
A ditadura arxentina, xunto coa chilena, poden ser considerados os réximes ditatoriais máis representativos de América Latina. En realidade, Arxentina vivu diversos réximes autoritarios ao longo do século XX. Porén, foi o chamado Proceso de Reorganización Nacional o que máis impacto tivo no país e o que máis violencia implicou. Esta ditadura impúxose tras un golpe de Estado contra o goberno peronista de María Estela Martínez de Perón en marzo de 1976, e executado polas Forzas Armadas. Estas colocaron no goberno unha Xunta Militar integrada por tres comandantes das Forzas Armadas, goberno que posteriormente foi monopolizado polo xeneral Jorge Rafael Videla. Videla acapararía o poder ata 1981. Neses anos, Arxentina enfrontouse ao Reino Unido na Guerra das Malvinas, o que provocou unha fortísima crise ao réxime e logrou artellar unha oposición política o suficientemente sólida como para forzar que o poder pasase a un goberno elixido democraticamente en Decembro de 1983 encabezado por Raúl Alfonsín.
A violencia, tanto física como simbólica, da ditadura arxentina foi especialmente intensa. Xeralmente se pensa que o réxime causou 30.000 desaparecidos, persoas que baixo a propia mirada de Videla «non existían, non eran». Estes desaparecidos foron un dos motivos principais de artellamento da resistencia e o descontento social a través de organizacións como as Nais da Praza de Maio, un auténtico exemplo de loita pola verdade, xustiza e reparación das vítimas da ditadura. A maiores, a ditadura arxentina foi unha das grandes protagonistas da coñecida como Operación Cóndor, unha operación militar a grande escala de traslado e asasinato de civís que implicou a diversos países do Cono Sur. Esta operación tivo en Arxentina e en sitios como a Escola de Mecánica da Armada en Bos Aires centros neurálxicos de represión e violencia.

A diferenza de países como España, unha vez Arxxentina logrou un réxime de tipo democrático, afrontou o traballo de recuperación da memoria das vítimas, aínda que este puido ser parcial e criticable. Xa desde os anos 80, o goberno e, sobre todo, as asociacións civís promoveron estudos e exhumacións de represaliados. Froito destes movementos foi a creación en 1984, só un ano despois da fin da ditadura, do Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense (EAAF), un equipo encargado das exhumacións de represaliados non só en Arxentina senón en todo o mundo. O EAAF traballou en sitios como Croacia, Kosovo, Angola ou México.
Esta temperá resposta ante os abusos cometidos pola ditadura é o que explica que en Arxentina a arqueoloxía da ditadura teña unha longa historiografía e que sexa xa algo asumido pola academia. Porén, isto non implica que aínda haxa moito que facer e estudar mediante, por exemplo, a aplicación de novas metodoloxías e teorías. Este é o caso do interesante traballo de Bruno Rosignoli «La administración de lo clandestino. Revisitando las relaciones entre circuitos represivos y estrategias de disposición final a escala local (Rosario 1976-1983)«, publicado no libro «Arqueología de la dictadura en Latinoamérica y Europa«.
Neste traballo, Bruno Rosignoli aplica complexas ideas de análise espacial para estudar o que chama os circuítos represivos, isto é, os procedementos normalizados e burocratizados da represión na cidade de Rosario. Mediante o artellamento complexo de diversos mecanismos sociais, militares e xudiciais, a ditadura implementou formas moi desenvolvidas de represión, moi próximas aos métodos utilizados polos nazis en Alemaña. Dalgún xeito, o máis terrorífico da violencia e da represión é, como mostran traballos como os de Bruno Rosignoli, a súa capacidade para ser normalizados e asumidos como procedementos de tipo burocrático. O interesante é como a arqueoloxía pode dar unha visión moi precisa e alternativa deste tipo de procesos. É posible que algún día, grazas a estes estudos, se poida chegar ao ideal de verdade, xustiza e reparación exixido por organizacións como as Nais da Praza de Maio.