cocción co propósito de illar ben a cerámica, aínda que tamén se utilizaba como forma decorativa. As cerámicas engobadas son unha produción moi típica do noroeste peninsular, e feita en grandes cantidades na cidade de Lugo desde o século primeiro ata o século quinto, segundo os estudos de Enrique Alcorta. En Viladonga, na época sueva, aínda se reciben estas producións en forma de grandes pratos con decoración estampada ou tamén en grandes fontes destinadas a cociña.
Finalmente, un dos grupos máis importantes é, loxicamente, a cerámica común. Neste grupo é típica a aparición de olas, de xerras e tamén de grandes contedores para almacenaxe. É especialmente interesante a presenza de motivos decorativos mediante bruñidos, característicos xa dos momentos finais do século quinto e da primeira metade do século sexto.
A pesar da imaxe dun mundo inestable e perigoso, as cerámicas de Viladonga mostran a presenza dun comercio moi activo durante os séculos quinto e sexto e tamén o castro como un lugar central da articulación do territorio. Un exemplo da súa importancia e da existenza das élites do momento é o magnífico conxunto de moedas presentes no xacemento, máis de 2000 segundo os últimos estudos. A cultura material e a arqueoloxía desvelan la importancia do castro de Viladonga diante esta «segunda vida» dos castros da antiga Gallaecia.