A relevancia do campesiñado após a fin do Imperio Romano en Occidente

Cholas, de Alfredo Manrique Torres

Tradicionalmente, dentro do que chamamos a historia positivista, a historia é feita polas elites e constrúese a través dos grandes feitos como as batallas, os reinados ou as relacións diplomáticas. Nesta forma «elitista» de ver a historia, as clases baixas e os grupos subalternos non adoitan xogar un papel relevante. De feito, ás veces son totalmente ignoradas ou teñen papeis moi pasivos no desenvolvemento da historia. Este é o caso do campesiñado. O recentemente falecido Theodor Shanin, un dos teóricos do campesiñado máis importantes do século XX, falaba da «clase incómoda» para referirse a este papel pasivo pouco valorado pola investigación ou polas políticas sociais. O razoamento é sinxelo: se o campesiñado só pode xogar un papel pasivo entón debe ser superado mediante políticas activas.

Porén, existen moitas liñas de traballo moi estimulantes que procuran analizar o importante rol desempeñado polas sociedades labregas ao longo da historia. Por exemplo, o sociólogo holandés Jan Douwe van der Ploeg considera que, lonxe de ser sociedades só determinadas polas condicións ambientais e que só poden desenvolver primitivas formas de produción, as sociedades labregas adoitan despregar complexas maneiras de interactuar co medio e cos demáis grupos sociais. De feito, van der Ploeg fala da necesidade de recuperar as formas produtivas do campesiñado como forma de loitar contra parte dos problemas económicos, sociais e ecolóxicos actuais. Un proceso que el chama a «recampesiñización» das estruturas agrarias.

Desde o noso proxecto Sputnik Labrego recollemos todas estas ideas coa intención de entender de xeito profundo e complexo as dinámicas campesiñas no pasado a través das evidencias arqueolóxicas. Para nós, as sociedades labregas tiveron, e teñen, un papel activo non só na configuración das súas sociedades e na súa relación co medio, senón no desenvolvemento da propia historia. Unha forma de facer a historia non de arriba cara abaixo, mais de abaixo cara arriba.

Un periodo histórico moi interesante para facer este tipo de reflexións é o momento final do Imperio Romano en Occidente durante o século V d.n.e. A fin deste grande imperio tivo moitas consecuencias para a organización social e política dos distintos territorios vinculados ao Imperio. Unha destas foi precisamente a dificultade das elites para manter o seu poder e control sobre as sociedades locais. Noutros posts falabamos sobre a ocupación dos asentamentos fortificados como unha representación material deste proceso. Porén, é en estreita ligazón con isto, outra consecuencia foi que as sociedades rurais tiveron unha maior autonomía para organizar os seus procesos sociais e económicos. Unha autonomía que autores como C. Wickham no se importante traballo Framing the Early Middle Ages chama o «modo de produción campesiño».

Campo de silos do xacemento de Carratejera (Navalmanzano, Segovia)

Arqueoloxicamente, esta autonomía das sociedades labregas pos-romanas son especialmente visibles; moito máis que na documentación escrita. Agora só sinalaremos dúas evidencias arqueolóxicas, que desenvolveremos en futuros posts. A primeira son as mudanzas nas formas de almacenamento destas sociedades. A partir do século V d.n.e., os tradicionais «horrea» romanos, grandes celeiros de acumulación de produción agraria, son substituidos polos pequenos silos de almacenamento, buratos no chan vinculados ao desenvolvemento das unidades domésticas campesiñas. A segunda evidencia, constatada en toda Europa occidental, é a emerxencia dun novo tipo de paisaxe labrega na que as aldeas e granxas serán as que dominen o territorio.

En calquera caso, o que queda claro é que incluso naqueles momentos que adoitamos asociar á escuridade, as sociedades campesiñas xogaron un importante papel que hoxe podemos recuperar a entender coas ferramentas científicas como a arqueoloxía.

As espigadoras, de Jean François Millet

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s