Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte IV: a interpretación)

Nos pasados posts defendemos a hipótese de que o coñecido castro de Viladonga foi abandonado entre os séculos II e IV d.n.e. para volver ocuparse nos momentos finais do século IV e, sobre todo, no século V. Baseados nos estudos da cultura material, a cerámica, a estratigrafía e as moedas, presentamos todos os datos que nos permitían defender esta hipótese. Todo o razoamento pódese ler neste artigo que deixamos aquí. Agora toca a parte máis importante: preguntar polas razóns deste abandono e as consecuencias históricas que implica.

A implantación do Imperio Romano e as súas dinámicas económicas tiveron un forte impacto sobre as comunidades que vivían previamente no territorio incorporado ao imperio. A lóxica económica do imperio baseábase nunha explotación intensiva do territorio artellada en torno a distintas cidades e contornas secundarias que recollían o produto do campo e o distribuían polo imperio. Por exemplo, o pagamento aos exércitos, a annona, foi un dos máis importantes acaparadores de gran e de gando. Dentro desta lóxica, os castros xogaron un papel cada vez menos importante, e a poboación abandonou progresivamente estas contornas. Por exemplo, o castro de Formigueiros foi abandonado definitivamente a finais do século I d.n.e. e non foi ocupado outra vez. No caso de Viladonga, a estratigrafía mostra que durante o século I houbo aínda ocupación. Incluso se construíron varias estruturas na zona leste do sitio. Porén, e como defendemos, o sitio abandonouse no século II d.n.e.

E onde foi toda esta poboación? É verdade que temos moi pouca información ao respecto, pero é moi posible que parte desta xente vivise e traballase nas contornas da vila de Doncide. Esta vila sitúase a poucos quilómetros do sitio, aínda que só se coñece a existencia dun mosaico asociado ao xacemento, que indicaría unha ocupación durante os séculos III e IV d.n.e. Polo que sabemos deste tipo de sitios, normalmente os seus dependentes vivían na contorna inmediata, como sabemos doutras vilas como La Olmeda, ou Carranque. Xente que cultivaría os terreos da vila, máis proximos do seu lugar de traballo diario.

Reconstrucción de la villa romana de La Olmeda. Fuente. villaromanalaolmeda

Este sistema mantívose ata a segunda metade do século IV d.n.e., momento no que comezamos a ver no rexistro arqueolóxico mudanzas moi significativas. Por exemplo, algúns edificios públicos das cidades romanas transfórmanse en zonas produtivas ou en casas privadas. Tamén se nota a través da cerámica unha progresiva contracción das redes de abastecemento. Estas mudanzas tiveron un momento de aceleración no século V, e a ocupación masiva de asentamentos fortificados foi un dos procesos máis visibles nas paisaxes (como xa comentaramos noutro post).

Ocupacións fortificadas do século V d.n.e. no centro e norte peninsular

É neste contexto no que a re-ocupación de Viladonga ten máis sentido. O momento de incerteza política e social que caracterizou o inicio do século V pensamos que é a causa de que a xente decidise volver ao castro. Como xa dixéramos, as invasións bárbaras xogaron o seu papel, pero é tamén moi importante ter en conta os intereses das elites locais e territoriais en manter o seu poder nun momento de derrubamento do Estado romano.

E que implicaría que a nosa hipótese fora certa? O primeiro sería a revisión exhaustiva doutros contextos similares onde se pensa que houbo unha ocupación continuada entre a época castrexa e o mundo tardorromano. Sitios como San Cibrán de Las, Fazouro ou Castrolandín deberían ser revisados á luz das novas investigacións para coñecer mellor as súas secuencias de ocupación. Deste xeito, as novas escavacións no sitio de Santomé apuntan a cronoloxías moi similares ás que nós apuntamos para Viladonga.

Castro de San Cibrán de Las

En segundo lugar, implicaría reconsiderar a importancia da reocupación dos asentamientos fortificados no noroeste como un fenómeno particular e propio. Neste sentido, conceptos como o do “galaico-romano” adquirirían unha nova dimensión, máis alá dunha categorización atemporal e cultural.

Por último, habería que estender as análises a outras materialidades destes asentamentos, como as estruturas domésticas ou as relacións de xénero. Só mediante unha secuencia crítica dos sitios poderemos facer unha historia de calidade e unha interpretación científica destes importantes centros de poboamento que artellaron as relacións sociais no pasado.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s