A produción cerámica en galicia entre A fin do imperio romano e a alta idade media (i): historiografía

Non será a primeira nin a última vez que falamos neste blog da importancia da cerámica para o estudo das sociedades do pasado. A cerámica, polas súas características, é un material arqueolóxico que se conserva moi ben no rexistro. A arxila, unha vez cocida no lume, acada unha gran resistencia e, fronte a materiais máis perecedeiros e fráxiles, como a madeira, consérvase ao longo do tempo. É por isto que é un dos obxectos máis numerosos que se atopan nas escavacións desde o Neolítico, momento en que aparecen os primeiros exemplares deste material. A cerámica axúdanos a estudar as sociedades do pasado de dúas maneiras principais. A primeira é a datación dos contextos. A cerámica é un obxecto que muda moito ao longo do tempo e cada época ten as súas cerámicas. Deste xeito, se sabemos como se producen estas mudanzas e cando, podemos saber de cando é un contexto onde se atopa un tipo cerámico concreto. A segunda cuestión que pode ser analizada grazas a cerámica con os sistemas de produción, distribución e consumo, ademais de cuestións máis abstractas, como por exemplo a ideoloxía, as identidades ou o xénero.

O problema coa cerámica en Galicia entre o fin do Imperio Romano e a Alta Idade Media é que non conta con boas seriacións que permitan nin datar os contextos nin analizar os procesos económicos das sociedades deste período e detrás das cerámicas. A dificultade de datar os xacementos impide poder interpretalos correctamente e, en moitas ocasións, aplicar sobre eles conceptos apriorísticos e deterministas, como por exemplo “galaico-romano”. De feito, moitos xacementos escavados que non cadran ben nestes conceptos deterministas e que están nese nebuloso espazo temporal entre o Imperio Romano e a Idade Media -nada máis e nada menos que case oito séculos- son clasificados como “romano-medievais”. Pouco se pode dicir das sociedades deste período con clasificacións tan xerais.

Desde hai tempo o noso grupo está a levar a cabo unha revisión de varios xacementos de Galicia datados entre os séculos V e X d.n.e. co obxectivo de caracterizar a cerámica o mellor posible e construír así unha seriación útil que permita, en primeiro lugar, datar con maior precisión os contextos arqueolóxicos e, en segundo lugar, coñecer de xeito complexa esas sociedades do pasado posromano. Para afrontar este traballo é moi importante saber o punto de partida, facer un traballo historiográfico para, como din, poder estar nos ombreiros de xigantes.

Porén, non hai moitos estudos de cerámica medieval en Galicia, como xa mostraran os traballos de Francisco Alonso, Pilar Prieto ou de Adolfo Fernández. Malia que os primeiros traballos sobre a cerámica medieval en Galicia son de finais de século XIX, relacionados, por exemplo, coas escavacións de López Ferreiro, Chamoso Lamas ou José Guerra en contextos medievais como Iria Flavia (recentemente revisado por Celtia Rodríguez), Torres de Oeste (Catoira) ou a catedral de Santiago, haberá que esperar ata 1975 para atopar a primeira síntese de cerámica medieval en Galicia. Nese ano, Francisco Fariño Bustos identificou dous grandes tipos de producións cerámicas medievais; unha cerámica a torno de superficies coidades e pastas vermellas, e outras chamadas “gris perlada” pola súa cor característica.

Este mesmo autor xunto con Suárez Otero publicou outra síntese en 1988, construíndo sobre a seriación anterior. Porén, estas serán practicamente as únicas sínteses xerais dispoñibles ata a mudanza de século. Neste tempo son moitos os contextos medievais escavados, como por exemplo o castelo da Lúa en Rianxo ou a fortaleza de Rocha Forte. Grazas a estas escavacións e a outras pudieron ser publicados traballos moi importantes para o coñecemento da cerámica deste período, como os de Enrique Alcorta, Roberto Bartolomé Abraria, Adolfo Fernández ou Pilar Prieto.

Coa revisión que fixemos no contexto do noso proxecto e publicado na revista Pyrenae cremos aportar unha primeira síntese das producións cerámicas entre os séculos V e X d.n.e. Síntese que desvelaremos nos seguintes posts.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s