A Ciudad de la Selva na documentación escrita (I): os antecedentes

(Texto redactado por Alejandro Rodríguez Gutiérrez e extraído do informe técnico da escavación da Ciudad de la Selva. Campaña 2018)

O 18 de xullo de 1936 comezou un golpe de Estado militar e fascista contra o goberno da Fronte Popular, unha coalición de partidos e organizacións políticas de esquerdas, que alcanzara a vitoria nas eleccións do mes de febreiro dese mesmo ano. O fracaso do golpe en boa parte do territorio estatal, dará paso a unha Guerra Civil, desenvolta entre ese mesmo 18 de xullo e 1 de abril de 1939, pero que na Galiza e O Bierzo apenas durará uns días. A toma do Barco de Valdeorras e de Ponferrada polas forzas militares sublevadas entre o 21 e o 22 de xullo deixará os dous núcleos principais de poboación das comarcas de Valdeorras e do Bierzo no que se vai converter na retagarda sublevada dende o comezo da devandita guerra (García Yáñez 2005; Rodríguez Gutiérrez 2016).

A partir dese mesmo momento, vai comezar nesa retagarda un proceso de violencia programado polos xefes do golpe contra o goberno da República, xa proclamado nas ordes establecidas dende o mes de maio anterior. Segundo se manifesta na Instrucción reservada nº 1, firmada polo xeneral Mola, “la acción ha de ser en extremo violenta, para reducir lo antes posíbel al enemigo”(Aróstegui 1996: 40), e baixo este mandato vanse centrar de inmediato os esforzos dos colectivos que traballan polo triunfo do golpe. Baseándonos nos datos extraídos do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, na comarca de Valdeorras no período 36-39 cométense, polo menos, 75 asasinatos extraxudiciais[1]. Estes poderían clasificarse, na maior parte dos casos, como delitos de desaparición forzada e nos que os corpos das vítimas seguen a estar sepultados en lugares descoñecidos. E será este proceso de violencia, esta implantación do medo a base de asasinatos, o que comeza a fracturar as sociedades campesiñas da contorna, incluída a de Casaio, e que levou a centos de persoas a escapar das súas casas, para non ser as seguintes en completar as ansias de sangue das forzas do “Novo” Estado. Non será esta a única razón pola que atoparemos persoas agochadas, senón que tamén o medo á propia guerra e ás sucesivas mobilizacións de quintos van a deixar unha enorme cantidade de prófugos, que empregarán as mesmas vías de escape e que, ás veces, poden confundirnos sobre as razóns para o paso a vida na clandestinidade.

A fuxida vai a ter varias vías ao longo dos meses que seguen ao triunfo do golpe de Estado. Unha vai a ser cara a Portugal, onde comezan a refuxiarse persoas procedentes de Galiza, Zamora e León dende o mesmo mes de xullo. Así será confirmado, por exemplo, polo Comandante da Garda Nacional Republicana portuguesa ao Comandante Xeneral do Exército Português, que nun telegrama datado no 27 de xullo de 1936 afirma que:

“foram presos administrador concelho Vinhais auxiliado comadante Posto povoação Moimenta 12 espanhõis sendo dois generais e um Comandante[2].”

Máis específico será o Gobernador Civil de Bragança, quen remite unha nota confidencial ao Ministerio do Interior portugués o 27 de agosto do mesmo ano afirmando que:

“hoje foram entregues à Polícia Internacional os civís espanhois desarmados João Celas Liz, de 25 anos, Eloy Vasquez Puga de 27 anos e José Martins Dieguez de 61 anos, todos lavradores da província de Orense, que entraram pela frontera de Vinhais e declararam também fugir aos acontecementos de Espanha, declarando mais o último que o queriam obrigar a contribuir com 2.000 pesetas sob pena de fuzilamento[3].”

Incluso este afán violento chega a acceder, nestes primeiros meses, cara o territorio luso, como informa ao mesmo Ministerio o Gobernador Civil de Viana do Castelo, quen afirma:

“que na região de Castro Laboreiro, concelho de Melgaço, têm efectuado incursões os espanhois armados en perseguição de adversários políticos internados em Portugal, chegando a proceder a buscas em territorio portugués[4].”

A seguinte vía de escape será a ocultación de persoas, de maneira individual, nos seus domicilios ou nos arredores destes. Tal foi o caso dos irmáns Domingo, Ricardo e Antonio Fernández Estévez, veciños de Fontei (A Rúa). O 22 de xullo de 1936 escapan cara os montes de Cereixido, no concello lugués de Quiroga, onde permanecen até o 9 de setembro do mesmo ano, “regresando en dicha fecha a casa de sus padres ocultándose en un pajar propiedad de sus padres[5], engadindo que o motivo de ocultarse fora “por temor a que le ocurriera alguna cosa, por haber intervenido en las elecciones del dieciséis de febrero del mismo año como apoderado de los colegios del término de La Rúa[6].Preséntanse as autoridades da Ditadura o 8 de maio de 1939 e, tras pasar varios meses na cadea, son destinados a caja de recluta sen condena algunha.

Tamén podemos mencionar o caso de José Blanco Trincado, veciño do Barco de Valdeorras e afiliado a UGT. Como el mesmo declara ante a Guardia Civil, o día 21 de xullo saíu

“el dicente con dirección al pueblo de Sampayo del municipio de Petín ocultándose en dicho pueblo en distintos pajares, ocultándose de la vecindad del mismo sin que de ellos recibiese protección; que para su alimentación iba su madre e otras veces una hermana e se entrevistaban con él entre los pueblos de Valencia del Sil e el citado pueblo de Sampayo e le llevaban provisiones para quince o veinte días que se repetía la misma operación, sosteniéndose en estas condiciones hasta el día de su presentación. Que no hizo su presentación antes por temor a la acción de la Justicia[7].”

Gerardo Núñez Rodríguez

Preséntase á Guardia Civil o 10 de xuño de 1939, finalmente é condenado a 12 anos e un día de prisión en consello de guerra celebrado en Ourense en novembro do ano seguinte[8].

A terceira das vías vai a ser a de alcanzar o territorio leal ao goberno da República máis próximo, Asturias. Nos primeiros meses serán centos de persoas de Valdeorras e do Bierzo as que o lograrán, mais o fluxo foi constante durante toda a duración da guerra no norte, até a súa conquista por parte das forzas sublevadas en outubro de 1937, aínda que dende o outono do ano anterior, as vías para chegar o territorio asturiano foron moito máis controladas polos militares sublevados.

Un dos grupos máis coñecidos da comarca valdeorresa foi dado a coñecer por García Yáñez (2005), baseándose no relato de Domingo Mateo Dobao, no que este último relata as penurias do grupo co que conseguiu chegar a Asturias. Este estaba composto por un total de 37 persoas, e onde se atopaban varias persoas da comarca de Valdeorras, como os irmáns Gerardo e Ramón Núñez Rodríguez, de Rubiá, Leoncio e Félix Crespo, de Larouco, ou María e Pedro Quiroga Hervella, da Rúa, ademáis do propio Domingo[9].

Así mesmo, coñecemos que algunhas persoas procedentes de Valdeorras o do Bierzo formaron parte do coñecido Batallón Galicia, dos que temos localizados polo de agora un total de 46 persoas, a maior parte delas de Valdeorras, incluídas varias mulleres, como María García Fernández, militante do PCE e miliciana no Batallón dende o 6 de outubro de 1936.[10]

Algúns grupos destes evadidos retornarán cara Galiza ao caer a fronte norte en mans dos militares sublevados e, como veremos máis adiante, converteranse nun punto central no desenvolvemento da resistencia armada na bisbarra. Por exemplo, atopamos mencións a nun grupo formado na comarca da Cabreira, que conseguirá chegar a Asturias o 13 de agosto de 1937 e que retornará cara os montes do Bierzo, a Cabreira e Valdeorras despois de Outubro. Entre outras persoas, formarán parte do mesmo Manuel Girón Bazán, dos Barrios de Salas, Guillermo Pousa Pinza e o seu fillo Claudio Pousa Marqués, panadeiros de Ponferrada e o fotógrafo residente no Barcoe antigo alcalde da localidade polo PCE, Manuel Blanco Pascual[11].

A cuarta das vías vai a ser a de escapar cara as montañas e converterse en fuxidos, que en pequenos grupos tratarán de subsistir e esperar que os acontecementos marquen os seguintes pasos. Como forma de subsistencia tratarán de apoiarse nas lealdades primordiais, definidas por Yusta (2003), baseadas nas familias e veciños máis próximos a eles e resistir grazas ao poder que lle dan as poucas armas que posúen. Isto lles permitirá, de forma paralela, cometer pequenos atracos polos que obteñen pequenas cantidades económicas, roupa ou comestíbeis.As zonas de ocultación serán as montañas, nas zonas que coñecen con anterioridade e que controlan á perfección, xa que moitos deles eran campesiños ou obreiros da contorna. Mentres que nos primeiros meses, estes grupos sitúanse en zonas moi próximas aos lugares de orixe dos seus integrantes e teñen unha mobilidade moi reducida,co paso dos meses, esta situación cambiará. Ademais, nestes primeiros fuxidos atopamos persoas cunha maior implicación no estruturamentos ocial e político da IIª República, como poden ser o concelleiro de Vilamartín de Valdeorras, Gervasio Núñez Ferrer; o Tenente de Alcalde de Petín, Luis Carballo Fernández; o concelleiro de Rubiá, Ramiro Franco Rodríguez; ou o vicepresidente do Sindicato Agrícola e de Oficios Varios de Fontei, A Rúa, Joaquín Vales Rodríguez; só por mencionar algúns daqueles que non serán protagonistas do posterior movemento guerrilleiro co paso dos anos.

[1]Datos extraídos da web http://www.nomesevoces.net [Consultado o 27/12/2018]. Estes datos abarcan os concellos de A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

[2] Arquivo Nacional da Torre do Tombo, Lisboa (ANTT), ref. PT-TT-MI-GM-4-64-14.

[3] ANTT, ref. PT-TT-MI-GM-4-64-46.

[4] ANTT, ref. PT-TT-MI-GM-4-64-37.

[5]Archivo del Tribunal Militar Territorial IV (ATMT IV), Fondo Ourense, DP. 722/39.

[6] Íbidem.

[7] ATMT IV, Fondo Ourense, C. 426/40.

[8] Íbidem.

[9] Estas listaxes atópanse no Centro Documental de la Memoria Histórica, Salamanca (CDMH), PS-Gijón, C.082. Polo de agora, os datos analizados só nos ofrecen fiabilidade en canto a procedencia dos evadidos entre o 12 de xaneiro e o 12 de outubro de 1937, entre os que localizamos un total de 23 persoas de Valdeorras e 57 do Bierzo.

[10] CDMH, PS-Gijón, C. 070. É moi posíbel que a mediados de setembro de 1936, outro grupo numeroso de persoas procedentes da zona chegara á zona leal asturiana, xa que atopamos que boa parte das persoas ingresadas neste Batallón fixérono entre o 22 de setembro e o 6 de outubro dese ano.

[11] CDMH, PS-Gijón, C. 082. En total, o grupo estaba composto por 11 persoas, a maior parte delas dos concellos bercianos de Ponferrada e Bembibre.

Bibliografía

Aróstegui, Julio: La Guerra Civil. 1936-1939. Historia 16, Madrid: 1996

García Yáñez, Félix: O Barco e a terra de Valdeorras durante la II República e o Franquismo (1931-1977), Vigo: 2005

Rodríguez Gutiérrez, Alejandro: Triunfó el movimiento. Golpe de Estado y represión en El Bierzo. Instituto de Estudios Bercianos, Ponferrada: 2016

Yusta Rodrigo, Mercedes: Guerrilla y resistencia campesina: la resistencia armada contra el franquismo. Prensas Universitarias de Zaragoza, Zaragoza: 2003

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s