Tras a caída do muro de Berlín, a desintegración da Unión Soviética e a guerra dos Balcáns pensábase que a ditadura sería reducida a un concepto teórico dos libros de Ciencia Política. Non era para menos. En Europa os últimos réximes ditatoriais remataron nos anos 70 co Reino de España e Portugal. Só unha década e media máis tarde, os réximes de Pinochet e de Stroessner pechaban a porta as clásicas ditaduras do Cone Sur americano. Porén, os últimos anos viron como o avance da extrema dereita en Europa e do autoritarismo militarista en América Latina ameaza con actualizar o supostamente morto concepto de ditadura. É por isto que as distintas Ciencias Sociais se enfocaron na análise deste fenómeno tanto nas sociedades do pasado como no presente. Desde o noso punto de vista, a arqueoloxía tamén pode achegar un importante coñecemento ao estudo das ditaduras.
Non é unha idea nova esta de que a arqueoloxía poida estudar as ditaduras políticas, aínda que si é recente. No caso de América Latina, os estudos arqueolóxicos sobre as ditaduras tiveron un punto de arranque nos anos 80 coa creación de distintos grupos de traballo para a exhumación de fosas comúns. O máis coñecido destes grupos é o Grupo de Investigación de Antropología Forense (GIAF), creado en Arxentina pero que traballou en sitios como Yugoslavia, México ou España. No caso de Europa, os primeiros traballos arqueolóxicos relacionáronse co estudo nos anos 90 dos campos de concentración nazis así como a monumentalización da ditadura fascista italiana.

Co paso do tempo os temas de estudo abordados pola arqueoloxía da ditadura expandíronse a unha e outra beira do charco. En América Latina, durante os anos 90 a mudanza do século, analizáronse moitos centros de detención en países como Arxentina, Chile ou Brasil. Tamén continuaron os traballos de exhumación, das fosas comúns, xerando todo un «xiro antropolóxico» no estudo da represión e da violencia política. Igualmente tiveron moita importancia durante estes anos os traballos sobre a memoria e a monumentalización dos espazos de memoria, baixo a consigna de xerar xustiza, e reparación ás vítimas de represión. Pola súa parte, en Europa non foi tan sinxelo o desenvolvemento dunha arqueoloxía das ditaduras en países como Alemaña, España, Grecia ou Rusia. Isto responde a moitos factores e razóns. Algúns dos máis importantes son que a arqueoloxía do pasado contemporáneo non tivo moito percorrido ata moi recentemente en Europa salvo nalgunhas tradicións académicas. Ademais, e quizais de xeito máis importante, razóns de tipo político que impedían estudar o pasado ditatorial dos países europeos. Un caso moi claro é o reino de España, onde a ditadura franquista é un tema tabú, aínda que é o país con máis represaliados en fosas comúns só por detrás de Camboxa. Porén, grazas aos traballos arqueolóxicos desenvolvidos para estudar a Guerra Civil pouco a pouco poden facerse traballos deste tipo enfocados á ditadura franquista.

Hoxe a arqueoloxía das ditaduras do pasado recente non só é unha disciplina desenvolvida, senón que tamén é unha ferramenta moi útil para confrontar problemas e preocupacións actuais. É por esta razón que desde o noso proxecto tivemos a iniciativa, xunto cos colegas Carlos Marín e Bruno Rosignoli, de editar un libro sobre esta temática onde se poñen en común distintos casos de estudo e iniciativas de traballos arqueolóxicos en América Latina e en Europa. Experiencias que xa tivemos a oportunidade de intercambiar durante a Reunión de Teoría Arqueolóxica de América Latina que tivo lugar en Ibarra (Ecuador) en 2018. e que agora toman forma nun libro editado pola prestixiosa editorial BAR de Oxford.
En próximos posts comentaremos en detalle cada unha das propostas deste volume que nos levarán por Chile, Brasil, España, Grecia ou Alemaña.