A romanización do val do Sil: O Castrelo de Proendos (Sober, Lugo)

Fotografía aérea do sitio de Castrelo de Proendos

O informe destes traballos pódese atoar aquí e o artigo publicado aquí.

A parroquia de Santa María de Proendos localízase nunha chaira elevada situada entre o río Sil e o río Cabe. Nesta planicie, no seu extremo suroeste sitúase un pequeno outeiro onde se sitúa o Castrelo de Proendos. Nas fichas de catalogación previas (GA27059005) informan que, por mor da vexetación, non se pode caracterizar.

As fontes escritas referidas a Proendos son relativamente abundantes en comparación con outros dos sitios estudados na zona do río Sil, dado que o topónimo fai referencia a unha parroquia xa constituída no século XII d.C. Así parece sinalar os documentos máis antigos do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, propietario da igrexa antes do ano 1218 (ed. Duro Peña, 1977: 262-263, doc. 17), pertenza que ficaría confirmada polo papa Inocencio IV en 1247 (ed. Duro Peña, 1977: 280-282, doc. 44). Porén, non hai referencias explícitas na documentación escrita ao castro, centrándose nas posesións do mosteiro e na súa compra-venda ou doazón por parte de diversos señores da zona entre os séculos XIII e XV d.C.

Materiais atopados na necrópole de época romana en Proendos (Fernández Llano, 1977)

No castro (ou Castrelo, como marca o topónimo local) de Proendos, como tal, non foi obxecto de estudos ou escavacións arqueolóxicas. Porén, a localización de una posíbel necrópole romana no entorno da actual igrexa de Santa María, fora do entorno do castro, e publicada por M. Vázquez Seijas nos anos 40 fixo que Proendos fora incluído como un posible castro con ocupación tardía e con outra posíbel ocupación medieval (Lovelle y López Quiroga, 2000; Sánchez Pardo, 2012) e incluso una das posíbeis ubicacións do Castro Dactonio, encrave da tribo dos Lemavos segundo Ptolomeo[1]. As prospecións posteriores completaron o mapa de xacementos localizados en Proendos máis non púidose atopar evidencias arqueolóxicas no entorno do castro, actualmente a monte e cheo de vexetación.

Durante nosos traballos atopamos o lugar onde se sitúa o castro ocupado, pola súa beira sur, por unhas antenas e unha bomba de auga, mentres que pola súa parte norte, a vexetación impedía o seu acceso. Localizamos varios muros que delimitan o parcelario antigo e un camiño relacionado con estes, máis non se aprecian evidencias de delimitación dunha plataforma que poida indicar a presenza dunha ocupación en altura moito máis que o topónimo.

Nas ortofotos históricas consultadas e no MDT creado non localizamos evidencias arqueolóxicas. Como se observa na fotografía aérea do “voo americano” do 1956-57 todo o local do Castro estaba parcelado, polo que podemos aventurar que apenas poden quedar evidencias en superficie da existencia dun asentamento fortificado.

No entorno do Castrelo de Proendos, localizáranse varios elementos arqueolóxicos de interese. O primeiro é a presenza dun xacemento de época romana a uns 600-700 m. en dirección sur do castro.

Modelo dixital do terreo do sitio de Castrelo de Proendos

Na actualidade na zona atopáronse algunhas zonas de fragmentos de material latericio de “época romana” tipo tégula. Por outro lado, cabe mencionar que nas diferentes construcións da aldea de Proendos se atoparon columnas, inscricións, basas ou pedras de muíño posíbelmente asociadas a este xacemento.

En dirección NE, a uns 600-700 m. do castro, localízase outro xacemento tamén rexistrado no inventario (GA27059016) e que fai referencia a una necrópole, actualmente desaparecida. Por referencias orais coñecemos de que “no entorno da igrexa, cara o norte da mesma, durante a apertura dunha pista, localizaron restos dunha canle de granito e un esqueleto moi grande, que en canto se tocou desfíxose en pó”[2]. Esta referencia oral cadra co recollido na ficha do inventario e no artigo de Vazquez Seijas, M,. (Vázquez Seijas, 1946), onde se referencia a localización dunha necrópole, dun hipocausto e de diverso material encadrábel na época romana, e que se referencia depositado no Museo Provincial de Lugo. Os materiais publicados entón e relacionados coa sepultura exhumada (Fernández Llano, 1977) inclúen algúns fragmentos cerámicos de difícil adscrición tipolóxica, dúas campas tipo choca, e diversos obxectos de bronce de pequeno tamaño. Estes materiais poderían corresponder, sempre como hipótese, a una necrópole postimperial o incluso posterior, dos séculos V-VII d.C. moi probabelmente.

Distribución de xacementos romanos e tardíos en Proendos

A visita no entorno do Castrelo de Proendos non proporcionou novos dados arqueolóxicos, se ben realmente estes non existían anteriormente. A presenza dun xacemento arqueolóxico no castro é aínda una hipótese a confirmar en futuras intervencións arqueolóxicas mediante sondaxes. A necrópole descuberta nos anos 40 nas proximidades da igrexa medieval de Santa María, de posíbel adscrición tardorromana o incluso posterior -sempre dentro de una cronoloxía máis probábel dos séculos V-VII d.C.-, non ten por que relacionarse cronolóxica o funcionalmente co castro, ao menos cos dados actualmente coñecidos.

Polo contrario, é moi interesante a posíbel presenza en Proendos de xacementos de diversas cronoloxías, o que podería proporcionar una visión territorial no caso que o castro fora efectivamente un castro con ocupación tardía.


Bibliografía

FERNÁNDEZ LLANO, Enrique: Descripción del término municipal de Sober. Ayuntamiento de Monforte de Lemos, Monforte de Lemos: 1977

LOVELLE, Mónica R., y LÓPEZ QUIROGA, J.: «El poblamiento rural en torno a Lugo en la transición de la antigüedad al feudalismo (ss. V-X)». Cuadernos de Estudios Gallegos, 47, 113,  2000, 53-76.

SÁNCHEZ PARDO, José Carlos: «Castros, castillos y otras fortificaciones en el paisaje sociopolítico de Galicia (siglos IV-XI)». En: QUIRÓS CASTILLO, J y TEJADO SEBASTIÁN, José María (eds.), Los castillos altomedievales en el noroeste de la Península Ibérica. Universidad del País Vasco, Bilbao: 2012, 29-56

VÁZQUEZ SEIJAS, Manuel: Aportación de la provincia de Lugo al Corpus Petroglyphorum Gallaeciae. Diputación Provincial de Lugo, Lugo: 1946

 

Referencias

[1] Entrevista realizada a Afonso, de Francos de Proendos) o 20 de Xuño de 2017.

[2] https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/panton/2015/04/11/tres-posibles-solares-castro-dactonio-unidos-abandono/0003_201504M11C3991.htm

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s