
Texto extraído do artigo: TEJERIZO GARCÍA, C., RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, C., y FERNÁNDEZ PEREIRO, M. (2018): «Materiais cerámicos tardíos (ss. IV-VI d.C.) no castro de Viladonga». CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 28, 36-52 (descarga aquí).
Cerámica Común Romana e Ánforas
Baixo a categoría de “Cerámica Común Romana” (CCR) inclúense aquelas producións feitas mediante torno rápido, de cocción plenamente oxidante ou mixta máis oxidante cara ao exterior. Dentro deste conxunto diferenciamos unha variedade máis depurada (CCRA), posiblemente asociada ás producións destinadas a contención de líquidos, e outra con pouca depuración (CCRB), destinada principalmente á cociña. Cabe destacar que esta última é a produción máis numerosa nos contextos tardíos do castro, con máis dun terzo das pezas analizadas (36,15% do total) o que demostra a súa continuidade até os últimos momentos da ocupación imperial do noroeste peninsular.
Debido ao nivel de fragmentación destas producións non se localizaron moitas formas completas no
conxunto analizado. Aquelas que se puideron recoñecer non presentaban variedades formais moi diversas, sendo a gran maioría correspondentes a formas pechadas tipo xerra ou botella, no caso da variedade depurada, e distintas formas de olas na variedade pouco depurada. As formas máis comúns localizadas inclúen olas tipo 1 e 2 de Vegas, grandes contedores tipo 12 de Vegas ou un exemplar completo de xerra monoansada moi similar ao tipo 38.7 de Vegas. Se ben as cronoloxías desta cerámica son moi xenéricas (VEGAS, 1973), a súa presenza en contextos estratigráficos xunto a material claramente tardío permiten datala nestes momentos, mostrando así a continuidade da súa produción e de seu consumo.

Incluímos dentro deste grupo as ánforas localizadas nos contextos analizados. Trátase dun tipo cerámico de moi difícil recoñecemento se non se atopa fragmentos da súa parte superior, do fondo ou das súas características grandes asas. É esta a razón pola que se incluíron por defecto dentro das producións de CCRB. Os escasos fragmentos seguros atopados no conxunto analizado corresponderían as formas máis coñecidas para esta área, como as formas de Keay 62 de orixe africano ou formas béticas de Dressel 23 moi típicas da quinta e sexta centurias. Se ben non se pode descartar, non se atoparon, no conxunto analizado ánforas de orixe oriental tipo LRA 1-3 como si foron documentados noutros contextos do noroeste (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016).
A presenza de ánforas nos contextos tardíos de Viladonga é un importante indicativo da recepción de produtos de importación no sitio. A recepción de mercadorías no norte peninsular decrece radicalmente ao longo da quinta e sexta centurias (LEÓN ASENSIO y BARONA BARONA, 2013), como foi posíbel documentar, por exemplo, en Castro Ventosa (TEJERIZO GARCÍA y VIGIL-ESCALERA GUIRADO, 2017), polo que consideramos que este factor podería relacionarse coa limitada presenza de ánforas no contexto de Viladonga, que mostrarían as últimas fases de recepción de importacións. Porén, os recentes estudos na área de Vigo mostran un panorama máis complexo na zona de costa, onde o comercio de produtos desde Oriente está presente no posíbeis emporia costeiros como Vigo até o século VI d.C. (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, 2013).
Producións engobadas

As producións con presenza de engobados é unha das máis características na contorna da cidade de Lugo (situada a escasos 20 km. de Viladonga), onde foron producidas de forma masiva dende o século I d.C. ata, polo menos, a quinta centuria (ALCORTA IRASTORZA, 2001). A súa extensión xeográfica na contorna lucense, porén, é moi ampla. Documéntase en numerosos contextos da antiga Gallaecia (FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2016, 71) como por exemplo no xacemento de Castro Ventosa (TEJERIZO GARCÍA y VIGIL-ESCALERA GUIRADO, 2017), A Lanzada (BLANCO FREIJEIRO, FUSTÉ ARA, y GARCÍA ALÉN, 1961) ou na zona de Salamanca, onde foi caracterizada como “imitación de cerámica pompeyana” nos contextos tardíos (DAHÍ ELENA, 2012). A longa vida destas producións fan que en Viladonga se atopen formas tipicamente altoimperiais e formas baixoimperiais (ALCORTA IRASTORZA, 2001; ALCORTA IRASTORZA y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2012). Estas últimas serán ás que fagamos aquí referencia.
No momento de ocupación tardío de Viladonga, as engobadas son unha das producións máis numerosas, documentándose un total de 535 fragmentos (22% do total do material tardío). Isto fai desta produción, non só a segunda cuantitativamente máis importante, senón tamén un indicativo da importancia desta produción lucense fóra da capital e da súa comercialización masiva nos séculos IV a VI d.C. Ademais, están presentes na maior parte dos contextos estratigráficos, o que indica que, xunto á cerámica común romana, foi unha das producións máis comunmente utilizadas polos habitantes do castro para cubrir as funcións básicas de súa vida cotiá. Isto contrasta con contextos máis afastados do centro lucense, como Castro Ventosa, onde as producións engobadas representan un 9% do total (TEJERIZO GARCÍA y VIGIL-ESCALERA GUIRADO, 2017, 136-138).
Como xa mostraron os estudos de E. J. Alcorta, atópanse formas moi variadas, tanto abertas como pechadas, nas producións engobadas. No caso de Viladonga localizamos unha significativa variedade formal, con presenza de olas, xerras e botellas como principais formas pechadas e cuncas, vasos ou pratos como as formas abertas máis comúns. Ao igual que a cerámica común romana -e coma case todo o conxunto analizado-, as producións engobadas aparecen moi fragmentadas, polo que son moi poucas as formas completas no rexistro. Neste sentido cabe destacar a forma 08-435, unha cunca de boca ancha e corpo pouco desenvolvido, cunha carena moi marcada e labio lixeiramente exvasado. Esta forma remite a formas tardoimperiais do século IV o V d.C. (ALCORTA IRASTORZA y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2012, 715-721) se ben segundo L. C. Juan Tovar habería que incluílo xa na quinta centuria (JUAN TOVAR, 2012, 28). Igualmente, a forma 07-825 responde no xeral ao tipo EP6 de Alcorta, unha fonte de borde moldurado típico dos contextos tardíos da cidade de Lugo (ALCORTA IRASTORZA, 2001).

Coma parte do conxunto analizado da mostra permanente, dúas formas son especialmente significativas. A primeira é una cunca de corpo globular, labio exvasado e volto e pé lixeiramente desenvolvido moi similar ao tipo 18T de Alcorta e Bartolomé, que imitarían as formas de Palol 8 e que son datadas a partir do século IV d.C. (ALCORTA IRASTORZA y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2012, 719; Figura 713.716). A segunda forma corresponde a unha gran fonte con labio volto e moldurado con decoración estampada interna, sendo engobada toda a forma. Neste caso trátase dunha fonte de imitación das formas de sigillata que formaría parte dun servizo de mesa. Esta foi recoñecida por Alcorta e Bartolomé, asociada a súa forma I59, relacionándoa “con producciones similares de Bracara Augusta” (ALCORTA IRASTORZA y BARTOLOMÉ ABRAIRA, 2012, 719).
Consideramos que todo o conxunto de engobadas tardías do castro de Viladonga se poden situar cronoloxicamente, de forma xeral, entre os séculos IV e V d.C. Porén, a fonte de tipo I59, en tanto que imitación de sigillata, dátase fundamentalmente na metade do século V d.C.
Bibliografía
ALCORTA IRASTORZA, E. J. (2001): Lucus Augusti (vol. II): cerámica común de cocina y mesa hallada en las excavaciones de la ciudad. Fundación Pedro Barrié de la Maza: A Coruña.
ALCORTA IRASTORZA, E. J., y BARTOLOMÉ ABRAIRA, R. (2012): «Muestras de cerámica engobada romana de producción local de Lucus Augusti (Lugo)». En BERNAL CASASOLA, D. y RIBERA I LACOMBA, A. (Eds.), Cerámicas hispanorromanas II. Producciones regionales. Universidad de Cádiz. Cádiz: 699-724
BLANCO FREIJEIRO, Antonio, FUSTÉ ARA, Miguel, y GARCÍA ALÉN, Alfredo. “La necrópolis galaico-romana de La Lanzada (Noalla, Pontevedra)”, Cuadernos de Estudios Gallegos, 1961, 16, 49, 141-158.
DAHÍ ELENA, S. (2012): Contextos cerámicos de la Antigüedad Tardía y la Alta Edad Media (siglos IV-VIII d.C) en los asentamientos rurales de la Lusitania Septentrional (Provincia de Salamanca). British Archaeological Reports: Oxford.
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, A. (2013): O comercio tardoantiguo no noroeste peninsular. Toxosoutos: A Coruña.
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, A., y BARTOLOMÉ ABRAIRA, R. (2016): «Cerámicas tardoantiguas en el noroeste de la Península (Galicia y norte de Portugal): entra la importación y el artesanado local/regional». En QUIRÓS CASTILLO, J. A. y VIGIL-ESCALERA, A. (Eds.). Universidad del País Vasco. Bilbao: 69-111
JUAN TOVAR, L. C. (2012): «Las cerámicas imitación de sigillata en el occidente de la Península Ibérica durante el siglo V d.C.». En BERNAL CASASOLA, D. y RIBERA I LACOMBA, A. (Eds.), Cerámicas hispanorromanas II. Producciones regionales. Universidad de Cádiz. Cádiz: 97-129
LEÓN ASENSIO, C., y BARONA BARONA, M. (2013): «Terra Sigillata Africana D en la Meseta Norte». En SASTRE BLANCO, J. C., CATALÁN RAMOS, R. y FUENTES MELGAR, P. (Eds.), Arqueología en el valle del Duero. Actas de las primeras jornadas de jóvenes investigadores en el valle del Duero. La Ergástula. Madrid: 291-298
TEJERIZO GARCÍA, C., y VIGIL-ESCALERA GUIRADO, A. (2017): «Castro Ventosa y La Cabeza de Navasangil: una revisión de sus secuencias de ocupación y del fenómeno de los asentamientos fortificados altomedievales». Nailos, 4, 129-161.
VEGAS, M. (1973): Cerámica común romana del Mediterráneo occidental. Universidad de Barcelona: Barcelona.