Entre o imperio, o reino suevo e os mosteiros: o poboamento na ribeira do Sil na «Idade Escura»

       O triunfo da morte – Pieter Brueghel o vello (1562)

Escribe Casimiro Torres no seu libro Galicia Sueva (1977) que: «Hasta esta fecha [409] Galicia es un retazo del Imperio Romano, y aunque país extremoso y con particularidades étnicas, geográficas y medioambientales, participa de la uniformidad implantada por Roma, a la que damos el nombre de Romanidad; y en sus últimos años no sólo se encuentra sometida sino solidaria de los intereses del Imperio Romano. Con la entrada de los pueblos bárbaros en España y la estabilización de los suevos en Galicia, después de varios años de desorden y confusión, se acentúa la fisonomía particular de la Región Gallega, y los rasgos fundamentales de su personalidad histórica». Non hai dúbida de que os séculos posteriores ao desmantelamento do Imperio Romano foron cruciais para á conformación política, social e económica non só de Galicia, mais de toda a Península Ibérica. Porén, aínda é unha idade coñecida como «escura», pola falta de documentación escrita que nos informe sobre estes fundamentais cambios.

A idea dunha «Idade Escura», baseada na relativa ausencia de textos escritos, debuxaba un panorama moi miserable para as sociedades e comunidades locais posromanas, constrinxidas polas catástrofes naturais, as guerras e a pillaxe. Unha idea moi vinculada ás elites, a minoría social que podía ler e escribir, que pouco a pouco a arqueoloxía foi matizando. Dentro do noso proxecto de estudo da arqueoloxía das sociedades labregas tradicionais, estamos a estudar as mudanzas no sistema de poboamento na ribeira do río Sil, onde en xuño de 2017 tivemos a oportunidade de facer os nosos primeiros traballos na zona. Mediante estes, queriamos contrastar a hipótese de que as sociedades locais, campesiñas, eran moito máis dinámicas e activas do que normalmente se desprendía dos estudos de esta época. Como mostraremos nas próximas entradas, cremos que o conseguimos.

O área en torno ao río Sil preséntase coma un espazo de estudio privilexiado para analizar as mudanzas no sistema do poboamento tras o Imperio Romano, xa que é onde se localizan algúns dos asentamentos fortificados máis significativos dentro do proceso de desintegración do Imperio Romano e da construción do Estado suevo, caso de Penadominga (Quiroga, Lugo), Formigueiros (Samos, Lugo) ou Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense), e moi próximos a outros asentamentos coñecidos e de grande importancia histórica e patrimonial, como Castro Ventosa ou a vila de Cigarrosa. Podedes comprobar nos primeiros mapas que recompilan a información arqueolóxica coñecida, que se trata dun territorio especialmente interesante para abordar esta temática, cunha cantidade de información arqueolóxica moi sobresaínte.

Xacementos romanos e de época sueva na ribeira do Sil

As nosas investigacións centráronse, polo momento, nos castros na zona e, especificamente, aqueles chamados «tardíos», isto é, os sitios ocupados nos momentos finais do Imperio Romano e durante a época sueva. Malia que o fenómeno da “ocupación tardía” destes castros é un feito recoñecido, aínda non existe unha masa crítica que o fundamente empiricamente e, moito menos, unha interpretación sólida sobre as causas sociais, políticas e económicas que expliquen este fenómeno nel contexto do nacemento do Estado Suevo. É por iso que o noso primeiro obxectivo foi a análise exhaustiva de toda a información documental e arqueolóxica dispoñible para cada caso en particular, con sorprendentes resultados.

Nestas semanas divulgaremos aquí os principais resultados destas primeiras investigacións, que podedes tamén ver neste artigo.

Deja un comentario