Por que estudar o campesiñado hoxe? Jan Douwe Van der Ploeg e a «recampesiñización» do mundo rural

O obxectivo do noso proxecto é entender de xeito complexo as distintas maneiras e mecanismos que utilizan as sociedades campesiñas pre-industriais para adaptarse, e tamén para resistir, as mudanzas políticas estruturais, fundamentalmente a imposición dos Estados. Aínda que non rexeitamos ningunha fonte para poder facer isto, o noso interese principal son as fontes antropolóxicas e, sobre todo, a arqueoloxía. Como poden os obxectos e a materialidade (a paisaxe, as estruturas domésticas ou os espazos agrarios) darnos información sobre as sociedades campesiñas no pasado? Noutros posts describiremos en profundidade que significa a resistencia, o campesiñado ou o Estado. Porén, aquí facemos unha pregunta máis básica: por que é interesante hoxe estudar as sociedades campesiñas do pasado? Serve para algo? Nós estamos convencidas de que a resposta é afirmativa.

Durante a década dos 90 houbo moitos autores e pensadores que proclamaban a «morte do campesiñado». Por exemplo, o antropólogo americano Michael Kearney afirmaba que a globalización mudou tanto as relacións tradicionais no campo que xa non se podía falar do campesiñado no sentido tradicional do termo. Outros como o antropólogo francés Henry Mendras consideraba que «non existen máis na nosa Europa as civilizacións campesiñas». Esta reacción foi unha constante nuns momentos nos que a industrialización masiva e a globalización mudaban as formas de relación tradicional no mundo rural. A imaxe dos migrantes centroamericanos, antigos campesiños que tiñan que marchar a traballar nas fábricas de Estados Unidos de América.

Porén, a realidade impúxose finalmente. Como mostran os recentes datos, no mundo hai cada vez máis campesiños, e a tendencia parece indicar un aumento no futuro próximo. O campesiñado é diferente, si, pero segue a ser campesiñado. A súa morte foi declarada moi cedo.

Para explicar isto, sociólogos como o holandés Jan Douwe van der Ploeg falan de «novos campesiños». Grupos e economías de pequena escala que ante o avance da agricultura industrial e as grandes corporacións manteñen o seu estilo de vida en países como Holanda, Brasil ou China. Dentro de lóxicas distintas ás grandes industrias, estas sociedades xeran redes de cooperación que lles permiten manter unha produción de xeito alternativo, máis pequeno, pero de gran poder nas grandes cantidades de granxas e unidades domésticas.

Os traballos deste sociólogo, ademais, son interesantes po tres razóns que interesa suliñar aquí. A primeira é que os seus estudos mostran que, en termos de economía de escala, as pequenas granxas campesiñas son máis rendibles que as grandes agroindustrias. Isto é posible, e aquí a segunda razón, grazas á capacidade de adaptación na pequena escala que teñen as granxas campesiñas familiares. Estas coñecen moito máis as condicións locais e isto permite adaptar a produción a cada contorna concreta. Polo tanto, e esta sería a última razón, este tipo de economías non son só beneficiosas en termos económicos, senón tamén para loitar contra o cambio climático e os problemas medioambientais. Por todo isto, van der Ploeg defende a «recampisiñización» de Europa como un mecanismo para confrontar os problemas actuais no mundo rural.

Campo de silos. Unha das materialidades máis relevantes do campesiñado post-romano

Dito isto, parece entón un pouquiño máis claro o interese de estudar as sociedades campesiñas do pasado. Deste xeito, podemos destacar dúas vantaxes. Dun lado, o estudo arqueolóxico permítenos entender mellor os procesos polos que o campesiñado actual é o que é, e as razóns que hai detrás destes procesos históricos. Doutro lado, é unha maneira de poder comparar as solucións que, para problemas similares, tomaron as sociedades campesiñas no pasado. Por medio da arqueoloxía, entón, podemos conectar o presente e o pasado de sociedades que están chamadas a xogar un papel fundamental no futuro.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s