O tesouro de Guarrazar, a grande aventura da arqueoloxía de época visigoda

A arqueoloxía é unha disciplina que co paso dos anos se fixo máis complexa. Grazas ás novas técnicas aplicadas ao estudo do pasado podemos obter datos espectaculares das cousas máis pequenas. Por exemplo, grazas ao ADN ou aos isótopos estables podemos saber a procedencia dunha persoa ou que comeu na súa vida grazas a un pequeno dente. Mais para obter estes datos, fai falta moito traballo previo para atopar os xacementos, escavalos e despois facer todas as análises no laboratorio. Cada dato custa moita suor conseguilo. Porén, hai veces que a sorte permite atopar datos que mudan a nosa percepción do pasado. En calquera caso, a arqueoloxía tórnase unha aventura na procura dese pasado. Sigue leyendo «O tesouro de Guarrazar, a grande aventura da arqueoloxía de época visigoda»

A Ciudad de la Selva na documentación escrita (II): os primeiros grupos de fuxidos na bisbarra

(Texto redactado por Alejandro Rodríguez Gutiérrez e extraído do informe técnico da escavación da Ciudad de la Selva. Campaña 2018)

Co paso dos meses, os grupos de fuxidos comezarán a asentarse dunha maneira máis ou menos estábel, fundamentalmente como consecuencia do coñecemento do terreo e da conexión que mantiveran, como mencionamos anteriormente, coas súas familias e amizades. Esta forte ligazón facía que a súa captura fora algo moi complicado para as forzas sublevadas. Sigue leyendo «A Ciudad de la Selva na documentación escrita (II): os primeiros grupos de fuxidos na bisbarra»

Por que pensamos que o castro de Viladonga se abandonou nos séculos II e IV d.n.e.? (Parte IV: a interpretación)

Nos pasados posts defendemos a hipótese de que o coñecido castro de Viladonga foi abandonado entre os séculos II e IV d.n.e. para volver ocuparse nos momentos finais do século IV e, sobre todo, no século V. Baseados nos estudos da cultura material, a cerámica, a estratigrafía e as moedas, presentamos todos os datos que nos permitían defender esta hipótese. Todo o razoamento pódese ler neste artigo que deixamos aquí. Agora toca a parte máis importante: preguntar polas razóns deste abandono e as consecuencias históricas que implica.

A implantación do Imperio Romano e as súas dinámicas económicas tiveron un forte impacto sobre as comunidades que vivían previamente no territorio incorporado ao imperio. A lóxica económica do imperio baseábase nunha explotación intensiva do territorio artellada en torno a distintas cidades e contornas secundarias que recollían o produto do campo e o distribuían polo imperio. Por exemplo, o pagamento aos exércitos, a annona, foi un dos máis importantes acaparadores de gran e de gando. Dentro desta lóxica, os castros xogaron un papel cada vez menos importante, e a poboación abandonou progresivamente estas contornas. Por exemplo, o castro de Formigueiros foi abandonado definitivamente a finais do século I d.n.e. e non foi ocupado outra vez. No caso de Viladonga, a estratigrafía mostra que durante o século I houbo aínda ocupación. Incluso se construíron varias estruturas na zona leste do sitio. Porén, e como defendemos, o sitio abandonouse no século II d.n.e.

E onde foi toda esta poboación? É verdade que temos moi pouca información ao respecto, pero é moi posible que parte desta xente vivise e traballase nas contornas da vila de Doncide. Esta vila sitúase a poucos quilómetros do sitio, aínda que só se coñece a existencia dun mosaico asociado ao xacemento, que indicaría unha ocupación durante os séculos III e IV d.n.e. Polo que sabemos deste tipo de sitios, normalmente os seus dependentes vivían na contorna inmediata, como sabemos doutras vilas como La Olmeda, ou Carranque. Xente que cultivaría os terreos da vila, máis proximos do seu lugar de traballo diario.

Reconstrucción de la villa romana de La Olmeda. Fuente. villaromanalaolmeda

Este sistema mantívose ata a segunda metade do século IV d.n.e., momento no que comezamos a ver no rexistro arqueolóxico mudanzas moi significativas. Por exemplo, algúns edificios públicos das cidades romanas transfórmanse en zonas produtivas ou en casas privadas. Tamén se nota a través da cerámica unha progresiva contracción das redes de abastecemento. Estas mudanzas tiveron un momento de aceleración no século V, e a ocupación masiva de asentamentos fortificados foi un dos procesos máis visibles nas paisaxes (como xa comentaramos noutro post).

Ocupacións fortificadas do século V d.n.e. no centro e norte peninsular

É neste contexto no que a re-ocupación de Viladonga ten máis sentido. O momento de incerteza política e social que caracterizou o inicio do século V pensamos que é a causa de que a xente decidise volver ao castro. Como xa dixéramos, as invasións bárbaras xogaron o seu papel, pero é tamén moi importante ter en conta os intereses das elites locais e territoriais en manter o seu poder nun momento de derrubamento do Estado romano.

E que implicaría que a nosa hipótese fora certa? O primeiro sería a revisión exhaustiva doutros contextos similares onde se pensa que houbo unha ocupación continuada entre a época castrexa e o mundo tardorromano. Sitios como San Cibrán de Las, Fazouro ou Castrolandín deberían ser revisados á luz das novas investigacións para coñecer mellor as súas secuencias de ocupación. Deste xeito, as novas escavacións no sitio de Santomé apuntan a cronoloxías moi similares ás que nós apuntamos para Viladonga.

Castro de San Cibrán de Las

En segundo lugar, implicaría reconsiderar a importancia da reocupación dos asentamientos fortificados no noroeste como un fenómeno particular e propio. Neste sentido, conceptos como o do «galaico-romano» adquirirían unha nova dimensión, máis alá dunha categorización atemporal e cultural.

Por último, habería que estender as análises a outras materialidades destes asentamentos, como as estruturas domésticas ou as relacións de xénero. Só mediante unha secuencia crítica dos sitios poderemos facer unha historia de calidade e unha interpretación científica destes importantes centros de poboamento que artellaron as relacións sociais no pasado.

A Ciudad de la Selva na documentación escrita (I): os antecedentes

(Texto redactado por Alejandro Rodríguez Gutiérrez e extraído do informe técnico da escavación da Ciudad de la Selva. Campaña 2018)

O 18 de xullo de 1936 comezou un golpe de Estado militar e fascista contra o goberno da Fronte Popular, unha coalición de partidos e organizacións políticas de esquerdas, que alcanzara a vitoria nas eleccións do mes de febreiro dese mesmo ano. O fracaso do golpe en boa parte do territorio estatal, dará paso a unha Guerra Civil, desenvolta entre ese mesmo 18 de xullo e 1 de abril de 1939, pero que na Galiza e O Bierzo apenas durará uns días. A toma do Barco de Valdeorras e de Ponferrada polas forzas militares sublevadas entre o 21 e o 22 de xullo deixará os dous núcleos principais de poboación das comarcas de Valdeorras e do Bierzo no que se vai converter na retagarda sublevada dende o comezo da devandita guerra (García Yáñez 2005; Rodríguez Gutiérrez 2016). Sigue leyendo «A Ciudad de la Selva na documentación escrita (I): os antecedentes»