O contexto político e social das ditaduras en América Latina: guerra fría, CIA e a operación Cóndor

O concepto de ditaduras cívico-militares en América Latina abarca realidades políticas e sociais bastante diversas, que fai referencia aos réximes políticos dalgúns dos países do Cono Sur desenvolvidos entre as décadas dos anos 60 e 80. Así, normalmente, úsase este concepto para designar o que aconteceu neste período nos países da Arxentina, o Brasil, Bolivia, Chile, Paraguai e Uruguai. Sociedades, economías e políticas moi distintas pero que tiveron como nexo común a imposición de réximes ditatoriais de base militar ao longo destes anos. Esta semellanza fai que diversos investigadores e investigadoras tentaran analizar as raíces comúns deste fenómeno histórico. De feito, os estudos arqueolóxicos están a achegar moita información neste sentido, xa que, en termos materiais, estes países mostran características moi similares. Este é o eixo do traballo da compañeira Caroline Murta Lemos publicado no volumen colectivo «Arqueología de la dictadura en Latinoamérica y Europa«, para quen estes réximes comparten o nexo de utilizar o terrorismo de Estado como arma política. Máis aínda, a explicación para as súas semellanzas ten que ver, segundo a autora, co contexto político é o desenvolvemento de conexións políticas entre estes países.

América Latina nos anos 60 era un foco moi quente no contexto da Guerra Fría. Tras a guerra de Corea, as limias entre os Estados Unidos de América e a Unión Soviética, as dúas super potencias en pugna polo control da economía global, estaban máis ou menos fixas. Cada unha delas tentaba aumentar a súa área de influencia pero non con conflitos abertos, senón con estratexias máis diplomáticas e políticas. A Revolución Cubana modificaría totalmente este panorama. Por primeira vez, unha revolta de carácter popular tomaba o poder, instauraba un réxime socialista e aliñábase cara á Unión Soviética. E todo isto a escasos quilómetros de solo americano. Por suposto, isto activou todas as alarmas no goberno estadounidense. Moi cedo, moitos países quixeron seguir a senda cubana, e diversas guerrillas e movementos políticos xurderon en América Latina co fin de derrocar os gobernos, moitos deles aliados dos Estados Unidos de América.

A reacción foi organizada moi cedo, e artellada sobre todo a través da CIA, o servizo secreto dos Estados Unidos. A estratexia dirixouse cara a dous obxectivos. En primeiro lugar, deter a expansión dos movimentos guerrilleiros en América Latina, caso dos montoneros en Arxentina ou os tupamaros en Uruguai. Para isto, organizáronse grupos de tipo paramilitar que utilizaron estratexias de terror e tortura non só dirixidas aos grupos guerrilleiros, senón tamén á poboación civil. O segundo obxectivo foi a instalación de réximes de tipo militar favorables aos intereses de Estados Unidos en América Latina. O golpe de Estado de Pinochet foi a culminación desta estratexia contrarrevolucionaria.

Doutra banda, tratábase de desmantelar toda a base loxística e social dos movementos insurxentes en todo o continente. Para isto foi necesaria a coordinación de todos os novos réximes ditatoriais. Así, no marco da chamada Doutrina de Seguridade Nacional, e financiado polos Estados Unidos de América, púxose en marcha a Operación Cóndor a partir de 1968. A Operación Cóndor foi un plan de coordinación que implicou a gobernos e grupos de practicamente todos os países do Cono Sur para a vixilancia, a detención, a tortura e mesmo o asasinato de opositores políticos. Esta operación implicou os coñecidos voos da morte, isto é, o traslado coordinado de persoas dun páis a outro para facer desaparecer os corpos. Os «arquivos do terror» achados en Paraguai en 1992 dan a cifra dunhas 50.000 persoas asasinadas durante esta operación.

Grazas a traballos como o de Caroline Murta Lemos podemos entender mellor o contexto no que as materialidades das ditaduras en América Látina tiveron lugar. Un contexto que é preciso analizar para non repetir.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s